A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia organiza o vindeiro xoves, 16 de outubro, unha xornada formativa dirixida a gandeiros e aberta ao público interesado. O encontro, que conta co financiamento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través da Área de Medio Rural, celebrarase ás 11:30 horas no Hotel Terra Chá de Vilalba.
A sesión reunirá a expertos de referencia no sector agrogandeiro. A investigadora Teresa Moreno López, do Departamento de Produción Animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), abordará as claves para avanzar cara a sistemas de produción sostible e eficiente no cebo bovino de carne.
Abordaranse as claves para avanzar cara a sistemas de produción sostible e eficiente no cebo bovino de carne
Xunto a ela, a empresa Agronovo Ecoloxía impartirá un bloque práctico sobre cuestións normativas que afectan directamente ás explotacións. En concreto, explicará a implantación obrigatoria do novo sistema de facturación Verifactu a partir de 2026, así como as novidades da PAC 2026 e as liñas estratéxicas da futura PAC 2028–2034.
O novo sistema de facturación electrónica Verifactu será obrigatorio a partir do 2026
Desde a organización destacan que o obxectivo desta xornada é dar ferramentas útiles aos gandeiros galegos, tanto no ámbito produtivo coma no administrativo, para mellorar a rendibilidade e asegurar o cumprimento das novas obrigas legais.
A participación é gratuíta, mais require inscrición previa por cuestións organizativas. As persoas interesadas poden anotarse no teléfono 678 645 549 ou no correo electrónico aplegalicia@gmail.com.

Galego









Control OJD