Xornada sobre distribución sostible de xurro en Cimag Gandagro

O evento terá lugar o venres 21 e está organizado polo grupo de investigación Biomodem (USC)

Xornada sobre distribución sostible de xurro en Cimag Gandagro

Imaxe de archivo.

O Grupo de Investigación BIOMODEM, da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago, organizará o venres 21 de febreiro, ás 11:00 h, unha xornada técnica sobre Distribución Sustentable de Xurro.

O evento celebrarase en Silleda, nas instalacións da Feira Internacional de Galicia, dentro da feira CIMAG-GANDAGRO, na sala Mirador 1. A asistencia é gratuíta e conta coa colaboración da Fundación Enxeñaría Agronómica para o desenvolvemento de Galicia (FIA).

A xornada abrirase cunha intervención dun representante da Consellería do Medio Rural, quen exporá as últimas novidades normativas sobre o caderno dixital da explotación agrícola e as súa repercusións na aplicación de fertilizantes.

Ás 11:30 h terá lugar unha mesa redonda con representantes de Talleres Carruxo, Talleres Moga, Díaz e Valín e Durán Maquinaria, que analizarán o mercado dos tanques distribuidores de xurro e o impacto das novas regulacións.

A xornada tamén incluirá a presentación de dous proxectos innovadores: PurinPreciso e Agrolab_Biogal. O primeiro será presentado por FEUGA, BioModem e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (AGACAL). Pola súa parte, Agrolab_Biogal contará coa participación de Medrar e BioModem.

Ambos proxectos buscan incorporar sensores nos tanques distribuidores para medir os nutrientes do purín durante a aplicación. PurinPreciso aposta polos conductímetros, mentres que Agrolab_Biogal emprega tecnoloxía NIR.

A investigadora Diana Andrade, do Centro de Investigacións Agrarias de Baviera (LfL, Alemaña), pechará a xornada cun relatorio sobre os sistemas de distribución e análise de purín en Alemaña.

Os proxectos PURINPRECISO e AGROLAB_BIOGAL están financiados polas axudas da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Plan Estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027. Ademais, contan cun 14% de fondos propios da Xunta de Galicia e un 6% do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

xornada purin gal

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información