O 5 de decembro, Día Mundial do Solo, Feuga levará a cabo en Santiago de Compostela un evento único chamado ‘Solos Vivos’ que xorde coa idea de sensibilizar sobre a importancia de preservar a calidade do chan, un elemento crave para a sustentabilidade do planeta.
Este evento foi creado para destacar avances en proxectos de investigación europeos relacionados coa saúde do chan. Estes abarcan áreas como a agricultura de carbono, a creación de indicadores para avaliar a biodiversidade e a identificación de fontes de contaminación, cun enfoque particular na súa aplicación en Galicia.
‘Solos Vivos’ ten como finalidade compartir coñecemento e resaltar prácticas novas para axudar coa preservación e restauración da saúde do chan. Para participar no evento será necesario cubrir unha inscrición previa, con prazo ata o 25 de novembro, á que se poderá acceder na seguinte ligazón.
Participación de expertos galegos
En ‘Solos Vivos’, destacados expertos galegos das tres universidades públicas galegas compartirán a súa participación en proxectos de investigación europeos e presentarannos as últimas innovacións utilizadas en cada un deles. A través das súas intervencións, coñeceremos como estas estratexias especializadas están deseñadas para abordar os desafíos ligados ao chan, promovendo a súa conservación e mellora.
Os asistentes aprenderán como estes resultados poden beneficiar a Galicia, promovendo unha xestión sostible de chans agrícolas e forestais, a biodiversidade e a adaptación ao cambio climático.
O evento finalizará coa Soil Hub Fair, un formato interactivo enfocado no networking para dar a coñecer os proxectos e iniciativas relacionadas coa saúde do chan e onde os participantes poderán interactuar cos expertos.
Na xornada tamén se dispoñerá dun taller do proxecto europeo SoildiverAgro centrado en fomentar as Estratexias de facilitación para xestionar grupos de actores crave en proxectos europeos.
A xornada contará cos eventos de presentación de seis proxectos de innovación de grupos operativos supra-autonómicos da AEI-Agri (convocatoria 2023), distribuídos en dúas sesións paralelas:
- Sesión A, enfocada na adaptación ao cambio climático de solos agrícolas e forestais: CLIMALACT, PRERIVID e PLANFORLAB.
- Sesión B, dedicada ao incremento da produtividade e a conservación de solos agrícolas e forestais: OLIVITECH, ASH4SOIL e MAXI-coberLEG.
As presentacións realizaranse en formato híbrido, e o rexistro para a sesión en liña está dispoñible na seguinte ligazón.