Unha ducia de grupos de investigación das universidades galegas organiza o próximo 12 de setembro en Santiago unha xornada sobre a obtención de biomateriais a partir da biomasa forestal. Os investigadores, que contarán no acto coa participación de empresas galegas innovadoras, abordarán posibilidades como a extracción de produtos químicos, a elaboración de textiles ou a fabricación de bioplásticos a partir dos distintos compoñentes da madeira (celulosa, lignina, hemicelulosa, etc.).
Os procesos a abordar teñen en común que se desenvolven a partir de tratamentos da biomasa forestal con líquidos iónicos, caracterizados pola súa boa consideración medioambiental. O evento, de feito, está organizado pola Rede Galega de Líquidos Iónicos (ReGaLIs), da que forman parte doce grupos de traballo das tres universidades galegas.
Os expertos e investigadores levan anos traballando en novos procesos de transformación da madeira que permitan obter produtos naturais que poidan substituír aos derivados do petróleo para elaborar biocombustibles, plásticos, tecidos, ou ata compostos alimenticios.
Os líquidos iónicos son sales formadas por ións que teñen un punto de fusión por debaixo dos 100 ºC (a temperatura á que ferve a auga). Dado o seu carácter iónico, non se evaporan e polo tanto non contribúen á contaminación atmosférica (ó contrario do que acontece cos disolventes tradicionais empregados na industria química). Son disolventes que se deseñan a medida para realizar multitude de procesos químicos respectuosos co medio ambiente.
Ioncell, fibras textis a partir da celulosa
De todos estes procesos falarase o vindeiro día 12 no Gran Hotel Santiago, no seminario organizado por ReGaLIs, e no que estará presente Herbert Sixta, investigador da Aalto University de Finlandia, moi vinculado ao proxecto Ioncell, no que leva dez anos traballando para revolucionar a industria textil.
No seu proxecto de investigación e comercialización, Ioncell desenvolveu unha tecnoloxía que crea fibras de tecido de forma sostible a partir da celulosa de materiais coma madeira, xornais, cartón ou algodón de prendas xa usadas. Deste xeito, Ioncell elaborou un método non contaminante baseado no disolvente líquido iónico e en auga para disolver a celulosa de diferentes materiais e crear así fibras téxtiles con este proceso, que se completa co sistema de fiado ‘dry-jet wet spinning’.
O resultado desta innovadora tecnoloxía respectuosa co medio ambiente é un tecido forte e suave ao tacto, que está previsto que se comercialice no ano 2020. Polo momento, Ioncell xa conquistou á primeira dama finesa, Jenni Haukio, quen luciu un elegante vestido feito a partir de bidueiros nunha importante gala estatal.
O profesor de Química da Queen’s University de Beltfast, John Holbrey, un recoñecido investigador a nivel mundial, será outro dos relatores deste seminario, no que tamén estarán representadas as principais empresas galegas do sector, que levan anos apostando pola I+D+I cos líquidos iónicos.
Empresas galegas punteiras no sector
Betanzos Hb: Rosa Arcas explicará como dende Betanzos Hb utilizan un sistema de produción natural para elaborar taboleiros de fibras de madeira de alta densidade, útiles para a construción, automóbiles ou embalaxe. Paralelamente, desenvolveron novos bioprodutos a partires do zume da madeira, con propiedades antioxidantes e conservantes, útiles para multitude de aplicacións, dende a emenda de solos, industria química verde ou alimentación animal.
Foresa: Patricia Villaverde exporá algúns dos proxectos de Foresa, empresa con sede en Caldas que desenvolveu tecnoloxía para a fabricación industrial de biomateriais usando lignina como materia prima, e tamén para revalorizar residuos agrícolas e forestais (como palla de trigo ou corteza) para a elaboración de paneis de madeira, espumas illantes ou ligninas retardantes do lume.
Ence: Dende Ence, José Luis Francisco e Pedro Calvo abordarán algúns dos proxectos nos que está involucrada a empresa con sede en Pontevedra, como a revalorización da lignina para obter novas materias primas a partir dun produto natural (que se poderían usar no tratamento de auga, automoción ou como deterxentes, entre outros), ou a fabricación de micro e nanopartículas de celulosa que permitirán a creación de produtos naturais para substituír aos plásticos e a outros derivados do petróleo.
Xagoaza Pinaster: Jesús Eirín contará os avances e os proxectos de Xagoaza Pinaster, unha empresa do Barco de Valdeorras que extrae resina dos pinos sen danar a penas a árbore e sen que estea en contacto co aire. Fan un pequeno burato nos pinos e a resina cae nunha bolsa hermética. Agora están a construír unha nova fábrica para destilar esta resina en atmosfera cero (sen contacto co aire) coa finalidade de chegar a obter compostos farmacéuticos ou fragrancias naturais cun alto valor engadido.
Sobre ReGaLIs
A Rede Galega de Líquidos Iónicos (ReGaLIs) é unha estrutura creada en 2012 e financiada pola Xunta de Galicia que engloba trece grupos de investigación das Universidades e centros científicos de Galicia que desenvolven investigacións de vangarda en diferentes aspectos destes disolventes avanzados, fundamentais, entre outras aplicacións, para a obtención de diferentes produtos e materiais a partir da biomasa forestal.
Actualmente, ReGaLIs está formada por 12 grupos do Sistema Universitario Galego (5 da Universidade de Santiago de Compostela, 5 da de Vigo e 2 da Coruña) e un do IIAG do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Programa da xornada
O seminario “Biomasa forestal como fonte de produtos máis sostibles” celébrase o xoves 12 de setembro no Eurostars Gran Hotel Santiago dende as 09.00 ata as 18.15 horas, con seguintes paneis, que terán o inglés como língua principal.
09.15.- Inauguración
09.30.- Biomasa lignocelulósica: tecnoloxías de pretratamento e aplicacións
10.10.- Experiencias recentes de I+D+i das empresas galegas
12.00.- Mesa redonda: perspectivas de cara a unha biorrefinaría de produto baseada no recurso forestal. O caso galego
13.00.- Unha perspectiva do desenvolvemento de líquidos iónicos como disolventes para extraer valor da biomasa
14.50.- Tecnoloxía de líquido iónico no desenvolvemento de biorrefinarías para a produción de bioprodutos.
• IonoSolv – líquidos iónicos de custe ultrabaixo para o fraccionamento de biomasa lignocelulósica (Agnieszka Brandt-Talbot)
• Cara ó desenvolvemento dun novo proceso Iocell (Herbert Sixta)
• Posibilidades de valorización de biomasa con líquidos iónicos e disolventes semellantes (Rafal Lukasik)
• Líquidos iónicos, unha ponte entre as catálises biolóxica e química na valorización de bioprodutos. (Andrew C. Marr)
17.30.- Conclusións e clausura.