Webinar sobre xestión forestal sustentable centrado no potencial dos montes veciñais galegos

Webinar sobre xestión forestal sustentable centrado no potencial dos montes veciñais galegos

A entidade de certificación FSC organiza o próximo 4 de novembro en Pontevedra unha xornada sobre “Certificación FSC de xestión forestal e cadea de custodia”.

A xornada poderase seguir a través de zoom ou de forma presencial na Escola de Enxeñaría Forestal. Campus universitario A Xunqueira s/n. 36005 Pontevedra (Aula por definir dependendo da situación sanitaria COVID19)

No taller presentaranse os datos máis recentes da certificación FSC en Galicia, España, Europa e o mundo. Será inaugurado por Ignacio Lema, director da Axencia Galega dA Industria Forestal (Xera). Tamén contará coa intervención de Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal, así como de técnicos, consultores e auditores.

Comentaranse algúns exemplos de certificados FSC modélicos que poden replicarse en Galicia e concretamente na provincia de Pontevedra, onde a importancia dos montes veciñais e o seu dinamismo é notable. Iniciativas como Waldplus en Italia, Biesca en Asturias ou Asefor en Galicia. E de montes veciñais como o de Meira (Moaña) ou o de Santomé (Meis).

No webinar, de inscrición gratuíta, presentaranse algunhas novas ferramentas de FSC como o mapeo e o monitoreo participativo, así como a certificación ampliada a pastoreo, resina, castaña, auga, carbono ou recreo.

Achegarase información práctica que permitirá mellorar a xestión forestal sustentable, facéndoa máis eficaz e moderna. Desta maneira facilitarase a conexión entre a produción de madeira e outros produtos forestais coa demanda da industria forestal. Tamén a xeración de oportunidades de emprendemento rural e captación de recursos económicos a través de accións de prevención de incendios, conservación e restauración ambiental.

Concluirá cun coloquio centrado nos retos e oportunidades da cadea de valor dos produtos forestais en Galicia que moderará o director da Escola de Enxeñaría Forestal Juan Picos.

Esta é a quinta dunha serie de actividades formativas e de divulgación baixo a lema “Galicia ten boa madeira”, que en colaboración coa Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) desenvolveranse até o mes de novembro para difundir a certificación da xestión forestal sustentable e da cadea de valor en Galicia.

Programa:

10:00 Benvida – Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal, Ignacio Lema, director de XERA e Gonzalo Anguita, director executivo de FSC España

10:15 Que é FSC é como funciona – Silvia Martínez, directora técnica de FSC España

10:45 Certificación FSC de xestión forestal en España e en Galicia. Datos e exemplos. Certificación de Grupo – Marcos Estévez, xestor de proxectos de FSC España

11:15 Certificación FSC de Cadea de Custodia en España e en Galicia. Datos e exemplos. Certificación de Grupo e multisitio – Segundo Rodríguez, xestor de proxectos de FSC España e Marcos Estévez

11:45 Novo estándar español de xestión forestal para a certificación FSC (FSC-STD-ESP-03-2018-es). Período de transición. Auditorías e COVID19. Novos conceptos: Escala, intensidade e risco – Silvia Martínez

12:15 Descanso

12:30 Certificación FSC de Produtos Forestais Non Madeireiros (castaña, cogomelos, resina, cortiza, gando e caza) – Segundo Rodríguez e Marcos Estévez.

13:00 Certificación FSC de Servizos do Ecosistema (Auga, Biodiversidade, Carbono, Solo e Recreo) – Marcos Estévez

13:45 A experiencia dun titular FSC de Xestión forestal e cadea de custodia en Galicia. Raquel González e Genma Carracedo, Enxeñería Forestal ASEFOR

14:45 Coloquio: Retos e oportunidades da cadea de valor da madeira en Galicia. – Modera Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal

15:15 Clausura

Inscríbete nesta ligazón

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información