Xornada sobre “As árbores nas zonas atlánticas e a súa adaptación ao cambio climático”

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar o próximo xoves 17 de novembro no Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán unha xornada sobre as especies arbóreas nas zonas atlánticas de cara á súa adaptación fronte ao cambio climático.

Enmarcada no Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2022, a iniciativa arrancará ás 10,00 horas e albergará unha visita á parcela onde o centro está levando a cabo o proxecto comunitario Reinfforce (Resource Infraestructures for monitoring, adapting and protecting European Atlantic Forests under Changing climate), para estudar a resposta de diferentes especies.

O CIF de Lourizán conta co maior número de rexistros da rede establecida de 41 campos de demostración e 38 arboredos espallados polo arco atlántico europeo, nun rango de altitude, temperatura e precipitacións moi amplo e instalados en zonas con diversas características topográficas e edafolóxicas. En concreto, a representación galega da devandita rede está formada por tres arboredos (un deles en Lourizán) e seis campos de demostración de prácticas silvícolas en carballeiras e bidueirais.

Os arboredos son campos de ensaio nos que están representadas 38 especies forestais, cun número de procedencias que vai desde unha ata sete por especie, conformando unha media de 123 unidades xenéticas por arboredo, con rexións de procedencia das especies ensaiadas dun contexto xeográfico moi amplo. En 2012 leváronse a cabo as plantacións en todos os arboredos e, desde entón, desenvólvese o protocolo de medicións elaborado polos socios do proxecto: supervivencia, medicións anuais do arboredo, seguimento fitosanitario estacional e estado das copas, información meteorolóxica, podas e mantemento das árbores e control da matogueira para evitar a competencia.

Os resultados dos ensaios nos arboredos permitirán seleccionar especies e procedencias adaptadas ás condicións diferenciadas dentro do territorio galego e potenciar as vantaxes do establecemento destas especies como fonte de beneficios económicos, ambientais e sociais. Despois de 10 anos, a nivel galego pódense extraer xa algúns resultados e tendencias que son de interese para o sector forestal, co fin de iniciar a adaptación cara a especies ou procedencias que poidan facer fronte ao cambio climático dunha maneira máis efectiva. Nesa dirección, nas visitas de campo mostrarase o estado actual dos arboredos Reinfforce e o comportamento diferencial das especies e procedencias establecidas.

As persoas interesadas en acudir á xornada do próximo 17 de novembro poden solicitalo enviando un correo electrónico ao enderezo infolourizan.mr@xunta.gal tras cubrir o formulario que poden descargar en https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/formacion/transferencia-tecnoloxica/plan-de-transferencia-tecnoloxica-2022

Para máis información poden chamar ao teléfono 986 805 004

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información