O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas celebrou a xornada gratuíta “Como se determina a calidade do leite galego?” na Casa Azul-Concello de Abegondo (A Coruña). O evento reuniu a preto de cincuenta persoas ligadas profesionalmente ao sector.
Isabel Vilalba, gandeira de vacún de leite e secretaria xeral do SLG, destacou a importancia de establecer índices de custos de produción oficiais e periódicos por parte da Consellaría do Medio Rural. Sinalou tamén a necesidade de mellorar a supervisión da Lei da Cadea Alimentaria, un compromiso pendente da Administración galega.
A xornada completouse cunha visita ao Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), unha ferramenta que dende o Sindicato Labrego Galego poñen en valor e animan a seguir apoiando e fortalecendo.
Segundo Xúlio Fernández, coordinador do sector leiteiro, o LIGAL, creado en 1990, “é a día de hoxe un centro de investigación de referencia en toda Europa”. Destaca tamén que “ter un laboratorio independente, no que persoas produtoras e industria temos a mesma capacidade de voto, cunha metodoloxía de traballo punteira no seu ámbito e unha imparcialidade é unha ferramenta que verdadeiramente fortalece o noso tecido produtivo nun sector económica e socialmente tan importante para Galiza como é o leite e os seus derivados”.
Antes de dar inicio á visita, o persoal do laboratorio explicou o seu funcionamento e temas de interese para as gandarías. A doutora en química Laura González presentou un estudo que permite identificar leite procedente de alimentación con forraxe verde, asociada ao pastoreo.
O doutor César Resch destacou as vantaxes do leite de pastoreo para a calidade do produto, a saúde e o medio ambiente, afirmando que a día de hoxe sería posible na Galiza duplicar este tipo de produción leiteira.