Xornada sobre a acreditación dun panel de cata de viños

Publicidade
Data inicio: 07/07/2015
Data fin: 07/07/2015
Lugar: O Barco, Ourense, España

A XORNADA “ACREDITACION DUN PANEL DE CATA DE VIÑOS”, organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA),.  terá lugar no Barco de Valdeorras (Ourense) o día 7 de xullo.

Nesta xornada os asistentes poderán coñecer de primeira man as esixencias e as dificultades que trae canda si a acreditación dun panel de cata.Entre outros obxectivos desta xornada se atopan os seguintes:

1. A harmonización de criterios. Os expertos non sempre coinciden nas súas opinións sobre os criterios empregados na puntuación dos parámetros recollidos na ficha de cata e decote esta queda en mans da experiencia. Búscase que para cada parámetro se empreguen os menos criterios posibles.

2. Obxectivos da avaliación. Cada parámetro que se vai avaliar debe estar definido e dispoñer dunha referencia sensorial de cada prescriptor.

3. Especificidade. Cada catador aprenderá a avaliar os viños segundo as consideracións que teñen os consellos reguladores para dar a súa garantía de orixe.

4. Para levar a cabo todo isto, será primordial que os futuros compoñentes dun panel de cata coñezan a norma UNE-EN-ISO/IEC 17025, na cal se obriga a un programa de selección e adestramento co gallo de asegurar que todos os expertos en análise sensorial teñen a debida formación para as tarefas encomendadas. Explicarase como utilizar as medidas obxectivas para a consecución da competencia dos expertos en análise sensorial (graos de calidade, criterios de puntuacións e metodoloxía de avaliación). Toda a xornada irá encamiñada a esclarecer as bases para a futura acreditación dos paneis de cata dos consellos reguladores de denominación de orixe dos viños galegos.

Este evento está dirixido principalmente aos catadores dos paneis de cata dos consellos reguladores das denominacións de orixe dos viños galegos, as persoas interesadas en formar parte destes, expertos en análise sensorial e técnicos dos propios consellos reguladores. Así mesmo poderán asistir técnicos de adegas, investigadores, adegueiros, viticultores, estudantes e público en xeral.

A data de inscrición remata o día 5 de xullo de 2015 ou cando as prazas estean cubertas.

Máis información na páxina web da EVEGA, ou no correo evega.medio-rural@xunta.es.

Descarga o progama da xornada. 

Descarga a folla de inscripción. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *