O próximo 4 de abril, de 09:30 a 14:30 horas, terá lugar unha xornada online centrada na produción e comercialización de fabas de calidade. Trátase da terceira sesión dun ciclo que busca dar a coñecer oportunidades de negocio no medio rural.
O evento contará con relatorios de entidades produtoras, comercializadores, centros de investigación e organismos da Xunta de Galicia. Está dirixido especialmente a persoas socias de cooperativas agroalimentarias e a quen teña vinculación coa economía social.
A participación é gratuíta, pero require inscrición previa que se pode facer a través da seguinte ligazón. Para máis información, pódese chamar ao 981 58 47 83. O programa da xornada é o seguinte:
09:30h. Conexión e benvida a participantes. Presentación dos obxectivos da xornada.
09:50h. Cultivo das Fabas de Calidade: Características agroclimáticas, manexo de chan e preparación de terreo, ciclo de cultivo e técnicas de sementa, fertilización e rega (boas prácticas para optimizar a produción).
10:30h. Apoio a iniciativas da Consellería de Emprego en Economía Social.
Marta Mariño. Directora Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social. Xunta de Galicia.
10:50h. A selección de sementes para a produción de fabas de calidade.
Alfredo Taboada. AGACAL-CIAM.
11:30h. Sanidade da semente de faba de Lourenzá: Conclusións proxecto FEADER 2021/066A.
12:00h. Descanso.
12:10h. O Cambio Climático, pragas e enfermidades na selección de sementes de faba.
12:50h. Calidade e certificación da Faba de Calidade: Denominación de Orixe Protexida-DOP (requisitos e beneficios). Estándares de calidade e procesos de certificación.
13:30h. Comercialización e tendencias de mercado: Estrutura do mercado Faba de Lourenzá, Xestión cooperativa e as estratexias de comercialización.
14:15h. Conclusións, comentarios finais e clausura.
14:30h. Fin da Xornada
A xornada enmárcase nun ciclo, previsto con 12 sesións temáticas, que ten como obxectivos explicar as vantaxes do emprendemento cooperativo, impulsar a xeración de emprego no sector agrario e gandeiro e fomentar fixación de poboación no rural.
A actividade forma parte do programa de actuación 2025 da Rede Eusumo, iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración co apoio do Ministerio de Traballo e Economía Social.