Xornada online sobre como converter o esterco avícola en enerxía térmica

O Grupo Operativo Avienergy celebrará o seu webinar de presentación o xoves 21 de abril para detallar os avances sobre o proxecto de valorización das dexeccións de explotacións avícolas

Xornada online sobre como converter o esterco avícola en enerxía térmica

O seminario online abordará a reutilización de dexeccións de aves para achegar ao sector á sustentabilidade

Avienergy, un proxecto de innovación centrado na valorización dos estercos avícolas, celebrará o seu webinar de presentación o xoves 21 de abril, entre as 10.00h e as 12.00h a través de Zoom. Nestas xornadas daranse a coñecer máis detalles sobre os obxectivos da iniciativa, que busca que os estercos avícolas sexan utilizados como materia para a obtención dunha fonte de enerxía renovable e de fertilizantes para o solo. A asistencia require de inscrición mediante formulario en liña.

Unha das motivacións para desenvolver o proxecto parte da problemática ambiental ao redor “dos residuos da pollinaza, a gallinaza e a pavinaza, as cales representan unha gran porcentaxe dos máis problemáticos do sector”, expresan desde o Grupo Operativo. Neste contexto, “Avienergy busca xerar ferramentas eficientes e medioambientalmente sustentables para a redución de gases de efecto invernadoiro e mellorar a competitividade do propio sector”, detallan.

Así, Anxela Montero, de Feuga, terá a primeira quenda de palabra, explicando o proxecto en profundidade; Yarima Torreiro, do Centro Tecnolóxico Energylab, será a encargada de expor as claves da caracterización do proceso produtivo e secado do residuo avícola na xornada; e David Patiño, da Universidade de Vigo, centrará a súa intervención na caracterización e o pretratamento dos biocombustibles de partida.

Pola súa banda, Manuel J. Dopico, de Demaux Manufacture S.L., porá o acento no deseño e desenvolvemento dun queimador adaptado ás características da pollinaza e pavinaza. Por último, Pilar Bernal, do Cebas-CSIC, será a encargada do relatorio dedicado á valorización das cinzas obtidas no proceso de combustión e estudo do seu potencial como material fertilizante.

Para finalizar, a cita contará cunha mesa redonda sobre o impacto do proxecto no sector con José Antonio García, da Granxa José Antonio García Branco, Raúl París de Avícola O Charcón, Francisco Martínez da Cooperativa Alimer e representantes de Uvesa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información