Xornada internacional sobre a innovación tecnolóxica no sector apícola

A Feira Apícola das Rías Baixas, organizada pola Agrupación Apícola de Galicia, a Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra e a IXP Mel de Galicia, será o marco de celebración desta cita. A xornada será gratuíta e estará accesible en liña o vindeiro 9 de abril, entre as 10.30h e as 20.30h

Xornada internacional sobre a innovación tecnolóxica no sector apícola

Estas xornadas contarán con expertos internacionais en apicultura

A Feira Apícola das Rías Baixas acollerá a trixésimo cuarta edición das Xornadas Internacionais de Apicultura. Este ano están organizadas pola Agrupación Apícola de Galicia, en colaboración coa Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra e o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Terán lugar o vindeiro 9 de abril, entre as 10.30h e as 20.30h, e a súa asistencia é gratuíta. Os contidos están expostos polo miúdo e accesibles na páxina web da Agrupación Apícola de Galicia.

Esta cita inclúe unha cata comentada, para a cal é necesaria unha inscripción a través do formulario dispoñible na web da Agrupación. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro día 4 de abril, e o número de prazas está limitado a un máximo de 40 participantes. O custo da actividade será de 10 euros para o envío a domicilio das mostras dos distintos tipos de mel da IXP Mel de Galicia —silva, eucalipto, castiñeiro e bosque ou melada— e da DOP Miel de la Alcarria —de romeiro, espliego e milflores—.

A nivel técnico, este evento constitúe un importante encontro cos mellores profesionais do sector, procedentes de países como Francia, Italia ou Arxentina. O seu obxectivo será abordar as temáticas que máis preocupan ao sector, vencelladas coa saúde das abellas, o futuro da colmea e incluso da propia apicultura.

Baixo o título ‘Innovación no proceso produtivo para unha apicultura sustentable’, a Agrupación Apícola de Galicia exporá os primeiros resultados dos seus estudos de cara a unha revolucionaria innovación tecnolóxica que facilitaría o traballo nos colmeares.

Pola súa banda, o francés Gilles Fert, un dos apicultores, consultor e formador máis recoñecidos a nivel mundial, abordará a cría de raíñas no seu relatorio ‘Por que é bo e importante manter raíñas xóvenes nas vosas colmeas’. Dende Italia, Antonio Nanetti , membro do Consello de Investigación Agrícola e Análise de Economía Agrícola deste país, abordará o ‘Uso do Ácido Oxálico fronte ás enfermidades da Apis mellifera’ como pode ser a temida varroa. Finalmente, o médico veterinario especialista en produción apícola, E. Martín Colombani, instruirá aos presentes dende Arxentina acerca do ‘Manexo posinvernal das colmeas de Apis mellifera’ para evitar a súa morte unha vez comece o inverno.

Nos días previos á Feira, o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia e a Agrupación Apícola de Galicia teñen previsto achegar o universo da apicultura aos escolares ourensáns. Da súa man, cativas e cativos coñecerán os segredos que gardan as colmeas, os produtos que saen delas e todo o beneficioso que aportan as abellas. Ademais, tamén poderán participar nunha degustación comentada para descubrir as claves do mel de Galicia con IXP.

Programa

10:25 Apertura da Feira

10:30 Innovación no proceso produtivo para unha apicultura sustentable:
Primeiros resultados. Agrupación Apícola de Galicia

11:00 Por que é bo e importante manter raíñas xóvenes nas vosas colmeas
Gilles Fert · Apicultor especialista na cría de raíñas (Francia)

13:00 Uso do Ácido Oxálico fronte ás enfermidades da Apis mellifera:
Unha revisión dende a investigación
Antonio Nanetti · CREA (Italia)

14:00 Descanso para xantar

17:00 Cata comentada: unha viaxe sensorial a través dos distintos meles da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria
Beatriz Ríos Cebreiros · Técnica e formadora do Panel de Cata da IXP Mel de Galicia
Amelia V. González Porto · Directora do Laboratorio de Produtos da Colmea, CIAPA-IRIAF
Castela-A Mancha
Prazas limitadas a un máximo de 40 participantes. O custo desta actividade é de 10 euros. Enviaranse as mostras dos distintos tipos de mel da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria á dirección que faciliten os participantes. Para consulta de condicións de participación e inscricións na mesma, é preciso cubrir o formulario online antes do 4 de abril de 2022.

18:00 Manexo posinvernal das colmeas de Apis mellifera
E. Martín Colombani · Médico veterinario especialista en produción apícola (Arxentina)

20:30 Clausura

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información