O vindeiro martes 15 de outubro o Sindicato Labrego Galego levará adiante en Abegondo (A Coruña) a xornada gratuíta “Como se determina a calidade do leite galego?”.
En horario de 11h. a 14h. e de 16h. a 18h., con xantar incluído, este espazo informativo terá lugar na Casa Azul no Concello de Abegondo (Lugar Igrexa, 26, 15318 Abegondo).
A xornada abordará unha panorámica da situación actual do sector e afondará en aspectos como as oportunidades do leite de pastoreo, da man de César Resch Zafra, enxeñeiro agrónomo (Axencia Galega de Calidade Alimenaria, AGACAL – Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, CIAM), ou as tecnoloxías existentes a día de hoxe para a súa acreditación, con Laura González González, Doutora en Química (AGACAL-CIAM).
A xornada completarase cunha visita ao Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), onde o seu persoal explicará o funcionamento do laboratorio e cuestións específicas de interese para as gandarías, como o novo sistema de precintado das mostras.
As inscricións pódense realizar no teléfono 686 936 429 ou no correo electrónico arzua@sindicatolabrego.gal.