O venres 4 de abril celebraranse unhas xornadas sobre as oportunidades de negocio con respecto á produción e comercialización de fabas de calidade. O acto terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Ribadeo, adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural.
Esta iniciativa, que se enmarca no programa de actuación 2025 da Rede Eusumo, está promovida pola Xunta en colaboración coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca).
Este ciclo ten como obxectivos dar a coñecer as vantaxes e posibilidades do emprendemento cooperativo e busca promover o interese por novas producións no sector agroalimentario, destacando aquelas de interese crecente en Galicia.
A xornada pretende fomentar a creación de emprego cooperativo dentro dos procesos produtivos agrícolas e gandeiros, ademais de favorecer a fixación de poboación no rural na contorna das cooperativas.
O programa abordará o cultivo de fabas de calidade, incluíndo factores agroclimáticos, técnicas de sementa, fertilización e rega. Marta Mariño explicará o apoio da Xunta a iniciativas de economía social.
Tamén se tratarán a selección e sanidade da semente de Faba de Lourenzá, o impacto do cambio climático, pragas e enfermidades, certificación de calidade e tendencias de mercado, destacando a xestión cooperativa.
As persoas interesadas en participar nesta xornada deberán realizar a inscrición, que é gratuíta, a través da páxina web. Poden asistir ao ciclo de forma presencial ou senón seguir as intervencións online.
O programa é o seguinte:
09:30. Conexión de benvida a participantes. Presentación dos obxectivos da Xornada.
09:50. Cultivo das fabas de calidade. Características agroclimáticas, manexo de chan e preparación de terreo, ciclo de cultivo e técnicas de sementeira, fertilización e rega (boas prácticas para optimizar a produción).
10:30. Apoio a iniciativas da Consellería de Emprego en Economía Social.
10:50. A selección de sementes para a produción de fabas de calidade.
11:30. Sanidade da semente de faba de Lourenzá: Conclusións proxecto FEADER 2021/066A.
12:00. Descanso.
12:10. O Cambio Climático, pragas e enfermidades na selección de sementes de faba.
12:50. Calidade e certificación da Faba de Calidade: Denominación de Orixe Protexida-DOP (requisitos e beneficios). Estándares de calidade e procesos de certificación.
13:30. Comercialización e tendencias de mercado: Estrutura do mercado Faba de Lourenzá, A xestión cooperativa e as estratexias de comercialización.
14:20. Conclusións, comentarios finais e clausura da xornada.
14:30. Fin da xornada.
Medidas a prol da Faba de Lourenzá
A Xunta impulsa medidas para apoiar o cultivo da Faba de Lourenzá, incluíndo axudas excepcionais para os produtores da IXP, un instrumento financeiro para dotar de liquidez e accións formativas no Pedro Murias, buscando convertelo en centro de referencia e campo de ensaio.