A Asociación de Produtores e Produtoras Ecolóxicos de Galicia (PROECOGAL) organiza o día 29 de novembro no concello coruñés de Boimorto unha xornada formativa con cans de pastoreo.
Esta xornada, impulsada por PROECOGAL, é froito da colaboración con ACAPAGAL (Asociación de Cans de Pastoreo de Galicia) e conta co financiamento da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A actividade celebrarase o sábado 29 de novembro na parroquia de Arceo, lugar de Arosa (Boimorto), e consistirá nunha xornada práctica de formación sobre o manexo de pastoreo con cans, dirixida a gandeiros, produtores ecolóxicos e persoas interesadas na xestión sostible do gando.
O obxectivo principal é mellorar as técnicas de manexo do gando mediante o uso responsable e eficaz de cans de pastoreo, un recurso esencial para a gandería ecolóxica e o equilibrio dos ecosistemas rurais galegos.
Os asistentes poderán participar co seu propio can, observar demostracións con exemplares adestrados e recibir orientación individual de profesionais de ACAPAGAL.
O programa inclúe unha explicación teórica inicial, demostracións con cans adestrados e cachorros en aprendizaxe, e sesións prácticas de observación e corrección de condutas.
A actividade desenvolverase entre as 10:00 e as 18:00 horas, cun descanso para o xantar no Mesón do Folgoso (coste de 16 €, a cargo dos participantes).
A participación é de balde, pero as prazas son limitadas a 40 persoas. As inscricións poden realizarse a través de rebrand.ly/cans-pastoreo ou enviando un correo electrónico a proecogal@gmail.com
.
Os cans participantes deberán dispoñer de chip, pasaporte e vacinacións ao día.
Con esta iniciativa, PROECOGAL e ACAPAGAL queren poñer en valor o papel dos cans de pastoreo como ferramenta de traballo esencial na gandería galega, contribuíndo á mellora do benestar animal, á eficiencia produtiva e á sustentabilidade do medio rural.
Galego









Control OJD