A cuarta edición de Galiforest, que conclúe este sábado en Sergude (Boqueixón), programou durante os seus tres días un cento de demostracións de maquinaria. Nunha zona de monte habilitada ó efecto e nas propias parcelas das empresas expositoras, estanse a realizar exhibicións de procesadoras forestais e de leña, de tractores forestais, autocargadores, desbrozadoras, raxadoras de leña, aserradoiros portátiles ou astilladoras de biomasa, entre outras.
Tamén se están a facer demostracións con apeiros de preparado do solo, como destoconadoras, fresadoras ou subsoladores. O programa complétase con cuestións didácticas para o gran público, como explicacións do afiado da motoserra e do seu manexo ou exhibicións de carácter lúdico de figurismo (elaboración de esculturas en madeira con motoserra) e de probas con machada.
Proposta dunha Asociación Galega de Leñadores
O certame Galiforest contou este venres cun amplo programa de xornadas técnicas que abordaron cuestións como o Plan Forestal de Galicia, as liñas de traballo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán ou os programas dos centros de formación profesional no sector en Galicia. No marco das xornadas técnicas presentouse tamén a plataforma de compra-venda de madeira E-monte e unha proposta para crear unha Asociación Galega de Leñadores.
Os promotores da Asociación Galega de Leñadores, que é aínda unha idea na súa fase inicial, pensan que o rexurdir da madeira nos últimos tempos é unha oportunidade para potenciar o sector en Galicia máis alá das vendas a nivel local. Sobre esa base, Manuel Peixoto, enxeñeiro técnico forestal, e Tito Iglesias, economista, queren elaborar un plan de viabilidade dunha agrupación que poña en valor as leñas galegas.
O seu obxectivo é crear un produto estandarizado que poida ter mercados fóra de Galicia, cunha marca propia e xerando sinerxias no sector para reducir custos e mellorar tecnoloxías.