A xornada festiva resta afluencia de gando a Silleda

Redúcese o número de exemplares en todas as categorías do vacún da Central Agropecuaria de Galicia debido á festividade. Baixadas no prezo da recría e subas das cotizacións de referencia nos becerros carniceiros e no vacún maior. Segue á baixa o porco cebado e á alza o mercado do ovo

A xornada festiva resta afluencia de gando a Silleda

Becerros nunha das naves da Central Agropecuaria de Galicia. // Imaxe de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca experimentou este martes unha notable redución da afluencia de gando vacún debido á xornada festiva. Así, contabilizáronse 780 animais, o que supón unhas 520 cabezas menos que a semana pasada cando se rexistraran máis de 1.300 reses. A recría experimentou unha baixada xeral dos prezos de referencia en case tódalas categorías. Mentres, tanto os becerros carniceiros coma o vacún maior tiveron subas.

Nas mesas de cotización do porcino, o porco cebado continúa á baixa e os leitóns mantéñense estables. O mercado do ovo logrou esta semana novas subas en todas as categorías.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría de raza frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, descontaron 2 euros con respecto da semana pasada e o prezo medio sitúase nos 90 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia do mercado; o prezo medio reduciuse 16 euros e atópase nos 96 euros. Nos becerros de máis de 50 días amósase unha baixada de 20 euros e o prezo medio foi de 111 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais a tendencia foi semellante, con algunha excepción. Os tenreiros de menos de 20 días tiveron un prezo medio de 205 euros, o que supón 31 menos que a semana pasada. As femias desta categoría experimentaron unha baixada de 9 euros e teñen un valor medio de 193 euros. Nos tenreiros de entre 20 a 50 días, o prezo medio situouse nos 257 euros, o que supón un redución de 43 euros. As femias desta sección descontaron 4 euros e cotízanse a un prezo medio de 226 euros. Os tenreiros de máis de 50 días foron a excepción e lograron un incremento de 30 euros no prezo medio e sitúanse nos 506 euros. As femias descontaron 3 euros e cotizaron de media a 337 euros.

En canto ós prezos dos becerros carniceiros, a tendencia foi á alza. Os tenreiros frisóns cotizáronse a un prezo medio de 681 euros, o que supón unha suba de 48 euros do prezo medio de referencia. Os tenreiros de cruzamentos industriais teñen un prezo medio de 1.042 euros, logo dunha suba de 108 euros. As femias tamén experimentaron un aumento, de 71 euros, e acadan un valor medio de 931 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos están nos 1.274 euros, o que supón un incremento do prezo de referencia de 294 euros. As femias cotízanse a 1.080 euros, logo dunha suba de 134 euros. Os animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema foron a excepción, cunha baixada do prezo medio de 44 euros, o que deixa o valor de referencia nos 993 euros.

O vacún maior tamén experimentou subas en tódalas categorías. As vacas da categoría extra tiveron un valor medio de 2.257 euros, é dicir, 204 euros máis que a semana pasada. Nos animais de primeira o prezo medio estivo nos 1.183 euros, o que supón 64 euros máis. As vacas de segunda tiveron unha suba de 9 euros e sitúanse nos 766 euros. Os animais de desfeito teñen un valor medio de 474 euros, o que deixa unha suba de 44 euros con respecto da semana anterior. Os tres animais vendidos este martes en Silleda baixo o selo Vaca e Boi de Galicia marcaron un prezo medio de 3.177 euros, é dicir 1.037 euros máis que o logrado a semana anterior.

Central agropecuaria vacun 01_11_2022

Nova baixada dos prezos do porco cebado

A mesa de cotizacións do porcino acusou esta semana novas baixadas para o porco cebado, mentres que os leitóns se manteñen sen cambios. O porco selecto e o normal tiveron unha baixada de 0,02 euros e cotízanse a 1,7 e 1,675 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II experimentaron unha redución de 0,026 euros e están a 2,175 euros. Os animais de descarte mantéñense sen cambios e sitúanse entre os 0,68 e os 0,74 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 61 euros (cun prezo de 3,05 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 56 euros e cun prezo por quilo de 2,8 euros.

O mercado do ovo experimentou esta semana subas en boa parte das categorías. Os ovos da XL tiveron a suba máis moderada, cun incremento de 0,01 euros que deixa a ducia nos 2,73 euros. Os ovos da L e da S tiveron unha suba de 0,03 euros e acadan os 2,52 euros e 1,91 euros a ducia respectivamente. Nos ovos da M o incremento foi de 0,04 euros, a suba máis destacada, o que provoca que a ducia se pague a 2,16 euros. As galiñas de descarte semipesadas atópanse entre os 0,30 e os 0,37 euros.

Central agropecuaria porcino 01_11_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información