A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organiza unha xornada formativa sobre a elaboración de aceite de oliva virxe extra de calidade en Galicia. Terá lugar o vindeiro sábado 24 de xaneiro na casa de Cultura de Quiroga (Lugo), en horario de mañá, co título “Elaborar aceite de oliva virxe extra de calidade en Galicia: Cara a unha calidade diferenciada do AOVE galego”.
O obxectivo da iniciativa, na que participarán expertos galegos e portugueses, é afondar na elaboración deste produto na comunidade, poñendo o foco nos aspectos técnicos do traballo en almazara, no control dos procesos e na profesionalización do sector como base para o seu desenvolvemento sostible no rural galego.
Así, nun contexto atlántico con características propias, a calidade do aceite de oliva virxe extra (AOVE) depende en gran medida dun manexo axeitado da almazara, do coñecemento técnico-científico e da capacidade para avaliar e mellorar o produto final. Ao longo da xornada abordaranse estes aspectos desde unha perspectiva práctica, científica e estratéxica, combinando experiencias profesionais contrastadas, coñecemento académico e análise sectorial.
Así mesmo, dentro da xornada a cata de aceites intégrase como ferramenta técnica aplicada á elaboración, mentres que a proposta gastronómica final permitirá poñer en valor o AOVE galego como produto de calidade diferenciada e con potencial económico.
Investigacións sobre oliveiras autóctonas
Desde a Consellería do Medio Rural estase a traballar para favorecer o desenvolvemento das oliveiras autóctonas e, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, participa en dúas iniciativas encamiñada a avanzar nesta liña. Este mesmo ano vaise iniciar a produción de planta de oliveiras certificadas de variedades autóctonas na Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño, situada en Salceda de Caselas, co obxectivo de que os produtores poidan dispoñer delas e tamén para continuar estudándoas.
En total empregaranse catro destas variedades autóctonas. Neste senso, todas as accións que se están a levar a cabo, xunto con outras necesarias, van encamiñadas á creación dunha indicación xeográfica protexida específica para o aceite galego.
As persoas interesadas en participar nesta xornada pódense inscribir a través da seguinte ligazón: https://forms.gle/WyvkSsUw4AR3XMPK9
Galego









Control OJD