A finca de produción ecolóxica ‘A Sobreira’, no concello de Boimorto (A Coruña), acolleu estes días unha xornada de formación sobre o control de malas herbas na produción de millo en ecolóxico. A actividade foi impartida polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude e contou coa asistencia dunha trintena de gandeiros.
A xornada, organizada pola Consellería do Medio Rural, incluíu unha demostración en campo na que se amosou como eliminar as malas herbas a través de procedementos mecánicos e sen a utilización de produtos fitosanitarios.
Estes procedementos mecánicos de control de herbas adventicias resultan de grande interese para a produción ecolóxica de forraxes. Ademais, atendendo aos requisitos e ecoesquemas da nova PAC, Medio Rural precisa que tamén serían atractivos para a produción convencional de millo forraxeiro, xa que a eliminación mecánica das malas herbas permitirá un uso máis sostible dos fitosanitarios.