Xornada desigual neste día de San Martiño para o porcino en Silleda, que unha semana máis non celebrou feira de gando vacún debido ás medidas para conter o avance da dermatose nodular contaxiosa.
De acordo á resolución que entrou en vigor o pasado 27 de outubro, tomada pola Consellería do Medio Rural, de suspender feiras, concursos e certames para protexer á cabana gandeira e evitar posibles contaxios, esta medida extraordinaria finaliza este domingo 16 de novembro, polo que a vindeira semana poderían celebrarse as poxas de vacún na Central Agropecuaria de Galicia. Con todo, a decisión da Xunta podería ser prorrogada.
Mantense até este domingo a decisión da Xunta de suspender as feiras de gando vacún por mor da dermatose, unha medida que pode ser prorrogada
No relativo ás Mesas de Prezos de porcos, galiñas, ovos e coellos, o máis destacado da sesión foi a suba dos bacoriños, que gañan dous euros até cotizar a 50 euros/unidade no caso dos leitóns procedentes dunha única granxa e a 45€ os de varias procedencias, reforzando así a revalorización de 3 euros vivida a semana pasada.
Co caso dos porcos cebados, trala tregua vivida na sesión anterior na tendencia baixista dos últimos meses, esta semana volveron caer de prezo 1 céntimo para baixar xa, no caso da categoría Selecta, de 1,4 euros o quilo.
No que respecta aos ovos, esta foi unha sesión plana, sen cambios en ningunha das categorías, despois da importante revalorización da semana pasada. Os coellos, sen embargo, subiron 10 céntimos até os 2,70 euros o quilo.

Galego









Control OJD