Xornada de presentación do experimento galego FIE 23 para mellorar a produción en vacún de leite

Xornada de presentación do experimento galego FIE 23 para mellorar a produción en vacún de leite

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, participou esta mañá na inauguración da xornada de presentación de resultados e de actividades de demostración do experimento galego FIE 23, coordinado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) ao abeiro do proxecto SmartAgriHubs, que persegue mellorar a cadea temperá de produción láctea. En concreto, esta iniciativa europea busca incidir na produción de forraxes, na mestura e manexo de alimentos, nas operacións en cortes e na xestión da información da explotación, aproveitando os beneficios que aportan as tecnoloxías dixitais e de datos.

Na súa intervención, o director da Agacal puxo de relevo que no marco do experimento galego se levaron a cabo accións novidosas como a utilización de imaxes multiespectrais procedentes de voos con drons e sensorización para predicir o rendemento e calidade de forraxes como o millo, contribuíndo á detección temperá de estrés nos cultivos.

Ademais de coordinar o experimento FIE 23 (Data-Intensive Dairy Production), o CIAM participa e asesora nas actividades que se levan a cabo proporcionando, ademais, apoio loxístico coas súas parcelas e instalacións experimentais.

En concreto, no marco do FIE 23 búscase integrar as oportunidades que brindan as novas tecnoloxías para mellorar a eficiencia na produción de forraxe e o uso dos recursos propios das explotacións agrícolas, incrementar o rendemento da produción animal a través da optimización das condicións de cultivo e aumentar a sostibilidade do proceso. Así mesmo, apóstase por mellorar o uso dos recursos naturais, a monitorización e o manexo das operacións e condicións nas cortes, así como a toma de decisións mediante a integración de múltiples fontes de datos. Tamén se traballa para probar e demostrar a dispoñibilidade dos produtos e servizos mellorados en condicións reais.

Este proxecto é un dos 28 pilotos europeos de SmartAgriHubs e está integrado unicamente por entidades galegas: a Agacal a través do CIAM, o Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a empresa Gradiant e as pemes Monet Viticultura, Seragro, Elmega, 3edata e Alltech Spain. Así, as innovacións desenvolvidas no marco do FIE23 poderán pasar a formar parte da oferta de produtos e servizos destas pemes participantes no experimento, que logo os poderán ofrecer aos usuarios finais, é dicir, a gandeiros e cooperativas para que poidan incrementar a rendibilidade das súas granxas de vacún de leite.

Xornada de demostración

A xornada de presentación de resultados do experimento galego FIE 23 está a desenvolverse na nova granxa experimental Gayoso Castro, en Castro Ribeiras de Lea. Na sesión organizáronse dúas mesas redondas para analizar o reto da modernización e dixitalización do sector agrogandeiro coa participación do xefe da área de Formación, Innovación e Investigación Agraria da Agacal, Manuel López Luaces, e de expertos neste campo como o investigador do CIAM César Rech.

Xa pola tarde, continuaron as actividades demostrativas a cargo de distintas empresas dirixidas a gandeiros, alumnos e técnicos do sector agrario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información