Xornada de portas abertas para celebrar este venres o Día Internacional do Leite na Aula de Produtos Lácteos de Lugo

O venres 30 de maio as instalacións do barrio lugués de San Fiz estarán abertas para toda a veciñanza e con especial atención os alumnos dos centros escolares

Curso na APLTA

Curso na APLTA

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC chega a dez anos dende o seu traslado as novas instalacións. Para conmemorar esta primeira década e tamén o Día Internacional do Leite, organizaron unha xornada de portas abertas orientada a toda a veciñanza da cidade de Lugo e, especialmente, os alumnos dos centros escolares lugueses. 

Inauguradas o 1 de xuño de 2015, data na que se conmemora no Día Internacional do Leite, estas instalacións no barrio de San Fiz convertéronse nun referente Europeo en I+D+I para a industria alimentaria e os centros de investigación. Para celebralo, alén da tradicional xornada matinal cos escolares, o 30 de maio a partir das 17.00 h organizarase unha xornada de portas abertas para que todas aquelas persoas que o desexen poidan visitar este centro e coñecer as persoas, tecnoloxías e equipos cos que traballan habitualmente.

Ademais dunha visita polas instalacións onde os asistentes poderán ver produtos desenvolvidos no centro que lles resultarán familiares por seren habituais nos supermercados, o evento incluirá unha mesa redonda, unha degustación comentada de queixos e acabará cuns pinchos de despedida.

Na mesa redonda, titulada Innovación: da orixe á internacionalización, estarán Sergio Martínez (Innolact-Quescrem), Jesús García (Grupo Lence) e Ana Vázquez (Airas Moniz). Nela conversarase sobre o traballo levado a cabo por estas empresas lucenses coa APLTA e sobre como conseguiron que os seus produtos cheguen a todo o mundo. Ademais, porase de relevo como a innovación, tanto de empresas de gran tamaño como doutras máis pequenas, pode ser un feito diferencial para pór en valor unha zona xeográfica con necesidades de desenvolvemento e creación de emprego.

A continuación, terá lugar unha degustación comentada de queixos das empresas e queixerías que levan traballando e/ou colaborando coa APLTA durante esta década: Savel de Airas Moniz, queixos crema de Quescrem, Amarelo de Casa Donicio, macerado en mencía de Lácteos Ribeira Sacra, Palo Santo de Central Lechera Gallega, queixo DaJosefa de Queixería DaJosefa e Gran Capitán e Flor de Esgueva de Lactalis. Viños DO Ribeira Sacra da Bodega Finca Míllara e de Adegas e Viñedos Lareu acompañarán a degustación.

A organización ofrecerá uns pinchos e bebidas aos asistentes e colaboradores ao rematar a xornada.

Para asistir ás portas abertas cómpre inscrición previa en comunicacion@aplta.es ou no teléfono 647 344 098 (whatsapp incluído). As prazas son limitadaSs-CARTEL AULA LACTEOS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información