Lely organiza o próximo 5 de xuño, xoves, unha xornada de portas abertas en SAT As Pandas (Vilalba-Lugo) onde os asistentes poderán coñecer unha das mellores granxas de Galicia, tanto por produción, instalacións e manexo. A xornada comezará ás 11 da mañá e alongarase ata a tarde. Á hora para comer haberá polbo e carne ó caldeiro para todos os asistentes ao evento.
Para esta xornada colaboran con Lely, Rio de Galicia, Maxideza, Allflex, Coren, Dekalb, Bayer e Xenética Fontao.
SAT As Pandas modernizou os seus equipos de muxido a finais do ano 2024 pasando de 3 Lely A3 Next a 4 Lely Astronaut A5, ademais de renovar o seu antigo Juno 150 por un moderno Juno Flex. A maiores, nesta explotación do concello de Vilalba desde setembro limpan os seus patios con 2 Lely Collector C-2 e teñen unha estación de concentrado Lely Cosmix P.
Esta gandería fundouse no ano 2011 e comezaron a súa andaina con 2 robots Lely Astronaut A3 Next e 60 vacas por robot, pero como comenta un dos socios, Moisés Vispalia, “non tardamos en chegar ás 75 vacas por cabina”.
As producións de As Pandas son sobresalientes, pero onde realmente empezaron a despuntar aos niveis de hoxe día foi cando introduciron a terceira unidade, no ano 2019, outro A3 Next. Con 150 vacas en muxido e tres robots non tardaron en subir a media de muxidos e consecuentemente os litros producidos, e aínda que sempre tiveron unha moi boa produción, deron un gran salto con esa nova unidade.
Hoxe en día en SAT As Pandas hai dous socios, dúas cabezas de cartel, o propio Moisés e o seu inseparable Juan Pernas, un támdem perfecto, grazas tamén á axuda dos seus empregados, Santiago e a súa irmá Cristina.
En 2024 deron un salto máis na súa granxa, cambiando os equipos de muxido, o arrimador e introducindo os Lely Collector para a limpeza da nave. Nun primeiro momento Moisés comenta que “non tiñamos pensado poñer un robot máis (o cuarto), pero ao ver a produción da vacas e o número de muxidos non o dubidamos”. Hoxe en SAT As Pandas están por riba dos 49 kg de leite producido por vaca e por día e cunha media de muxidos de case catro por animal, algo simplemente excepcional.
“A verdade é que empezamos a pensar no noso benestar e non só no das vacas e por iso decidímonos a meter un cuarto robot Lely”, comenta Vispalia. Xunto cos Lely Astronaut A5 cambiouse un pouco o deseño da granxa. “Queriamos facer dous lotes diferentes de vacas e centralizar o muxido na granxa”, afirma Moisés.
Agora os seus robots Lely A5 teñen moito máis tempo libre e iso fai que se aumente o número de muxidos por cada vaca, sacando todo o potencial dos animais desta granxa vilalbesa.
SAT As Pandas ten catro ringleiras de cubículos e camas de area e tamén desde o 2024 limpan os seus patios con 2 Lely Collector C-2. “Estamos moi contentos cos Collector, a limpeza é moito máis precisa e as vacas nin o notan, ademais de mellorar tamén un pouco na saúde podal dos animais”, comenta Vispalia.
Hoxe en día nesta granxa do concello de Vilalba xa case nin se fala de meter vacas ao robot. “Practicamente non empuxamos ningunha”, asegura Moisés.
Cunha media de produción de máis de 49 kg por vaca e por día, algo sensacional e non ao alcance de todo o mundo. “Hai moitos factores que son os que che fan estar aí, tratar sempre de facer un bo silo de herba, con moi boa calidade, ter un protocolo diario que se siga rigorosamente e ter un gran benestar animal”, asegura Vispalia.
O carro mesturador da comida das vacas faise dúas veces ao día, agora mesmo utilizan dous silos de herba, un de segundo corte e outro de terceiro (23 quilos en total). Meten 22 quilos de millo, 9,5 quilos de penso en pesebre e nestes momentos 1,5kg de alfalfa. En robot dan unha media de 7 quilos de concentrado por animal.
Cos robots modernizaron tamén o seu arrimador, pasaron do Juno 150 a un Lely Juno Flex, do que Moisés di que “estamos encantados”.
Desde o 2023 teñen tamén unha estación de alimentación Lely Cosmix P. “Nótase moito nas xovencas ao entrar no robot, son moito máis fáciles de afacer grazas á estación”, afirma Moisés.
Hai case 15 anos en SAT As Pandas decidíronse por Lely e agora non o volveron dubidar. “Estas son unhas máquinas moi fiables e cun gran servizo técnico, imos da man de Lely e nunca nos fallaron”, finaliza Moisés Vispalia.