A gandería de leite Villameitide SL, ubicada en Trabada (Lugo) celebra este mércores 31 de agosto unha xornada de portas abertas destinada a outros gandeiros ou a persoas interesadas en coñecer o seu sistema de traballo e o funcionamento do método de cruzamentos Procross que están a seguir.
A xornada comezará ás 11 da mañá e está organizada por Global Genetics, a empresa responsable de Procross en España. Ademais de coñecer as instalacións, o gando e o método de traballo desta gandería, haberá servizo de hamburguesería para que os asistentes poidan xantar na propia granxa.
Villameitide SL decidiu apostar polos cruzamentos no ano 2016
Villameitide SL é unha das ganderías de referencia na zona, que sempre apostou pola eficiencia na produción de leite, cunha produción media que na actualidade se sitúa en 41,1 litros, con 196 días en leite, un 4,40% de graxa e un 3,34% de proteína, segundo os últimos datos de Control Leiteiro.
A aposta polos cruzamentos mellorou de maneira substancial aspectos clave do día a día da granxa, como por exemplo, o reprodutivo. Neste momento están empregando unha media de dúas doses por vaca, logrando no que vai de ano un 66% de éxito na primeira inseminación.
As vacas pasaron de durar 2 partos a máis de 3 a día de hoxe, cunha produción vitalicia media de máis de 45.000 litros
Outra das cuestións nas que en Villameitide SL notaron os efectos do vigor híbrido foi no aspecto sanitario, xa que as visitas do veterinario a esta granxa reducíronse considerablemente por motivos clínicos.
Medio cento de ganderías Procross en Galicia
Xa son máis de medio cento as ganderías que están a facer cruzamentos con montbeliard e rojo sueco na nosa comunidade e os resultados avalan a súa efectividade.
Máis de medio cento de ganderías están a cruzar as súas vacas holstein con montbeliard e rojo sueco a día de hoxe en Galicia
O sistema consiste na inseminación rotacional con tres razas puras para deste xeito manter un alto nivel de heteroxe que permita superar os problemas en aspectos como a saúde ou a reprodución que está a provocar o incremento da consanguinidade na raza holstein.
O método Procross foi ideado nos EEUU e estendeuse nos últimos anos por distintos países de América e Europa (Países Baixos, Italia, Francia, Reino Unido, Suecia, Dinamarca, Portugal ou España) e conta co aval científico de diferentes universidades a nivel internacional.