Xornada de portas abertas en Lugo sobre sector forestal e sustentabilidade urbana

Arquitectos, investigadores, provedores e empresas construtoras do Edificio Impulso Verde participan o próximo 22 de xuño nunha xornada aberta ao público en xeral, organizada por FSC

Xornada de portas abertas en Lugo sobre sector forestal e sustentabilidade urbana

FSC España, con motivo da celebración da súa Asemblea Anual de Socios 2023 en Lugo, organiza o 22 de xuño no Edificio Impulso Verde, xunto coa Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) da Universidade de Santiago de Compostela, unha xornada de portas abertas baixo o título “Unha viaxe cara á sustentabilidade urbana desde a xestión forestal responsable: historia do edificio Impulso Verde”, para realizar un percorrido desde o monte e os seus aproveitamentos até a construción do Edificio Impulso Verde, da man dos arquitectos, investigadores, provedores, empresas construtoras e entidades que participaron no proxecto.

“O Edificio Impulso Verde é o primeiro edificio en España en obter a certificación FSC de proxectos, unha icona de urbanismo sustentable que demostra como a certificación forestal, a madeira e os proxectos construtivos, certificados FSC, contribúen a crear cidades máis sustentables. O noso obxectivo é compartir con profesionais e público en xeral o valor que achega a certificación á sociedade, demostrando a rastrexabilidade dos materiais forestais desde o monte até chegar ao seu destino”, sinala Gonzalo Anguita, director executivo de FSC España.

“Coa celebración desta xornada queremos mostrar que é posible un desenvolvemento urbano compatible co respecto aos bosques e ao medio ambiente en xeral. O Edificio Impulso Verde, como parte dun ambicioso proxecto de barrio multiecolóxico na cidade de Lugo, é un exemplo de como o uso de madeira local e certificada por FSC pode axudar á necesaria descarbonización do sector da construción. FSC é un esquema de certificación que conecta aos montes e ás zonas rurais coas cidades e cos cidadáns. Canto mellor xestionemos os nosos montes e os seus recursos, maior será a capacidade das nosas cidades de ser sustentables e de establecer vínculos de respecto coa contorna e o medio ambiente”, indica Alberto Rojo, presidente de FSC España.

A xornada contará con mesas redondas sobre o uso da madeira na construción sustentable e visitas guidas ao Edificio Impulso Verde, á empresa subministradora da madeira certificada FSC do edificio, Hijos de Ramón Rubal S.L. en Alfoz (Lugo) e ao monte certificado FSC Artoxos e Pedrizas, situado en Fanoi, Concello de Abadín (Lugo).

A inauguración da xornada de portas abertas será realizada por Lara Méndez, alcaldesa de Lugo; por Esperanza Álvarez, catedrática na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e coordinadora do grupo de investigación UXAFORES; e por Alberto Rojo, catedrático na EPSE da USC e presidente de FSC España.

Programa

Durante a xornada realizarase o acto de entrega do Certificado FSC de Proxectos ao Concello de Lugo, impulsor do edificio Impulso Verde, por parte de APCER, entidade certificadora encargada de auditar o proxecto e emitir o certificado. O Certificado FSC de Proxectos obtido garante que toda a madeira local empregada procede de fontes sustentables e controladas.

A xornada de portas abertas contará coas intervencións e participación institucional do Conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, e do director da XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal.

Na xornada participarán os principais membros do equipo encargado do proxecto do edificio: os arquitectos autores Antonio J. Lara Bocanegra, da Universidade Politécnica de Madrid (UPM) e Susana Penedo Souto, arquitecta no Concello de Lugo, os arquitectos colaboradores Belén Feijoo e José Antonio Lorenzana, e o investigador principal, Manuel Guaita, o tres da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (PEMADE) da Universidade de Santiago de Compostela. E participarán tamén persoas das empresas construtoras a cargo da obra: Iker Irurtia, enxeñeiro de estruturas de madeira de Egoín, construtora principal, e Miguel Ángel López, da empresa A. Valiño.

Ademais, terán presencia empresas galegas destacadas da industria da madeira, como Finsa e Maderas Goiriz, así como a empresa municipal do Concello de Lugo para desenvolvemento de solo e vivenda (Evislusa).

Forest Stewardship Council (FSC) en España, organización sen ánimo de lucro e de membresía, celebra de forma anual a Asemblea de Socios de FSC España, órgano de gobernanza e plataforma de diálogo, onde os socios participan na toma de decisións que afectan o desenvolvemento da propia organización e á implantación da xestión forestal sustentable en España.

FSC Agenda Jornada Puertas Abiertas

Máis información sobre o programa

Formulario de Inscrición

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información