O Servizo de Montes de Ourense organiza o curso ‘Aspectos prácticos da normativa forestal’ que terá lugar en dous municipios do Distrito XII. A primeira edición será o 8 de novembro en Baños de Molgas, na Aula Multiusos do Centro de Saúde -código do curso FC2022F132059-; a segunda celebrarase o 10 de novembro no Centro Empresarial Transfronterizo de Barbadás – código do curso FC2022F132058-. O horario de ambos será de 17.00h a 21.00h e a súa asistencia require de preinscrición.
O obxectivo destas actividades é “achegar a poboación do medio rural como lle afecta a normativa vixente en materia de montes e prevención de incendios forestais, centrándonos nos procedementos máis habituais que a maioría dos/as habitantes de aldeas e pobos van a necesitar nalgún momento”.
Desta maneira, entre os contidos do curso estarán as obrigas de xestión da biomasa para prevención de incendios; os usos do lume e permisos de queima; as actividades en terreos queimados; as repoboacións forestais, e os aproveitamentos de madeira. O encargado de impartir estas temáticas será o axente forestal Fernando Moure. Para máis información está habilitado o teléfono 988386706 e o correo electrónico maria.jose.alberte.rivera@xunta.gal.