O pasado 14 de marzo, o concello asturiano de Vegadeo acolleu unha xornada clave para o proxecto CLIMALACT. Esta iniciativa innovadora, cofinanciada pola Unión Europea e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, ten como obxectivo promover a sustentabilidade e a neutralidade climática no sector leiteiro de Galicia e Asturias.
CLIMALACT conta coa participación dun amplo grupo de entidades, que inclúen tanto organismos públicos como empresas do sector leiteiro. A Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) coordina este equipo multidisciplinar en colaboración con asociacións como InterEo e AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias), así como con empresas líderes do sector como Campoastur e CAPSA FOOD. Estas entidades achegan un coñecemento profundo do sector e un acceso privilexiado a gandarías con distintos modelos produtivos.
Pola súa parte, a Universidade de Santiago de Compostela, a través do seu Grupo de Investigación en Sistemas Silvopastorais, contribúe coa súa experiencia na recompilación e análise de datos. Estes serán fundamentais para a creación de protocolos de medición da neutralidade climática e para o desenvolvemento dunha aplicación informática que integrará indicadores de sustentabilidade.
O obxectivo do proxecto CLIMALACT é impulsar a transición cara a unha produción leiteira máis sustentable mediante ferramentas de xestión que permitan ás persoas gandeiras avanzar cara á sustentabilidade e a neutralidade climática. Para iso, o proxecto busca garantir a viabilidade dun modelo de produción sustentable, asegurando que o sector adopte estas prácticas de xeito efectivo e duradeiro.
Co propósito de que os resultados cheguen aos usuarios finais, CLIMALACT aposta pola colaboración cos actores clave do sector, desde as propias explotacións ata os distintos elos da cadea de valor.
Vegadeo, punto de encontro clave
Un claro exemplo desta estratexia foi a xornada celebrada na Casa da Cultura de Vegadeo, que se converteu nun punto de encontro fundamental para gandeiros, investigadores, representantes da industria leiteira e outros axentes do sector, tanto de Asturias como de Galicia.
A sesión foi dirixida por Rosa Mosquera, catedrática e profesora do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela. Durante o evento, Mosquera guiou aos participantes nun proceso de análise e reflexión sobre os principais desafíos do sector leiteiro.
O encontro estruturouse en grupos de traballo organizados segundo o modelo de explotación das gandarías, diferenciando entre sistemas intensivos e extensivos. Esta división permitiu afondar nas particularidades e necesidades de cada modelo produtivo, favorecendo un intercambio de experiencias e solucións máis enriquecedor.
Este estudo permitiu detectar áreas clave de mellora e optimización en todo o proceso, desde a produción ata a distribución, cun enfoque claro na sustentabilidade e a eficiencia.
Nun primeiro momento, os participantes identificaron e debateron sobre as principais fortalezas, debilidades, ameazas e oportunidades de cada tipo de explotación, clasificándoas en extensivas, semi-extensivas, intensivas e semi-intensivas. Para iso, tiveron en conta factores como a estabulación ou o pastoreo e a produción ou adquisición externa dos recursos alimentarios.
Ademais, realizouse un exercicio práctico centrado na análise da cadea de valor do sector leiteiro desde unha perspectiva agroalimentaria. Este estudo permitiu detectar áreas clave de mellora e optimización en todo o proceso, desde a produción ata a distribución, cun enfoque claro na sustentabilidade e a eficiencia. Tamén se seleccionaron indicadores de sustentabilidade económica, ambiental e social para cada tipo de explotación.
Este intercambio de coñecemento contribuirá á definición dos indicadores máis relevantes de sustentabilidade e neutralidade climática para as explotacións de vacún de leite, elementos esenciais para a evolución do proxecto.
Ao longo da xornada, as persoas gandeiras participaron activamente, compartindo as súas experiencias e achegando información valiosa que será clave para o desenvolvemento dos protocolos específicos do proxecto. Este intercambio de coñecemento contribuirá á definición dos indicadores máis relevantes de sustentabilidade e neutralidade climática para as explotacións de vacún de leite, elementos esenciais para a evolución do proxecto.
A importancia da colaboración
O éxito desta xornada pon de manifesto a importancia de CLIMALACT en dúas das rexións máis produtivas do Estado: Asturias e Galicia, que concentran o 68 % das explotacións de vacún de leite do país. Os datos obtidos non só axudarán a mellorar a produtividade e a sustentabilidade das explotacións, senón que tamén serán fundamentais para a distribución futura das axudas da Política Agraria Común (PAC) 2021-2027, destinadas a promover prácticas máis sustentables e unha xestión máis eficiente do territorio.
Os resultados do evento tamén permitirán avanzar no desenvolvemento dun sistema de xestión eficiente, transparente e sustentable, co obxectivo de beneficiar a todos os axentes da cadea de valor e facilitar a adopción de prácticas que favorezan tanto a conservación do medio ambiente como a competitividade do sector.
Este evento subliña a importancia da colaboración entre gandeiros, investigadores e empresas leiteiras na busca de solucións prácticas e eficaces fronte aos retos actuais do sector leiteiro.
CLIMALACT é un proxecto de innovación enmarcado dentro do Plan Estratégico de la Política Agraria Común (PEPAC) 2023-2027, financiado nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (FEADER) de la Unión Europea e nun 20 % polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA). La Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da xestión destas axudas. Orzamento total do proxecto: 600.000,00€. Subvención total: 600.000,00 €.