“Xogámonos o futuro da gandería extensiva na reforma da PAC”

José Luis Rodríguez é un gandeiro de Entrimo (Ourense) que mantén o seu rabaño a base de pastos arbustivos, o que contribúe á prevención de lumes na Serra do Xurés

“Xogámonos o futuro da gandería extensiva na reforma da PAC”

Vacas de José Luis Rodríguez nos planaltos da Serra do Xurés.

As vacas de José Luis Rodríguez, un rabaño de 70 animais cruzados, viven todo o ano no monte veciñal de Quéguas (Entrimo, Ourense), onde pacen principalmente uceiras e pastos arbustivos. É un ecosistema de gandería extensiva por excelencia, pois nas encostas de Quéguas, na Serra do Xurés, os prados son unha anécdota que a penas arrodean uns metros as casas da aldea. O resto son piñeiros, toxeiras e mato, que prestan alimento e refuxio ó gando.

Os animais campean as súas anchas pola montaña, onde se encargan do control do combustible forestal tanto nos altos da Serra, a máis de mil metros de altitude, como nas ladeiras que descenden cara Quéguas, onde deixan o monte limpo por baixo de piñeiros e xestas. José Luis reivindica a función que prestan as súas vacas na prevención de incendios. “Somos unha das poucas zonas de Entrimo onde non ardeu nos últimos anos”, repasa o gandeiro, que avoga por maiores apoios para a gandería extensiva.

Os animais deixan o monte limpo baixo o arborado.

Os animais deixan o monte limpo baixo o arborado.

“Cando foi a anterior reforma da PAC, puxeron o coeficiente de pastos arbustivos (Cap), que foi moi perxudicial. Lembro que viñeron ver o monte os técnicos do Fogga e pregunteilles que lles parecera. Dixéronme que tiñamos o monte ben, pero despois puxéronnos un coeficiente do 25%”. recorda José Luis.

Ese coeficiente do 25% tradúcese en que cada catro hectáreas que xestiona a gandería só conta como unha hectárea a efectos das axudas europeas. Para ter 80 hectáreas inscritas, José Luis manexa máis de 300 hectáreas do monte veciñal. O cambio do coeficiente arbustivo de pastos supúxolle tamén a perda das axudas agroambientais, un paradoxo se se ten en conta que o seu gando, encravado en pleno corazón do Parque Natural do Xurés. é un tradicional xestor do ecosistema de montaña.

“O noso monte o que máis ten é uceira, pasto arbustivo, que é o que comen os animais, pero para o coeficiente de pastos desconta. A Administración o que quere é ver o monte todo limpo, pero iso no monte non pode ser. Herba pode habela dous meses no ano, en maio e xuño, así que se estivera o monte todo limpo, morrerían as vacas de fame”, conclúe o gandeiro.

Gando no monte.

Gando no monte.

Para mellorar o hábitat do gando, unha posibilidade pasaría pola creación de pastizais no monte. Hai zonas aptas para eles, pero nos últimos anos non se ten apoiado ningún pasteiro no Xurés. “O lóxico sería que non se deixara que os montes quedasen abandonados, que se apoie a creación de pastizais ou que se obrigue ós propietarios a ter conta das súas propiedades”, valora o produtor.

Incógnitas
Escarmentados trala última reforma da PAC, José Luis e o resto de produtores da Serra temen que a gandería extensiva volva saír perxudicada na próxima reforma da Política Agraria Común, que se rematará de negociar en Europa este outono – inverno. “Ou tiramos para adiante ou acabouse. Se volven recurtar no coeficiente de pastos ou se aumentan as esixencias de carga gandeira, alá imos todos”, valora o produtor.

O pago básico da PAC esixe que as ganderías teñan unha carga gandeira mínima de 0,2 unidades de gando maior (UGM) por hectárea, pero en zonas con limitacións naturais, esa carga mínima subiuse a 0,7 UGMs por hectárea, o que perxudica á gandería extensiva, que se alimenta de pastos arbustivos e que precisa de amplas superficies.

Manexo
A alimentación do gando a base de pastoreo no monte compleméntase, no caso de José Luis, con palla mercada e tacos. “Normalmente, ás vacas paridas doulles tacos e palla, e ó resto só tacos. En inverno, en épocas duras, tamén lles aporto palla e tacos a todas, pero en xeral os animais poden atopar alimento e auga no monte todo o ano, polo que non é preciso”, valora.

As vacas permanecen na montaña día e noite, pero están afeitas a baixar á mañá á nave dos becerros, onde lles dan de mamar e onde reciben despois a ración de complemento. Á noite, as vacas paridas adoitan volver baixar e o resto queda no monte, ata a mañá seguinte.

Gando nun dos cobertizos a primeira hora da mañá.

Gando nun dos cobertizos a primeira hora da mañá.

Os que non saen nunca das naves son os becerros, posto que o monte carece de peches, o que dificulta a xestión do gando, e a maiores está o perigo do lobo. “En xeral non temos problemas co lobo. Algún inverno poden matar unha vaca débil, porque os lobos saben buscar a forma, pero se te das de conta rápido e avisas, o normal é que te indemnicen”, recoñece José Luis.

Os partos son tamén na corte, unha cuestión sobre a que José Luis leva tino, pois en ocasións os animais danlle problemas. “O anterior touro que tiña dábame máis complicacións. Agora merquei un touro máis pequeno, charolés, que me está indo mellor”, valora.

Os becerros maman das vacas polo menos ata os 7 meses e cébanse os últimos meses, ata os 10. A maioría márcase en Ternera Gallega Suprema, salvo algún caso que, por motivos excepcionais, quede como Ternera Gallega. “Se non marcas os animais na Indicación Xeográfica, practicamente nesta zona quedan sen valor”, sinala José Luis.

A pandemia tirou ademais cos prezos, que polo de agora non se recuperaron o necesario. A parte boa para a granxa é que antes de que comezase a crise asinou un contrato con Nova Frigsa, o que lle permite ter saída garantida para todo o gando.

José Luis Rodríguez co seu fillo Aarón.

José Luis Rodríguez co seu fillo Aarón.

Unha gandería que se recuperou dun baleiro sanitario

José Luis Rodríguez incorporouse á gandería familiar a partir do 2004, collendo o relevo de seu pai, que ata daquela tivera cachenas no monte. El decidiuse en cambio por gando cruzado de rubia galega, charolesa e outras razas cárnicas, pois eran animais nos que vía máis posibilidades de rendibilidade, á marxe de subvencións.

Ao incorporarse, José Luis habilitou na parte baixa do monte unhas instalacións compostas dunha nave e de dous cobertizos, un para os becerros de cebo e outro para botarlle os becerros ás vacas. “En instalacións non é necesario gastar moito”, valora. “O investimento que si vexo necesario é en peches. Gustaríame facer polo menos un peche no alto, na fronteira con Portugal, porque o ano pasado fóronseme 25 animais para o outro lado e foi un lío dar con eles e facelos regresar, non das conta deles”, recorda o produtor.

No tempo que leva coa gandería, o peor revés chegoulle no 2013, cando tivo que facer un baleiro sanitario por mor da tuberculose, o que supuxo a eliminación de 120 animais. Era o mes de xuño e en setembro José Luis baixou a Badajoz para repoñer o gando, decantándose novamente por animais cruzados de charolés e limusín.

Desde aquela, non volveu ter ningún problema co saneamento gandeiro, pero comezar de cero por segunda vez non foi fácil. A diferenza entre Badajoz e o Xurés foi complicada de asimilar nun principio para o gando. “Chegaron no outono e custoulles adaptarse. En xaneiro e febreiro, en Extremadura os animais comen no monte o que queren e aquí o inverno é de pouco alimento na montaña, ata abril ou maio”, explica.

Agora xa ten máis vacas de recría propia que das que trouxo de Extremadura. Son animais que se adaptan xa mellor á Serra e a gandería comeza a avanzar na selección xenética. “Unha gandería comezas a tela asentada ó cabo duns anos. Dos animais que trouxen, houbo que quitar gando bravo, outras vacas que non parían… Hai moito traballo detrás. De seleccionar non acabas nunca”, conclúe José Luis, un dos produtores que mantén viva a tradicional gandería extensiva do Xurés.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información