
Finca de xirasol de Granxa Xustás, que este ano vai adicar 22 hectáreas a este cultivo
O silo de millo é a base da ración de alimentación do gando na maioría de granxas leiteiras galegas, pero a viabilidade do cultivo e o rendemento final obtido vese moitas veces condicionado tanto pola climatoloxía como pola calidade do solo no que se sementa.
Zonas como o sur da provincia de Lugo ou a comarca do Deza en Pontevedra ven castigada a colleita final en anos de calor estival e escaseza de precipitacións, sobre todo en fincas secas e chans areosos que gardan pouco a humidade.
Pero malia estas limitacións, en Galicia existen experiencias limitadas en cultivos forraxeiros de verán alternativos ao millo, como poden ser o sorgo, o pasto de Sudán ou o xirasol, empregado nalgúns casos para sementar nos perímetros das fincas para minimizar os ataques do xabaril, pero en poucas ocasións como cultivo principal único na parcela.
Granxa Xustás sementou o ano pasado 17 hectáreas e este chegará ás 22. O rendemento obtido foi de 40.000 quilos por hectárea
Coñecemos a experiencia de Granxa Xustás SL, unha explotación leiteira do concello lugués de Cospeito que leva 5 anos apostando polo cultivo de xirasol para ensilar despois mesturado co millo. Este ano labrarán 22 hectáreas, 5 más que no 2023.
“Facemos un cultivo de xirasol de ciclo curto, con sementeiras entorno ao 15 de xuño, para que nos veña a maduro acompasado co millo, a finais de setembro e principios de outubro. Empregamos variedades compatibles cun determinado tipo de herbicida que controla tanto folla estreita como folla ancha e a produción o ano pasado nas nosas fincas de xirasol foi duns 40.000 quilos por hectárea”, resume Jesús Blanco, que colleu a granxa da súa sogra cando o resto dos socios da explotación, outras dúas familias veciñas, se foron xubilando.
Eu creo que é un cultivo interesante en Galicia, sobre todo naquelas zonas onde o millo vai un pouco ao límite, porque nas fincas malas o xirasol supera con creces ao millo
Jesús é enxeñeiro agrícola, unha formación que lle axudou a ir adaptando as condicións deste novo cultivo, e tamén pide ás empresas de sementes maior implicación. “As casas comerciais tiñan que poñerse as pilas para desenvolver variedades que vaian ben nas nosas condicións e para os nosos usos, que sirvan para usar como forraxe ensilado para alimentación do gando”, reclama.
“Eu creo que é un cultivo interesante en Galicia, sobre todo naquelas zonas onde o millo vai un pouco ao límite. Esa xente debería probalo, porque se tes fincas boas co millo é imposible competir, pero nas fincas malas o xirasol supera con creces ao millo”, afirma.
Venda dos excedentes forraxeiros

Finca de xirasol e de millo desta gandería de Cospeito, que traballa 105 hectáreas de terreo
Granxa Xustás conta neste momento con 170 vacas en produción, que moxen en tres robots. A nivel agrícola, manexan un total de 105 hectáreas, tras ir incrementando nos últimos anos a súa base territorial. Ademais de cubrir as necesidades da explotación, venden os excedentes forraxeiros, sobre todo millo para ensilar, a outras ganderías da zona e con eses ingresos costean parte dos gastos que lles supón ter a recría externalizada.
Facer a recría na explotación consome moitos recursos, tanto forraxeiros como a nivel de man de obra ou instalacións
“Facer a recría na explotación consome moitos recursos da granxa, tanto forraxeiros como a nivel de man de obra ou instalacións”, defende Jesús. “Nós vimos que na nosa contorna había moitas ganderías de leite que estaban medrando en número de animais pero que non o estaban facendo na mesma medida en terras, polo que se estaban volvendo deficitarias en alimentación e vimos aí unha oportunidade para incrementar os nosos ingresos”, argumenta.
Incremento da superficie adicada a cultivo de xirasol
“Nós nesta zona temos boas fincas para a produción de forraxe, sobre todo de millo. Decidimos ampliar a superficie e vender os excedentes a outras granxas para pagar con iso parte dos custos que supón ter a recría fóra. A medida que iamos vendendo millo, canta máis forraxe produciamos máis demanda tiñamos doutras granxas para comprarnos millo, pero non todas as fincas que tiñamos eran boas para producir millo, así que necesitabamos un cultivo que se puidera producir nesas fincas e que fose compatible co millo”, relata Jesús.
Non todas as fincas que tiñamos eran boas para producir millo, por iso empezamos a probar co xirasol e vimos que funcionaba ben
“Empezamos a traballar co xirasol e vimos que nos funcionaba moi ben a nivel agronómico e moito mellor a nivel de pesebre. Comezamos probando con 5 ou 6 hectáreas e fomos aumentando e o feito de ir incorporando máis xirasol á nosa ración permitíanos liberar máis millo para vender a outras explotacións”, explica.
Agora levan xa 5 anos cultivando xirasol e ano a ano van incrementando a superficie labrada, que nesta campaña será de 22 hectáreas, fronte ás 17 do ano pasado, y que se sumarán ás 55 que sementarán con millo.
Menos esixente que o millo
“O xirasol intentamos introducilo nas fincas máis secas. É un cultivo menos esixente hidricamente ca o millo e deste xeito podemos liberar as fincas que son boas para producir millo, tanto para nós como para vender”, indica.
O xirasol intentamos introducilo nas fincas máis secas para que nos libere outras para producir millo para vender
Jesús destaca a versatilidade do xirasol. “En parcelas nas que o millo sufre máis, porque cando vén un verán seco chega o mes de agosto e empeza a decaer, o xirasol aguanta moito mellor. Tamén cando collemos algunha finca nova ou cando renovamos algunha das pradeiras permanentes, nese paso intermedio metémoslle xirasol, porque é un cultivo que se adapta mellor a todo tipo de fincas”, conta.
“Nese tipo de parcelas non tan boas, en comparación co millo, temos un produto de máis calidade, porque botando millo nesas fincas en anos malos obtés unha forraxe con moita palla pero pouco aproveitamento desde o punto de vista nutricional e deste xeito tes máis quilos e de máis calidade”, asegura.
Onde o millo non aguanta, aguanta o xirasol. Nas fincas boas co millo é imposible competir, pero nas malas o xirasol supera con creces ao millo
A media da colleita de xirasol do ano pasado, sementado en fincas con peores condicións, foi de 40.000 quilos por hectárea, mentres que a media nas fincas de millo, botado nas mellores terras, subiu a 55.000 quilos por hectárea. “Se botaramos millo tamén nas fincas malas a media sería outra máis baixa”, recoñece Jesús.
Ciclos curtos

Momento idóneo para o ensilado, cando a pranta se mantén verde e o envés da cabeza comeza a amarelear
A campaña de sementeira do millo iníciana cedo naquelas fincas nas que botan nabos ou mesturas de leguminosas para abonado en verde. “Esas empezamos a sementalas no mes de abril, o antes que podemos, con ciclos 600 e 700. Este ano foi o 17 de abril cando empezamos, pero o ano pasado fomos un pouco antes, sobre unha semana, e procuramos esas parcelas levalas con ciclos longos que nos cheguen até mediados de outubro. Nas outras fincas, nas que lles collemos un segundo corte de herba, labramos máis tarde, en función do que nos deixe facer a climatoloxía. Este ano irán a finais de maio, pero o ano pasado sementámolas entorno ao 10 de maio”, explica.
No caso das fincas de xirasol, di, “temos probado distintas épocas de sementeira e vimos que o momento que mellor se nos adaptaba era entre o 10 e o 15 de xuño, polo que procuramos sementar o xirasol ao final de todo, despois de acabar de botar o millo”, indica.
Apostamos por ciclos curtos para o xirasol, porque probamos distintas épocas de sementeira e cando mellor nos funcionou foi sempre labrándoo a partir de xuño
“O problema do xirasol é que hai moito descoñecemento en relación ao seu uso forraxeiro, polo que as casas comerciais de sementes non son capaces de ofrecerche un ciclo que veña acompasado co millo. Botados ao mesmo tempo o que nos pasaba era que o xirasol víñanos moito antes que o millo e non nos permitía ensilalos xuntos polo que mantivemos as variedades e o que fixemos foi ir xogando coa data de sementeira polo que a base de ir probando agora sabemos que esas variedades se as labramos o 10 de xuño van chegar ao seu momento ideal de colleita entre o 5 e o 15 de outubro, ao mesmo tempo que o millo”, asegura Jesús.
Na actualidade están a traballar con dúas variedades de ciclo curto, unha de alto oleico e outra de linoleico. “De momento ensilámolas xuntas, pero a nosa idea de cara ao futuro é ensilalas igual, mesturadas co millo, pero en pilas separadas, unha para a variedade con alto oleico e outra para a variedade con linoleico para seguir facendo probas a nivel de ración e ver cal é a que mellor nos funciona para quedarnos con unha e descartar a outra”, avanza.
Menor dose de semente que no millo
Todas as terras de cultivo, tanto as parcelas de xirasol como as de millo, levan rotación con raigrás ou cultivos mellorantes para abonado en verde. Unha vez levantado o cultivo de inverno, a preparación da terra non ten diferenzas. “Aramos, pasamos grade rotativa, aplicamos o mesmo purín, o mesmo esterco de polo e a mesma dose de abono químico. A única diferenza é que para o xirasol non metemos insecticida microgranulado na sementadora”, aclara.
A preparación da terra é a mesma que para o millo, non hai ningunha diferenza, pero a dose de sementeira é menor
Unha parte do traballo agrario fano eles, pero o que é arar e sementar contrátano. Sementan a 60 cm entre liñas, a mesma separación que para o millo, pero variando a distancia entre plantas. “No millo ímonos a 88.000 plantas para o de ciclo longo e 90.000-95.000 nos de ciclo máis curto, pero a dose de sementeira do xirasol baixámola a entre 65.000 e 70.000 plantas por hectárea”, detalla Jesús.
“Tamén probamos a sementar a maior distancia, con doses máis pequenas, pero a cabeza do xirasol facíase moi grande e despois a colleitadora ao recoller empurraba moito a planta e non era capaz de abrazala ben, polo que perdiamos bastantes cabezas. Ao apertalo un pouco tes máis plantas pero máis pequenas e a máquina é capaz de aproveitalas mellor”, asegura.
Control das malas herbas
Unha das claves fundamentais para o cultivo de xirasol é o control das malas herbas. Neste momento hai dúas tecnoloxías dispoñibles no mercado, Clearfield e Express Sun, que engaden herbicidas específicos a variedades híbridas de xirasol resistentes.
“Nós probamos as dúas e decantámonos polas variedades Clearfield, que son tolerantes ao imazamox, o principio activo do herbicida de post-emerxencia específico para estas variedades. Coas variedades Express Sun o que viamos é que, aínda que despois recuperaba, no momento de aplicar o herbicida se as temperaturas eran baixas afectáballe máis e poñíase máis amarelo”, compara Jesús.
O herbicida aplícase cando o cultivo ten entre 4 e 8 pares de follas
O herbicida aplícase cando o cultivo ten entre 4 e 8 pares de follas nunha única dose a un litro por hectárea e é capaz de controlar tanto as principais malas herbas que afectan ao cultivo (Amaranthus spp, Poligonum aviculare, Xantium spp, Datura stramonium y Ridolphia segetum), así como o jopo, unha planta parásita habitual na zona de Castela. En canto a outro tipo de pragas ou enfermidades, en zonas húmidas como é Galicia o xirasol pode verse afectado polo mildiu, aínda que hai xa variedades que son resistentes.
“O que nós facemos tamén, cando o cultivo ten medio metro de altura e unha área foliar xa bastante desarrollada, é aplicar un abono foliar, igual que facemos tamén no millo, e despois xa o deixamos así até a colleita, sen facerlle nada máis”, explica Jesús.
Ensilado xunto co millo, mesturado por capas
Á hora de recollelo, o punto idóneo para o ensilado é cando a planta está aínda verde e o envés da cabeza do xirasol comeza a madurar. “A nós cando mellor nos funciona é cando a parte de atrás se empeza a poñer de cor amarela pálida e o que buscamos é que ese estado nos coincida co momento óptimo de ensilar o millo”, indica. “Traballamos tamén co millo sen levalo a moi maduro porque vimos que millos cuns amidóns moi altos ou con materias secas moi altas tiñamos problemas de dixestibilidade, que baixaba moito”, conta.
Ensilan con dúas colleitadoras ao mesmo tempo e dous equipos de remolques para poder ir mesturando no silo millo e xirasol
Aínda que fan o cultivo de xirasol e de millo de xeito independente (as mellores fincas levan millo e as máis secas e menos produtivas xirasol), despois ensílano xunto. “O que tiñamos claro desde o principio é que tiñamos que mesturar o xirasol co millo no silo, porque só é ingobernable, moi difícil de estender e pisar”, conta.
A empresa de servizos que lles ensila traballa con dúas picadoras ao mesmo tempo, unha nas fincas de millo e a outra nas de xirasol, e con dous equipos de remolques para poder ir mesturando no silo o millo e o xirasol. “Temos varias trincheiras abertas ao mesmo tempo e vannos chegando alternativamente viaxes de millo e viaxes de xirasol”, indica Jesús.
Tanto a picadora, como o cabezal empregado para o xirasol é o mesmo que para o millo
Á hora de estender e pisar, “é importante facer capas moi finas para que compacte ben e non acumular máis de dous remolques de xirasol no silo, porque o aceite que solta fai que patine o tractor e non das feito para estender e pisar ben. Por iso tamén a medida que vas subindo en altura hai que pechar o silo só con millo na capa superficial, no último metro de altura do silo”, recomenda.
Seguindo estas pautas de ensilado, di, co silo de xirasol mesturado con millo conséguense resultados na ración superiores ao silo só de millo. “A nivel nutricional permítenos diluír amidón. O xirasol mellora moito a dixestibilidade de silos de millo seco ou afectado por problemas foliares”, asegura Jesús. O desensilado debe ser homoxéneo para que a mestura de xirasol e millo no carro tamén o sexa.
Unha ración máis apetecible que fai aumentar a inxesta e mellora a fertilidade do gando

Vacas en produción da gandería, cunha ración a base de silo de millo e xirasol
A ración das vacas en produción de Granxa Xustás leva neste momento 41 quilos de silo de mestura de millo e xirasol, 6 quilos de silo de herba e 9 quilos de concentrado no carro, máis os 6,5 quilos de media por vaca de punteo do robot.
En base á súa experiencia destes 5 anos, din, o silo de millo e xirasol ten vantaxes con respecto ao silo só de millo. “Nós o que notamos por un lado é que se incrementan as inxestas en máis dun quilo de materia seca por vaca, porque a ración faise máis apetecible para elas. Agora mesmo están comendo cerca de 30 quilos de materia seca”, explica Jesús.
Na mestura de millo e xirasol ensilado están obtendo unhas porcentaxes do 33-34% de amidón e un 10-10,5% de proteína. “Iso débese ao efecto do xirasol, que sobe a proteína, porque antes estaba nun 7-7,5%”, detalla.
Grazas ao xirasol logramos subir a proteína do silo do 7% ao 10%
En canto ás calidade do leite, “increméntase un pouco a proteína pero a graxa baixa”, recoñece Jesús. Neste momento producen uns 8.000 litros diarios de leite, cunha media de 47,7 quilos por vaca e día e unhas porcentaxes de sólidos do 3,80% na graxa e do 3,35% na proteína.
“As taxas de preñez da granxa aumentaron bastante”

Silo de millo e xirasol, que se estende en capas finas para facilitar a súa compactación
Outro dos efectos positivos da presenza do xirasol na ración é a mellora dos datos reprodutivos. “É algo agardado polos efectos dos ácidos graxos. A min encendéuseme a luz cando foi a moda do aceite de liñaza usado para producir o leite Únicla de Feiraco. Se falas con veterinarios de reprodución dinche que nunca viron as vacas funcionar tan ben a nivel reprodutivo como nese momento”, asegura.
“Iso débese ao Omega3 e esta é unha forma de meterlle insaturados á ración sen ter que mercalos, producíndoos ti de xeito barato. É certo que a liñaza é linolénico e o do xirasol é linoleico, pero pódese parecer aos efectos de mellora reprodutiva”, argumenta.
O xirasol alto oleico é un Omega9 e o linoleico un Omega6; é unha maneira de meterlle insaturados á ración sen ter que mercalos
“As taxas de preñez da nosa granxa aumentaron bastante; hoxe estamos nun 26%. Usamos unha media de 2,8 doses, pero hai que ter en conta que só son vacas adultas, porque nós as xovencas témolas en centros de recría”, matiza.
“A taxa de reprodución e a fertilidade aumentan e hai moitas menos reabsorcións porque os insaturados o que fan é xerar máis proxesterona, polo que se aumenta a viabilidade dos embrións”, explica Jesús.