Xinzo de Limia acollerá os días 25, 26 e 27 de marzo unha nova edición das xornadas Ruralmente

A Casa da Brea transfórmase para acoller o proxecto Ruralmente, xornadas para a valorización da pataca de Galicia e do rural, e a entrega de premios Semente.

Publicidade
Gumersindo Lamas Alvar, presidente do GDR Limia-Arnoia; Amador Díaz, alcalde de Xinzo de Limia, e Jose Manuel Gómez, presidente do IXP Pataca de Galicia

Gumersindo Lamas Alvar, presidente do GDR Limia-Arnoia; Amador Díaz, alcalde de Xinzo de Limia, e Jose Manuel Gómez, presidente do IXP Pataca de Galicia

Xinzo de Limia acollerá os días 25, 26 e 27 de marzo unha nova edición das xornadas Ruralmente, unha iniciativa centrada no intercambio de coñecemento, a valorización dos produtos agroalimentarios e a dinamización do territorio rural.

Baixo o título “Ruralmente. Pataca de Galicia”, as xornadas desenvolveranse na Casa da Brea, en Piñeira Seca, cun programa que combina actividades formativas, encontros profesionais, visitas ao territorio e propostas culturais abertas ao público.

O evento, impulsado polo GDR Limia Arnoia, reunirá a especialistas, investigadores, produtores e entidades do ámbito rural co obxectivo de reflexionar sobre o papel dos produtos de calidade e das indicacións xeográficas na economía rural, así como sobre os retos de futuro do sector agroalimentario e análise da comarca.

Tres días de encontros, coñecemento e cultura arredor da pataca

As xornadas desenvolveranse ao longo de tres días, cun programa diverso que combina formación técnica, divulgación e actividades culturais e que está organizado coa colaboración da IXP pataca de Galicia.

O 25 de marzo comezará coa apertura do espazo e cunha sesión da Escola de Sarreaus centrada na alimentación saudable e de proximidade. Ao longo da mañá celebrarase a ponencia “A transformación da pataca” e unha visita á empresa Patatas Guais. Pola tarde terá lugar a apertura dunha exposición fotográfica e unha visita á aldea de Piñeira Seca.

O 26 de marzo, día destinado a produtores de pataca baixo IXP, abordaranse cuestións relacionadas coa calidade e promoción dos produtos agroalimentarios. Destaca a conferencia “A importancia das IXP así como unha sesión sobre comunicación dixital en marcas de calidade. A xornada incluirá tamén a apertura institucional do evento, intervencións dos grupos de desenvolvemento rural participantes, unha homenaxe a Pepe da Droguería e actividades culturais coa Agrupación Musical de Xinzo de Limia e showcooking con Iván Méndez e Gerson Iglesias e o grupo musical ELO.

O 27 de marzo, aberto ao público en xeral, pola mañá centrarase na análise do territorio da Limia desde diferentes perspectivas. A programación inclúe unha charla sobre arquitectura tradicional galega, a evolución da paisaxe da Limia e a presentación dun estudo económico sobre a economía pataqueira da Limia realizado pola Universidade de Santiago de Compostela. A xornada de tarde, concluirá coa entrega dos Premios Semente, showcooking con Iván Méndez e Gerson Iglesias e un concerto final a cargo do Cuarteto Caramuxo.

Ruralmente: cooperación entre territorios para impulsar os produtos de calidade

Ruralmente forma parte dun proxecto de intercambio de coñecemento e actividades formativas dirixidas ao sector agroalimentario e forestal, que busca promover modelos de promoción capaces de reforzar a adhesión ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas en territorios rurais estratéxicos.

A iniciativa está impulsada por unha agrupación formada por tres grupos de desenvolvemento rural: GDR Galicia Suroeste Eurural, GDR Limia‑Arnoia e a Asociación para o Desenvolvemento Integral do Valle de Ambroz.

O proxecto conta cun orzamento total de 207.241,56 euros e está financiado no marco das axudas para actividades de intercambio de coñecemento e formación do Plan Estratéxico da PAC 2023‑2027, promovidas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e cofinanciadas pola Unión Europea.

A través destas accións, Ruralmente busca fomentar o intercambio de experiencias entre territorios, impulsar a innovación no medio rural e reforzar o papel dos produtos agroalimentarios como motores de desenvolvemento económico e social.

Ruralmente xornada pataca limia 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información