A captura de CO2 perfílase como un recurso máis do monte, complementario a outros aproveitamentos (madeira, castaña, cogomelos, etc.). Ata o de agora, en España a comercialización do carbono capturado no monte está limitado a dous casos concretos: superficies restauradas tras incendio forestal ou superficies forestadas que estiveran desarboradas desde 1989. Pero no futuro, espérase que calquera superficie baixo unha xestión forestal sustentable poida comercializar parte do carbono que captura.
O CO2 preséntase, xa que logo, como unha oportunidade para os propietarios forestais. A clave radicará en acreditar que unha determinada xestión forestal xerará unha captura adicional de carbono, en comparación cun monte sen esa xestión. Ese será o carbono adicional que, nun futuro, poderase certificar e que poderá comercializar o propietario no mercado voluntario de carbono.
Á espera de que a Xunta estableza as metodoloxías que regulararán o mercado galego de carbono, o proxecto ‘Biomáis CO2’, liderado pola empresa Asefor, a asociación Bioeco2 e o Cluster da Madeira xa fixo realidade unha ferramenta, Bikenta Mplus, que permite facer simulacións do carbono que captura unha masa forestal en función das distintas variables de manexo (claras, podas, quendas de corta final, etc.).
“Deseñamos unha ferramenta que permite optimizar unha selvicultura orientada ó produto”, resume Esther Merlo, de Madera +, que participou este luns na xornada de presentación das conclusións do proxecto ‘Biomáis CO2’.
A partir da planificación forestal que se defina, a ferramenta Bikenta Mplus, deseñada no proxecto, calcula os beneficios que xerará a madeira e o CO2 que se capturará, de xeito que propietarios e técnicos poidan tomar as mellores decisións.
“Deseñamos unha ferramenta que permite optimizar unha selvicultura orientada ó produto” (Esther Merlo, Madera +)
A ferramenta permite, por un lado, facer unha clasificación estimada da madeira do monte por lotes de diámetros e calidades, con indicación dos destinos posibles e dos ingresos que xerará. E en segundo lugar, calcula o carbono adicional que a xestión aplicada sobre esa masa vai proporcionar.
“A partir dun inventario inicial da masa, que terá que ser sometido a auditoría, no noso simulador pódese modificar o modelo silvícola dun plan de ordenación para valorar cal é o óptimo, tanto a nivel da madeira obtida como do secuestro de carbono”, explica Manuel Beiro, de Asefor, coordinador do proxecto.
“Pode ser que o plan de traballo que se defina para unha masa xenere unha captura de carbono adicional, en comparación cunha liña base dun monte sen xestión, ou pode ser que non. Non todas as masas van xerar unha captura de carbono adicional. Por exemplo, unha masa que se corte nunha quenda curta con destino a trituración non xerará carbono adicional”, exemplifica Beiro.
O simulador Bikenta MPlus deseñouse en principio para facer cálculos con 6 especies forestais: 3 coníferas (piñeiro do país, piñeiro radiata e piñeiro silvestre), 2 frondosas caducifolias (carballo e bidueiro) e 1 eucalipto, o globulus, se ben de cara a 2025 incorporarase tamén no simulador o eucalipto nitens.
O simulador traballa con 3 especies de coníferas, eucalipto globulus, carballo e bidueiro. No 2025 incorporará o eucalipto nitens
Sistema
A ferramenta baséase nos algoritmos previamente deseñados pola Escola Politécnica Superior de Lugo (Universidade de Santiago). Para facer as simulacións, Bikenta MPlus conéctase co servidor da Universidade, que, en base ós datos de inventario de inicio do rodal, devolve os modelos de crecemento do rodal (volumes, biomasa total, CO2 capturado, etc.) e tamén o resultado dos distintos programas selvícolas que se poderían aplicar.
Ulises Diéguez, da USC, explicou na xornada de conclusións de ‘Biomais CO2’ como a ferramenta pode simular unha clasificación da madeira resultante por volumes, destinos e beneficios económicos.
A nivel de captura de CO2, Bikenta Mplus fai un cálculo integral das capturas e emisións de carbono de todo o proceso, a través de estándares europeos.
A ferramenta calcula non só o CO2 capturado na madeira, senón tamén o CO2 absorbido en solo (raíces, follas e pólas mortas) e inclúe no cómputo o carbono que queda almacenado a longo prazo en produtos de calidade -de ser o caso-, como a madeira estrutural para construción. Tamén as fraccións que se destinan a queimar (bioenerxía), en substitución do gasóleo.
A ferramenta ten en conta o CO2 absorbido en madeira e solo, así como os usos ós que se destinará a madeira
Por último, os cálculos incorporan as emisións provocadas durantes as actividades silvícolas (rozas, podas, claras, corta final), medidas en litros de gasóleo por tonelada ou por hectárea, así como a reducción de emisións que xera a masa pola diminución do risco de lume, pois existen modelos preditivos, avalados pola comunidade científica, que establecen que as masas con xestión forestal son menos proclives a ser punto de inicio dun incendio forestal.
Exemplo cunha masa de coníferas
Como exemplo, na xornada de conclusións de ‘Biomais CO2’, Esther Merlo fixo unha simulación sobre unha masa de ‘Pinus pinaster’ que chega ós 55 anos.
Como rodal base definiu unha masa extramadura, sen xestión e pasada de quenda de corta, cunha madeira que se destina a usos de escaso valor.
Para lograr unha captura de carbono adicional, estableceu un programa silvícola que durante eses 55 anos somete a masa a podas e claras, a unha corta intermedia e a unha corta final para produtos estruturais de longa duración, nos que, segundo a normativa europea, pódese computar o carbono almacenado, ao ter unha previsión de duración superior a 35 anos.
O resultado é que esa masa, de case 5 hectáreas, sometida a ese modelo de xestión forestal, xera 443 toneladas de carbono adicionais capturadas. Unha das claves, advirten desde o proxecto, é a duración de quenda de talla, pois en quendas curtas, pode non ser posible obter captura de carbono adicional nin destinar a madeira a produtos de longa duración.
Se esas toneladas de carbono adicionais se trasladan ó prezo actual do crédito de carbono, no entorno dos 20 – 25 euros, o resultado é que o modelo de xestión forestal aplicado pode xerar uns beneficios adicionais de 9.000 – 11.000 euros.
Perspectivas
A ferramenta Bikenta Mplus xa está a disposición de 30 consultoras forestais que traballan coa plataforma Bikenta sobre 43.000 hectáreas de monte. Este instrumento ten por agora só un uso orientativo, pois anticipa unha normativa aínda por vir.
Espérase que a Xunta defina proximamente as metodoloxías polas que se regulará o mercado voluntario de carbono que quere implantar. Será entón cando Bikenta Mplus poida encontrar encaixe e unha certificación externa que avale a comercialización do carbono no mercado voluntario, no que as empresas que queren compensar voluntariamente as súas emisións mercan créditos de carbono deste tipo de proxectos.
Sobre Biomais CO2
O proxecto BiomáisCO2 impulsouno desde o ano 2022 un Grupo Operativo formado por Asefor, Bioeco2, o Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, Ramón Lourido e a Universidade de Santiago de Compostela. Conta con financiación do Ministerio de Agricultura e da Xunta de Galicia a través de Fondos Feader.