Xestión do monte na Provenza francesa, problemas comúns con Galicia

Unha delegación forestal galega coñece na rexión gala vías de traballo para encarar atrancos como o minifundio ou os incendios forestais. A viaxe enmárcase no proxecto Forest-in, unha iniciativa que trata de mellorar o manexo do monte por parte dos propietarios forestais

Xestión do monte na Provenza francesa, problemas comúns con Galicia

Cortas de madeira na Provenza francesa. / Imaxes: AFG.

A Asociación de Bosques Modelo de Provenza, en Francia, vén de desenvolver un encontro para amosar distintos sistemas de xestión das pequenas propiedades forestais na Provenza, unha rexión encadrada na zona mediterránea do país veciño. O evento, que se enmarca no proxecto Forest-in, contou con asistencia dunha delegación galega, na que participaron integrantes da Asociación Forestal de Galicia, entre outras entidades.

A delegación galega coñeceu nos tres días do encontro distintos modelos de xestión do bosque, constatando que na Provenza hai problemas comúns ós que se dan no monte galego, coma son os incendios forestais, os atrancos derivados do minifundio ou a conflitividade ligada ó uso recreativo dos montes.

O proxecto FOREST-IN, no que se enmarcou a viaxe da delegación galega á Provenza, ten como obxectivo promover boas prácticas de xestión forestal entre os propietarios de montes de pequena dimensión. A iniciativa, que inclúe diversos encontros e visitas, culminará tamén nos próximos meses o desenvolvemento dunha aplicación móbil (App) orientada a facilitarlle tutoriais ós propietarios forestais sobre boas prácticas.

Minifundio, incendios e uso social dos montes
O encontro desenvolto este mes na Provenza é o quinto do proxecto Forest-in e toma o relevo do realizado en Galicia no mes de xaneiro. Na Provenza, as visitas técnicas programadas permitiron comprobar como se xestiona o monte na rexión gala. Unha das cuestións a destacar radica nas fórmulas que se deseñaron en Francia para afrontar o minifundio forestal, que no país veciño é considerado un problema grave, a pesar de que teñen parcelas forestais de dimensión moi superior á galega.

Paisaxe agroforestal na Provenza.

Paisaxe agroforestal na Provenza.

“En Francia, existen fórmulas diversas para propiciar o manexo en conxunto de pequenas propiedades particulares. Por exemplo, unha vía é a agrupación de propietarios particulares con montes públicos, o que permite sinerxias como a comercialización de productos forestais de maneira conxunta”, explica Francisco Fernández de Ana, presidente da Asociación Forestal de Galicia, que participou na recente viaxe á Provenza.

Outra das visitas programadas na Provenza centrouse en amosar como, en materia de prevención de lumes, se traballa na formación de barreiras agrícolas en torno ós núcleos de poboación. “Hai un programa para recuperar terras agrícolas abandonadas ao redor dos núcleos habitados e volvelas a poñer en produción, por exemplo con cultivos de horta”, detalla Francisco Fernández de Ana.

“A maioría das experiencias que visitamos son positivas a nivel teórico, aínda que a nivel práctico, de aplicación en campo, teñen aínda moito camiño por percorrer. Ademais, temos que ter en conta que, aínda que experimentamos problemas comúns, existen importantes diferenzas entre o monte mediterráneo e o galego, cun carácter máis produtivo e madeireiro”, valora.

A delegación galega constatou tamén na visita a conflitividade que se rexistra na Provenza polo uso recreativo dos montes. Esta rexión francesa, marcada pola presión turística da Costa Azul e por importantes núcleos de urbanos, caso de Marsella, rexistra problemas por usos sociais dos montes, non sempre autorizados, e por roubos de froitos do bosque, unha situación equiparable á que se dá en diversas zonas de Galicia.

Participantes nas visitas forestais na Provenza.

Participantes nas visitas forestais na Provenza.

Sobre o proxecto FOREST-IN
O proxecto FOREST-IN ten como obxectivo promover as boas prácticas e a educación forestal mediante a realización de talleres e visitas técnicas internacionais, tutoriais e a creación dunha aplicación móbil orientada a axudar ó propietario forestal no proceso de toma de decisións para unha xestión forestal sostible.

FOREST-IN constituíuse como unha alianza estratéxica internacional para a educación forestal e conta con financiación do programa Erasmus +. O coordinador do proxecto é a Universidade de Aveiro (Portugal) e ten como socios á Fundación Cesefor (España), PEFC España, FSC Internacional, Unimadeiras (Portugal), a Asociación Forestal de Galicia e a Asociación Bosque Modelo da Provenza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información