No ano 1984 os veciños da parroquia de Boimente, en Viveiro, solicitaron unha axuda para a reparación do Curro de Candaoso, onde cada primeiro domingo de xullo se celebra unha das tres rapas das bestas que aínda quedan na comarca da Mariña.
Aquela actuación foi o punto de partida para a recuperación dos usos gandeiros tradicionais do monte. “Ofrecéronnos participar no programa de mellora de pastos en comunidades de montes e foi cando fixemos a sementeira das pradeiras”, explica Antonio Yáñez Rúa, un dos sete gandeiros que quedan na parroquia e membro da xunta directiva da CMVMC Buio e Lerín.
É unha das máis grandes desta zona da Mariña, con 1.002 hectáreas. Delas, 300 son prados e 681 manteñen uso mixto forestal e gandeiro (100 hectáreas son de fraga e 581 de piñeiral pastoreado).
Os piñeiros están en retroceso e temos problemas cos eucaliptos pola competencia que exercen sobre os pastos para o gando
Esta zona da costa norte galega está orientada ao Cantábrico, o que fai que os montes de Boimente sexan moi batidos polos ventos do nordés. De feito, en terreos da comunidade de montes hai instalado un parque eólico con 9 aeroxeradores.
A labor do gando na implantación das pradeiras
Como é habitual en amplas zonas da serra do Xistral, os solos nesta zona son de turba e 21 das hectáreas do monte comunal están ocupadas por unha mina de turba. Por esta composición do terreo, os solos son moi ácidos e con baixa fertilidade inicial.
Este feito condicionou a sementeira inicial das pradeiras no outono de 1984. A vexetación existente, de carácter acidófilo, estaba formada por sedio (agrostis curtisii) como vexetación dominante e diferentes especies de brixo, uz e toxo.
Os solos son de turba, moi ácidos e con baixa fertilidade inicial
Fíxose un desbroce inicial e logo un gradeo de discos, con algunha queima superficial, con certo perigo por tratarse de solos turbosos onde se corre o risco de que o terreo arda durante meses.
Entre as tarefas que a comunidade debe facer neste momento está a corrección da acidez do solo. “Temos que encalar de maneira moderada, porque tratándose de solos de turba e ao ter pouco aluminio, as necesidades de cal son menores que noutro tipo de chans”, explica Antonio.
No primeiro proxecto actuouse sobre unas 200 hectáreas e nunha segunda fase sobre as 100 restantes. Levouse a cabo un encalado con 4.000 kg/ha de caliza moída e abonouse o terreo con 600 kg/ha de 8-24-16. Para a fertilización do ano seguinte aplicouse un abono complexo 15/15/15 cunha dose de 400kg/ha.
“Ao principio, nos primeiros anos, careciamos practicamente de gando e por mor da baixa carga de animais as pradeiras fóronse degradando e volvendo estar dominadas polo sedio, pero na medida en que fomos aumentando o número de animais e realizando rotacións no pastoreo, os pastos fóronse recuperando”, explica Antonio.
Os pastos baixo arborado foron feitos polo gando ao longo destes 38 anos
Nos 38 anos que levan feitas, as pradeiras nunca foron renovadas. Mantéñense produtivas e en bo estado grazas á presenza do gando, que se encargou de esparexer as sementes do raigrás e o trevo branco cara outras zonas, como por exemplo baixo os piñeirais, que hoxe en día teñen tamén aproveitamento gandeiro. “A zona arbolada tamén encampiza e produce pasto porque son os propios animais os que se encargan de extender a pradeira cara a zona forestal”, asegura.
A comunidade de Boimente participa, xunto a outras 10 dos concellos de Xove, Ourol, Muras, O Valadouro e Abadín, coas que comparte os montes da Serra do Xistral, no proxecto europeo Life on common Land, que estuda precisamente os beneficios do gando no coidado do territorio.
Vacas e cabalos
Nos montes de Boimente hai vacas e cabalos. “As eguas son da comunidade de montes e as vacas xestiónanse individualmente”, explica Antonio. A comunidade é propietaria de 250 eguas e as súas crías. “As eguas son esenciais para manter o mato controlado e a calidade do pasto e evítannos ter que facer desbroces”, conta.
As vacas, sen embargo, son de propiedade individual. “En Boimente quedamos 7 gandeiros activos, cun total de 250 vacas no monte veciñal. As prazas son de 20 vacas, pero hai quen cede prazas”, di.
A carga gandeira sitúase en 0,6 UGM por hectárea e a superficie está dividida en 7 parcelas
Con todo, unha das cláusulas establecidas é que cedente e cesionario teñen que vivir na parroquia. “Non se poden ceder a gandeiros de fóra da comunidade, especialmente polo control sanitario”, detalla Antonio.
A carga gandeira sitúase en 0,6 UGM por hectárea, axeitada ao potencial do monte e ás necesidades dos comuneiros. As 300 hectáreas están divididas en 7 parcelas. “Comezamos con 3 parcelas pero reducimos superficie para ter o monte máis controlado”, argumenta.
Os beneficios do arborado para o gando
Tanto os cabalos como as vacas están todo o ano fóra, agás por enfermidade ou cesárea. “O piñeiral é un bo protector para os animais nos días máis duros do inverno porque a sensación de frío no monte é moi elevada por culpa da néboa”, conta. Pero a maioría dos piñeiros son vellos e é necesario proceder á súa substitución para garantir abrigo nos vindeiros anos.
É unha zona batida polos ventos do nordés e cunha sensación térmica baixa
A Comunidade de Boimente conta cun plan de ordenación e xestión do monte que se atopa nestes momentos á espera de aprobación por parte da Consellería do Medio Rural para poder iniciar os traballos de corta e repoboación.
“As vacas van pouco ao monte polo problema do lobo”
A explotación familiar de Antonio, Yáñez e Cuadrado SC, está formada por un rabaño de vacas de raza rubia galega e cruces con limusín. “O número de animais que podemos ter é moi dependente dos pastos comunais, porque a competencia dos eucaliptais reduce moito as posibilidades de acceder a fincas para cultivo e pastoreo nesta zona”, lamenta.
As vacas só comen herba e silo como suplemento no inverno, mentras que os becerros maman até os 7 meses. Unha vez destetados entran a un aloxamento habilitado como cebadeiro até os 10 meses.
Os xatos entran no cebadeiro desde os 7 ata os 10 meses e o 20% das femias quedan para recría
“Non concentro os partos, miro de ter xatos todo o ano, polo que dependendo da época do ano e da dispoñibilidade de pasto están máis tempo no prado ou entran antes ao cebadeiro, pero as nais pacen nas fincas do redor para que así poidan seguir mamando até os 7 meses”, explica.
O 95% dos becerros véndenos como Ternera Gallega Suprema, cun peso canal dos machos entre 220 e 260 quilos e entre 180 e 200 nas femias. No cebadeiro separan as femias dos machos e o 20% déixanas para recría. Tamén ceban algún macho de máis idade para un carniceiro local, ao que llos vende con 16 meses como Añojo e un peso duns 400 quilos canal. “Eses xatos ás veces quedan máis tempo fóra”, conta.
Cando teño moitos xatos para cebar doulles herba verde para aforrar en concentrado
O consumo medio de concentrados por animal de Suprema, sacrificados aos 10 meses de idade, é duns 460 quilos. “Doulles unha ración diaria, non lles dou a discreción, para ter máis controlado o gasto. Cando tiña moitos para cebar dáballes herba verde todos os días para aforrar en concentrado, porque o prezo do penso incrementouse en 110€ por tonelada no periodo dun ano. O da herba verde íame ben, pero había que segala pola mañá e recollela pola tarde para dárllela, para que non se me descompoñan, porque senón non asimilan o concentrado como deberían”, indica Antonio.
Ataques do lobo
A serra do Xistral e os territorios que se atopan na súa zona de influencia é unha das zonas de Galicia con maior presenza de lobo e onde os ataques ao gando son constantes. Ademais dos efectos sobre a diminución da cabana equina, a presenza do lobo condiciona o manexo do gando vacún. “As vacas van pouco ao monte polo problema do lobo”, indica Antonio.
No reconto realizado no mes de xaneiro botaron en falta varias eguas e 5 poldros
En colaboración coa empresa galega Innogando no pasado mes de abril comezaron un proxecto de investigación para a detección dos ataques do lobo no gando cabalar en extensivo. Colocáronse 50 colares a eguas e poldros dos que, a partir de agora, se terá toda a información de localización GPS e actividades en tempo real.
En colaboración coa empresa Innogando, no mes de abril instalaron 50 colares GPS a éguas e poldros para detectar ataques a través do movemento da manda
Nos montes de Boimente as greas de cabalos de Pura Raza Galega e cabalos cruzados viven en condicións de semiliberdade. Normalmente estás mandas están separadas para evitar cruces non desexados e criar en pureza racial os cabalos de pura raza galega.
Un par de veces ao ano, no mes de xaneiro e no mes de xullo para a rapa, recóllese todo o gando, faise un reconto dos animáis e das súas crías (no reconto do mes de xaneiro botaron en falta varias eguas e máis de 5 poldros por ataques do lobo), desparasítanse, identifícanse con cadanseu microchip e mírase que os animais estean en boas condicións para voltar ao monte.