Xestión forestal contra o abandono: o papel da biomasa

O VI Foro da Biomasa Galega, celebrado durante a Feira da Enerxía, Enerxétika, en Silleda, puxo o foco na necesidade de transformar a xestión do monte galego para frear o abandono e aumentar a súa competitividade.

Xestión forestal contra o abandono: o papel da biomasa

A radiografía do monte galego mostra luces e sombras, segundo se desprende das análises expostas no VI Foro da Biomasa, celebrado recentemente en Silleda  durante a Feira da Enerxía, Enerxétika. Nunha mesa redonda sobre xestión forestal, o profesor da Universidade de Santiago, Roque Rodríguez, achegou datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia que revelan puntos claros de mellora: nas masas de coníferas, os equipos de campo consideraron que un 10% das subparcelas estaba en abandono, mentres que nun 75% das subparcelas indicaban que había necesidade de tratamentos (podas, rareos). “Hai tamén valores para os eucaliptos e para as frondosas autóctonas, un caso este último que presentaba datos mesmo peores que os do piñeiro”, destacou.

Os biocombustibles sólidos supoñen unha redución dos gases de efecto invernadoiro dun rango do 90 ao 95% para uso térmico, en comparativa cos combustibles fósiles de referencia.

Roque Rodriguez da USC na sua ponencia nas xornadasEsta situación de infraxestión ten consecuencias directas sobre a prevención de incendios e a calidade da madeira producida. Como pode axudar a biomasa á mellora da xestión?.

Rodríguez subliñou que os biocombustibles sólidos supoñen unha redución dos gases de efecto invernadoiro dun rango do 90 ao 95% para uso térmico, en comparativa cos combustibles fósiles de referencia. E engadiu que o aproveitamento de biomasa para produción de biocombustibles é un mecanismo de fomento da xestión activa dos montes, porque, entre outras cousas, favorece a aplicación de intervencións intermedias. “Para obter madeira de calidade tes que pasar por unha serie de fases onde vas sacar leñas -apuntou-. Hai unha oportunidade que para min é clara de que a biomasa, os distintos tipos de biocombustible, se integren para dar lugar a unha xestión forestal máis activa”.

“Creo que o éxito do monte en Galicia require esa superación da fragmentación. Temos que tender á cooperación e temos que ir reducindo ese minifundio”

Profesionalización fronte ao minifundio

Un dos principais obstáculos para unha xestión eficiente é o elevado grao de fragmentación da propiedade e o perfil do propietario. Luisa Piñeiro Arcos, directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, desagregou os datos do Instituto Galego de Estatística: máis de 30.000 solicitantes de aproveitamentos forestais de corta de madeira en Galicia no ano 2023, cunha solicitude media de 290 metros cúbicos por solicitude, un volume moi escaso que evidencia o minifundio imperante.

Elisa Piñeiro durante a sua ponencia nas xornadas“Vemos que a idade media é de 64 anos”, sinalou Piñeiro, nunha franxa de idades que vai dos 60 aos 74 anos segundo os datos do estudo. “Maioritariamente son persoas que están xubiladas e os ingresos destes aproveitamentos forestais son un complemento aos ingresos das unidades familiares. Hai unha problemática de envellecemento na xestión dos aproveitamentos forestais do noso monte”. Ante este escenario, a Consellerái propón as agrupacións forestais de xestión conxunta como ferramenta para avanzar cara a unha maior profesionalización.

“Creo que o éxito do monte en Galicia require esa superación da fragmentación. Temos que tender á cooperación e temos que ir reducindo ese minifundio”, afirmou a directora xeral. Actualmente existen 24 agrupacións forestais de xestión conxunta constituídas que agrupan preto de 5.000 hectáreas e 1.800 propietarios, cunhas 20 a maiores pendentes de inscrición e resolución. O obxectivo para finais de 2026 é consolidar máis de 60 agrupacións e superar as 7.000 hectáreas baixo xestión conxunta.

Para valorizar estas masas, exploran a fabricación de biochar. Os test de pirólise amosan bos resultados: no rebolo, rendemento do 25% e carbono superior ao 85%; no piñeiro silvestre, 18-20% con porcentaxes de cinza moi baixos.

Do monte ao biocarbón: experiencias de xestión activa

Hugo Rodríguez García, da empresa de enxeñaría e desenvolvemento AMETLAM, explicou como a clasificación en monte permitiu á súa empresa reducir do 30% ao 8% a madeira de coníferas destinada a trituración, vendendo os mellores exemplares para usos de maior valor. Aínda así, comercializan anualmente 6.000 toneladas de biomasa de restos de corta, que só extraen cando a materia orgánica do solo supera o 5%; se non, tritúranos e déixanos in situ.

Segundo Rodríguez García, o potencial máis importante está nas frondosas caducifolias, que ocupan máis do 50% da súa superficie arborada en Ourense. “Neste tema estamos empezando agora mesmo”, recoñeceu. Puxo dous exemplos de claras: nunha primeira clara de rebollo obtiveron 38 toneladas por hectárea de astilla, e nun aproveitamento de bidueiro, a extracción rondou as 45 toneladas por hectárea.

Para valorizar estas masas, exploran a fabricación de biochar. Os test de pirólise amosan bos resultados: no rebolo, rendemento do 25% e carbono superior ao 85%; no piñeiro silvestre, 18-20% con porcentaxes de cinza moi baixos.

O proceso de pirólise é exotérmico: cada reactor xera ao redor de 14 gigavatios térmicos de calor. Dado que en Galicia é difícil traballar con materias primas por debaixo do 30% de humidade, parte dese calor podería usarse para presecar a materia prima, mellorando a eficiencia do proceso.

Ponentes no VI Foro da Biomasa sobre aproveitamentes de masas forestais

ENCE: xestión propia e aposta pola mobilización de biomasa

Alejandro Oliveros, de ENCE, achegou a visión dun gran consumidor de biomasa. A compañía xestiona ao redor de 70.000 hectáreas, cun 84% certificada baixo os esquemas FSC ou PEFC. “O noso recurso vén de propietarios forestais, de miles e miles de propietarios forestais, que atopan interese en cultivar eucalipto ou outras especies”.

No eido da I+D, Oliveros destacou a importancia dos modelos de crecemento de biomasa para coñecer que fracción da biomasa que se produce queda no fuste, cal é cortiza, ramillas ou follas, e así poder aproveitar mellor os recursos. Tamén subliñou a necesidade de estudar a fondo o balance de nutrientes do solo: “que se extrae, que non se extrae, que nutrientes é necesario aportar adicionalmente, qué non se debe extraer, cales son eses porcentaxes mínimos que debemos deixar máis alá do que a normativa esixe”, valora.

Deste xeito, a intervención de Oliveros puxo de relevo que a xestión forestal activa e a produción de biomasa deben ir da man do coñecemento científico, para garantir a sustentabilidade a longo prazo.

Roque Rodríguez apuntou a alternativas como piñeiro taeda, secuoia, PseudoTsuga ou cedro, unha tendencia que xa se observa no País Vasco, onde -sinalou- “están a fomentar moitísimo a secuoia”, un movemento que considera que se debe ter en conta en Galicia. 

Cara a un modelo de monte máis diverso e produtivo

Nas intervencións da mesa abordouse tamén un tema de actualidade, o do impacto dos fungos das bandas nas masas de piñeiro radiata, especialmente na provincia de Lugo. Sobre esa cuestión, houbo coincidencia na necesidade de diversificar especies, ante os problemas sanitarios. Roque Rodríguez apuntou a alternativas como piñeiro taeda, secuoia, PseudoTsuga ou cedro, unha tendencia que xa se observa no País Vasco, onde -sinalou- “están a fomentar moitísimo a secuoia”, un movemento que considera que se debe ter en conta en Galicia. “É previsible unha diversificación futura de especies no ámbito das coníferas”, concluíu.

Pola súa banda, Luisa Piñeiro pechou a súa intervención cunha reflexión que resume o espírito do foro: “É preciso ese compromiso conxunto entre os propietarios, entre a administración e entre a industria. Estas tres patas temos que avanzar en conxunto para a xestión do noso monte”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información