A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Xestión de criptosporidiose en becerras de recría

Carlos Carbonell, veterinario de MSD Animal Health, fai un repaso por diferentes cuestións que hai que ter en conta para convivir coa criptosporidiose nas granxas. A clave é evitar que afecte ás becerras nos primeiros días de vida

Xestión de criptosporidiose en becerras de recría

A criptosporidiose é un dos problemas das becerras que máis preocupación causa ás ganderías. Trátase dunha infección polo protozoo Cryptosporidium parvum, que se adquire por transmisión fecal-oral, e ten un impacto especial nas primeiras semanas de vida das becerras.

O parásito xoga un papel importante no desenvolvemento da diarrea en tenreiros, a causa máis común de morte en becerros lactantes, e con efectos a longo prazo na ganancia de peso e mesmo na produción na súa primeira lactación. Por iso, desde MSD Animal Health traballaron para lanzar unha ferramenta que axude a minimizar o desenvolvemento da infección nesta primeira etapa dos animais.

O veterinario de MSD A.H Carlos Carbonell abordou a criptosporidiose e o seu control nunha recente xornada desenvolvida en Frades (A Coruña), coa organización das ADSG de Frades e Mesía.

carbonell estrategias

Impacto da enfermidade en animais aparentemente sans
Na xornada, Carbonell presentou un estudo no que se analizaron ao redor de 600 feces de animais de Lugo e a parte occidental de Asturias. No traballo, desenvolvido polo profesor do Campus Terra (USC) Pablo Díaz, a valoración dos animais dividiuse nos seguintes tramos de idade: menores dun mes, de 1 a 2 meses, de 2 a 12 meses, de 12 a 24 meses e maiores de 24 meses.

Os resultados son reveladores. En animais aparentemente sans, case un terzo das tenreiras de menos dun mes foron positivas a Cryptosporidium, así como case un 25 % das que se situaban no tramo de 1 a 2 meses.

“Se un terzo dos becerros que parecen sans son positivos a Cryptosporidium, que pasará cos enfermos?” (Carlos Carbonell)

Entre 2 e 12 meses, a porcentaxe baixaba en torno ao 20 %. En xovencas de 12 a 24 meses, a cifra de afectadas era do 15 %, mentres que en vacún adulto ao redor do 10 %. “Ningún dos animais do estudo tiña diarrea nin estaban enfermos ou tratados”, destaca Carbonell.

A conclusión extraída do estudo é que hai que convivir con estes parásitos. “Se un terzo dos becerrros que parecen sans son positivos a Cryptosporidium, que pasará cos enfermos?”.

carbonell diarrea

Avaliación de animais enfermos

Noutro estudo analizaron tamén 420 mostras de feces, nesta ocasión de becerros con diarrea e os dous patóxenos máis illados, preto do 60 %, foron Cryptosporidium e rotavirus. .

As análises indican que o 82 % dos animais presentaban infeccións mixtas, con dous ou máis patóxenos. Así mesmo, o estudo revela que, entre a primeira e a segunda semana de vida, o patóxeno máis frecuente é o Cryptosporidium, por iso considérase que é o principal causante das diarreas entre os 7 e os 14 días.

Ciclo do parásito

O parásito da criptosporidiose ten diferentes fases a considerar. No ambiente das explotacións atópanse os ooquistes (“bolsas de ovos”), que son as formas de resistencias do parásito, ás que favorecen as condicións de humidade. Estes ooquistes son inxeridos polo animal e reprodúcense de maneira asexual como sexual nas células do intestino encargadas de absorber os nutrientes, experimentando varios ciclos de multiplicación que destrúen estas células intestinais, provocan diarrea e a eliminación polas feces dunha carga altísima de ooquistes do parásito, o que xera unha alta contaminación do ambiente, que dará lugar á infección de novos animais.

O ciclo de reprodución e eliminación do parásitos dura unhas-dúas semanas e cesa ao chegar a un punto de equilibrio, cando os tenreiros gañan resistencia.

“Os tratamentos hai que empezalos desde o nacemento, para evitar que os parásitos colonicen o intestino”, destaca o técnico. Desta maneira, contrólase a infección nos primeiros días e “aínda que se volva a infectar máis adiante, o animal será maior e terá máis capacidade de controlar a infección”.

A carga de ooquistes e o temperán que se produza a infección na tenreira son dous dos factores máis relevantes.

A carga de ooquistes e o temperán que se infecten as tenreiras son dúas dos factores relevantes, por iso hai que centrarse en que os animais se infecten tarde e en pouca cantidade:

“Este é o noso obxectivo, porque infectar vanse a infectar”. Nun estudo demostraron que con seis ooquistes, os tenreiros son capaces de eliminalos sen causar a enfermidade, pero con 17 ooquistes, xa a metade dos tenreiros desenvolvían o cadro clínico da enfermidade.

O maior factor de risco para que un tenreiro padeza criptosporidiosis é a convivencia con outro becerro. “Un tenreiro con diarrea por Cryptosporidium é unha incubadora para a enfermidade”.

Vixilancia de síntomas
Unha clave a ter en conta é a vixilancia dos síntomas que permiten identificar a presenza de parásitos. O máis evidente é a diarrea, aínda que hai que diferenciar feces brandas e diarrea. Carbonell puxo o exemplo dos bebés, “que fan as feces brandas e non por iso están enfermos”.

Como consello práctico, o veterinario puntualizou que hai que empezar a preocuparse cando as feces son tan líquidas que atravesan a cama de palla e, ademais de observar as feces, é necesario vixiar o comportamento dos animais: “Se teñen as feces brandas ou algo líquidas, hai que observar se están activos e comen con normalidade”.

Bovilis Cryptium, a vacina de MSD para a protección neonatal

Xornada impartida por Carlos Carbonell (MSD) nas ADS de Mesía e Frades.

Xornada impartida por Carlos Carbonell (MSD) nas ADS de Mesía e Frades.

A firma MSD A.H desenvolveu Bovilis Cryptium, unha vacina fronte á criptosporidiose que é de utilidade no control da enfermidade, aínda que Carbonell subliña que a vacinación é unha excepcional ferramenta, pero “os gandeiros deben ter en conta que a enfermidade non se puiden solucionar só con inxeccións, pois hai que valorar un conxunto de factores de manexo”.

Esta vacina foi desenvolvida para a inmunización activa de xovencas e vacas xestantes e permite incrementar os niveis de anticorpos calostrais específicos fronte a Gp40 de Cryptosporidium parvum.

A transferencia pasiva desta inmunidade aos tenreiros, a través da adecuada inxesta de calostro, permite reducir significativamente os síntomas clínicos, como a diarrea, causados por ‘C. parvum’.

Os anticorpos xerados pola vacina actúan no ciclo do parásito, bloqueando a adhesión do parásito ás células do intestino. Desta maneira, atrásase a infección polo menos nos 5 primeiros días do animal, durante a alimentación con leite de transición, dando tempo a que o tenreiro desenvolva unha maior resistencia e capacidade de loita contra a enfermidade.

Os estudos desenvolvidos coa vacina concluíron que os tenreiros que reciben o calostro e leite de transición de vacas vacinadas, presentan menos enfermidade e as diarreas que se presentan duran menos días e mostran menor intensidade.

Prevención de infeccións en becerras de recría: claves de hixiene

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información