Xestión da dixestibilidade e do almidón nos silos de millo

Unha xornada técnica do Laboratorio de Mouriscade aborda cuestións a ter en conta na colleita e manexo do millo para mellorar a ración das vacas

Xestión da dixestibilidade e do almidón nos silos de millo

O catedrático Sergio Calsamiglia, á esquerda, xunto a outros ponentes das xornadas de Mouriscade.

O laboratorio de Mouriscade (Lalín), dependente da Deputación de Pontevedra, acolleu unha xornada técnica adicada ó ensilado de millo. O evento contou coa intervención do catedrático da Facultade de Veterinaria de Barcelona Sergio Calsamiglia; coa xefa de servizo de Mouriscade, María Hermida; e con técnicos das firmas Claas e LG, colaboradoras das xornadas.

A xornada centrouse en analizar cuestións que hai que ter en conta para obter o silo de millo máis axeitado. O papel do almidón, fundamental no aporte de enerxía ós animais, ou a tecnoloxía de picado Shredlage, que mellora a dixestibilidade do millo, foron algúns dos aspectos abordados. Resumimos a continuación os principais aportes da xornada.

O papel do almidón no silo de millo

Cal é o nivel óptimo de almidón na ración?
O catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, Sergio Calsamigilia, sinalou que a tendencia dos últimos anos é a de aumentar a porcentaxe de almidón ata o 29-30% da materia seca da ración, se ben son cifras que non recomenda para todas as granxas.

“Ata hai unha década, as recomendacións situábanse no 24-28%. Decidir aumentar a porcentaxe de almidón ata un 29-30% representa un risco. Alguén que traballe con moita calidade, pode arriscar máis. Se a mestura é boa, téñense boas analíticas da alimentación e unha ración uniforme e constante, pódese facer. En cambio, unha gandería que careza desa calidade de traballo, pode atoparse con que chega a un 32% de almidón na ración dalgúnhas vacas, o que representa un problema”, valora Sergio Calsamiglia.

Cal é o impacto da dixestibilidade do almidón na produción das vacas?
Unha maior degradabilidade do almidón no rume ten efectos positivos, pois favorece a dixestión da fibra e aumenta a inxesta de alimento do animal. En consecuencia, a máis dixestibilidade do almidón, aumenta a produción de leite e o seu nivel de proteína. En graxa, baixará a porcentaxe, aínda que a graxa total do leite subirá.

Como aspecto negativo, a maior dixestibilidade, auméntase o risco de acidose, en tanto que o almidón bypass, que non se degrada no rume e é absorbido no intestino delgado, reduce os riscos de acidose.

Cómpre ter en conta tanto a dixestibilidade do almidón do concentrado como a do silo de millo. En canto ó silo de millo, un estudo en Estados Unidos do laboratorio DairyOne concluía que a media de degrabilidade dos silos situábase no 62%, cun arco que oscilaba entre o 52 e o 72%. “A porcentaxe varía en función de diversos factores coma a variedade de millo sementada, o procesado do millo ou a época da colleita”, valora Sergio Calsamiglia.

Que influencia ten a porcentaxe de materia seca do millo no almidón?
A maior madurez do millo, redúcese a dixestibilidade. Por riba do 30% de materia seca no millo, redúcese a dixestibilidade do almidón, se ben tamén hai que ter en conta que aumenta a cantidade do mesmo. Cal é o punto de equilibrio no que se logra o maior rendemento do almidón?. O catedrático Sergio Calsamiglia sitúa ese punto no 35% de materia seca do millo, sempre e cando se faga un bo procesado da colleita.

“Seguimos tendo silos de millo con gran pouco procesado. Hai unha oportunidade grande de mellora” (Sergio Calsamiglia)

“Seguimos tendo moitos silos con gran pouco procesado e aí hai unha oportunidade grande de mellora. Se o silo se procesa correctamente, os estudos demostran que a degradabilidade do almidón aumenta un 5,5%. A importancia do procesado é maior en millo maduro, cun 33-35% de materia seca, xa que nos pode permitir recuperar a dixestibilidade que perdemos polo aumento da materia seca”, subliña o catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona.

Para controlar posibles riscos de acidose en dietas altas en almidón dixestible, o profesor recomenda medidas preventivas, como a adición de bicarbonato na ración, ou o control da uniformidade do carro unifeed, unha cuestión que se recoñece que non é sinxela, e para a que son de utilidade tecnoloxías como a NIRS, que permite un control en tempo real das características da ración do carro.

Ensaio de Mouriscade cunha picadora de millo ‘Shredlage’

A Finca de Mouriscade desenvolveu nos últimos dous anos ensaios cunha colleitadora de millo ‘Shredlage’, un sistema que presenta a innovación de que rasga talos e follas do millo, o que aumenta a superficie de exposición das fibras e facilita a actuación das bacterias. O sistema creouse en Estados Unidos no 2010 e chegou a Europa no 2015-2016.

Mouriscade realizou un primeiro ensaio co ‘Shredlage’ no 2017, se ben tratouse dun ensaio de só hectárea e media, e no 2018 xa fixo un ensaio de maiores dimensións, adicando un silo da Finca á colleita do ‘Shredlage’, picada a 16 milímetros. Ese silo comparouse tanto no momento da colleita como no mes de febreiro cun silo convencional.

O sistema ‘Shredlage’ demostrouse eficaz no aumento da dixestibilidade do silo, o que repercute nunha maior produción de leite

Os resultados no momento da colleita non eran especialmente significativos, pois só había dous puntos de diferencia en dixestibilidade da fibra neutro deterxente a favor do millo ‘Shredlage’ (54% fronte a 52% o convencional), pero a en febreiro, unha análise dos silos revelou que o Shredlage pasara do 54 ó 61,9%, en tanto o convencional pasou de 52 a 55%.

“A dixestibilidade é un 13% maior co sistema Shredlage, o que coincide cos datos dos diversos estudos da bibliografía científica, que sitúan a mellora da dixestibilidade nun arco do 7 ó 14%”, explica a xefa de Servizo de Mouriscade, María Hermida.

Durante o mes de febreiro, cando se comezou a suministrarlle este silo ás vacas na ración, constatouse en Mouriscade un aumento da inxesta de alimento polas vacas, así como unha mellora da produción de leite. “A eficiencia da conversión da ración en leite foi máis alta que outros meses”, destacou María Hermida.

Os datos da bibliografía científica apuntan que a vaca aumenta a súa inxesta en 1,4 – 1,5 kg. de media e aumenta a súa produción por día entre 0,5 e 1,68 Kg.

A conclusión para María Hermida é que o sistema Shredlage “chegou para quedarse” e “será recomendable usalo se o beneficio logrado é superior ó gasto suplementario que implica”.

A empresa Claas, comercializadora en exclusiva das colleitadoras Shredlage, participou tamén nas xornadas para presentar as características das súas picadoras de forraxe da serie Jaguar.

Recomendacións para a sementeira e silos
A xornada sobre silos de millo organizada por Mouriscade contou tamén coa participación de técnicos da empresa LG, que explicaron as súas liñas de traballo en millo e deixaron recomendacións tanto para a sementeira como para a colleita. Algunhas das cuestións que abordaron foron a seguintes:

– Para a sementeira, débese escoller unha variedade adaptada á zona, á epoca de sementeira e ó uso.

– Recoméndase a colleita cun óptimo de materia seca do 32-35%, pois é o arco de porcentaxe que permite aportar máis enerxía na ración.

– Para aumentar a enerxía da planta, existen dúas posibles vías de traballo por mellora xenética: unha é mellorar na mazorca a cantidade de grans ou a porcentaxe de almidón. Outra vía, pola que aposta LG, pasa por reducir a lignina da parte verde co obxectivo de aumentar a dixestibilidade. Así, a compañía considera que se pode aumentar máis a enerxía transformable en leite. A empresa tamén incide en que en campañas de estrés hídrico, as variedades que aportan maior porcentaxe de enerxía pola parte verde terán menos problemas, pois será a mazorca a que máis se resentirá coa seca.

– Á hora de facer os silos, hai que ter en conta a importancia do pisado. Débense empregar tractores pesados e evitar unha excesiva velocidade de enchido do silo, pois repercutirá nun menor pisado. Recoméndase non facer alturas de capas maiores a 10 centímetros, xa que levará a que o silo final teña menos de 225 Kg / metro cúbico, que é o nivel mínimo de compactación que se considera preciso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información