Como artellar produción forestal e conservación do medioambiente?. Ese é o debate que se está a iniciar entre as asociacións de propietarios forestais (Promas) do norte galego. Os colectivos de silvicultores son conscientes de que o monocultivo de eucalipto nas comarcas do norte chegou a un punto en que “non é interesante” e están a abordar as oportunidades de mellora.
Nun primeiro encontro organizado en Viveiro por Promavi, Promagal e a Asociación Forestal de Galicia, as asociacións de propietarios trazaron unha folla de ruta para impulsar unha xestión máis sostible do monte. “Temos oportunidades de mellora importantes” -enuncia o presidente de Promavi, Manuel Galdo-. “Unha cuestión á que temos que atender é a da biodiversidade do monte. Coa xestión conxunta do monte, as Promas podemos mellorar a comercialización da madeira, pero tamén a biodiversidade”, valora.
As Promas ven factible na Mariña lucense un aumento da plantación de piñeiros, “que acadou prezos interesantes para o propietario”, e consideran preciso asímesmo introducir franxas de frondosas caducifolias, en especial no entorno de regatos e ríos, así como arredor dos núcleos de poboación.
“É necesario que melloremos a xestión das distancias de plantacións forestais a ríos, estradas e vivendas, evidentemente coa colaboración da Administración, que nos ten que apoiar para atender estas zonas que non se dediquen á produción de madeira”, sinala Manuel Galdo.
Corta e saca de madeira
O sector agarda que a Consellería do Medio Rural lance unha liña de axudas que apoie ás Promas na mellora da xestión do monte. Con eses apoios, aspiran a optimizar tamén cuestións como a corta e saca de madeira. “Na actualidade, hai equipos de corta máis respetuosos e outros menos. O noso obxectivo ten que ser que o monte cando rematen os traballos de corta quede nas condicións de inicio”, valora Galdo.
Para lograr ese obxectivo, as Promas apuntan á necesidade de mellorar as infraestruturas forestais da Mariña lucense. Coa actual maquinaria forestal, sinalan que é preciso mellorar as pistas forestais públicas, ensanchalas e dotar ó monte das axeitadas infraestruturas (cargadoiros, puntos de auga para a defensa contraincendios, etc.).
Xestión fronte ó abandono
A reunión que celebraron onte as Promas da Mariña en Viveiro preséntase como un primeiro paso para relanzar ás asociacións de propietarios forestais do norte lucense. Os colectivos chegaron ó convencemento de que a xestión conxunta é a vía para a mellora do monte, se ben agora queda á parte máis complicada, a de chegar ós silvicultores e convencelos das oportunidades que hai, tanto de mellorar a rendibilidade, por exemplo con vendas en coto redondo, como de mellorar a biodiversidade e lograr un monte máis resiliente ós incendios forestais.
Desde a Asociación Forestal de Galicia, o seu director, Francisco Dans, subliña que se ben a Mariña ten que mellorar a xestión da prevención de incendios, trátase dunha das comarcas de Galicia con menor incidencia de lumes. “Nos anos 80, a Mariña lucense era territorio de lumes continuos. O que cambiou iso foi a xestión forestal. Hoxe estamos ante un territorio xestionado, que é a mellor prevención contra os incendios forestais. Cada ano córtanse na Mariña arredor de 2.500 hectáreas de eucalipto, o que crea numerosas discontinuidades de biomasa no monte” -explica-. “O monte só se coida se dá ingresos. Esa é a mellor vía de evitar o abandono e a selvatización do territorio”, conclúe.
Prezos e sanidade forestal
A reunión das Promas da Mariña en Viveiro serviu tamén para abordar outras cuestións que sempre preocupan ós propietarios, como os prezos da madeira e a sanidade forestal das masas. Constatouse que os prezos do eucalipto están na actualidade nun bo momento, con valores que rondan os 35 euros por tonelada (madeira en pé con casca).
En canto á sanidade forestal, superados os anos de peores ataques do gorgullo do eucalipto, agora preocupa a ‘Mycosphaerella’, un fungo que afecta ás plantacións xuvenís en toda a Mariña, tanto a eucalipto globulus como a nitens. As Promas apuntaron que hai xa viveiros que comercializan plantas de nitens máis resistentes á Mycosphaerella, pero advertiron da necesidade de que continúe a mellora xenética da especie para encarar esta enfermidade.
O impacto da Mycosphaerella está a levar a que o eucalipto regnans teña xa un certo éxito nas novas plantacións da Mariña, pois trátase dunha especie resistente tanto a este fungo como ó gorgullo. De tódolos xeitos, as Promas coinciden en sinalar que en xeral o eucalipto nitens continúa a ser o máis empregado nas plantacións de toda a comarca.
Os esforzos de certas Promas na loita biolóxica contra o gorgullo do eucalipto, acompañadas tamén da loita paralela da Administración, leva a que nalgunhas zonas se manteña unha orientación maior ó eucalipto globulus, pero o nitens convertiuse no máis chamativo para os propietarios, tanto pola súa maior resistencia ó gorgullo como pola súa alta produtividade.
Moratoria do eucalipto
A preguntas dos xornalistas sobre a moratoria do eucalipto, as asociacións de propietarios inciden na necesidade de ter unha norma clara antes de que remate a actual moratoria, en decembro do 2025. “O noso obxectivo é conseguir unha norma clara, con criterios técnico – científicos, que regule onde asentar novas plantacións de eucalipto. Os silvicultores precisamos reglas de xogo claras, o que non pode ser é que se diga que nun concello si e noutro non”, cuestiona o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans.
“Temos entre as mans o reto de lograr unha normativa que satisfaga a todos” -valora Manuel Galdo, de Promavi-. “Se en Galicia temos preto de 1,5 millóns de hectáreas arboradas, creo que algo que sería aceptable a nivel de toda a comunidade é ter arredor dun terzo desa superficie con eucaliptos, un terzo con piñeiros e un terzo con frondosas”, sopesa.
Para o outono, espérase o primeiro avance do Inventario Forestal Continuo de Galicia, e entón saberase cal é a distribución actual de especies forestais na comunidade. Esa será a base sobre a que o sector e a Administración se sentarán para definir a futura normativa forestal de Galicia.
Presentación do informe forestal do eucalipto en Galicia e na Cornisa Cantábrica
O polémico proceso xudicial que impulsara o Concello de Teo para buscar a declaración do eucalipto como especie invasora saldouse o pasado ano cunha sentencia xudicial contraria a tal petición, pero o proceso deixou preocupación entre os propietarios forestais. Por ese motivo, a Confederación de Organización de Selvicultores de España (Cose) editou un informe sobre o eucalipto no que recolle unha síntese das evidencias científicas sobre a especie.
O obxectivo do informe, presentado onte en Viveiro, é o de desmontar os mitos que asocian ó eucalipto cunha serie de impactos ambientais negativos.
A parte de abordar cuestións como a eficiencia da especie no consumo de auga ou os incendios, o informe pon o foco sobre a oportunidade ambiental que representa o eucalipto no marco da bioeconomía. Destácase que o eucalipto é unha das especies que máis CO2 captura da atmósfera, o que contribúe á mitigación do cambio climático. Como exemplo, sinálase que un eucalipto nos seus primeiros 20 anos de vida captura oito veces máis dióxido de carbono que un carballo.
Unha segunda cuestión a ter en conta é o papel que ten a madeira de eucalipto á hora de subtituír produtos de orixe fósil cunha maior pegada de carbono, como os plásticos.