XERA proxecta talleres de formación para divulgar as vantaxes da construción en madeira

A Axencia Galega da Industria Forestal asistiu en Portugal ao terceiro Comité de Dirección do Proxecto Interreg SUDOE EGURALT, que busca fomentar o uso da madeira en edificios de media altura

Asistentes a la reunión del Comité de Dirección del Proyecto Interreg SUDOE EGURALT celebrada en Sertã (Portugal)

Asistentes á reunión do Proxecto Interreg SUDOE EGURALT celebrada en Sertã (Portugal)

A Axencia Galega da Industria Forestal, XERA, asistiu ao terceiro Comité de Dirección do Proxecto Interreg SUDOE EGURALT celebrado nas instalacións do Centro de Inovação e Competências da Foresta (SerQ), en Sertã (Portugal) os pasados 16 e 17 de decembro. A reunión contou coa presenza dunha vintena de profesionais e expertos sobre construción en madeira para debater os avances do proxecto EGURALT, cuxo obxectivo é a aplicación e difusión de solucións innovadoras para a promoción da construción de media altura con madeira no espazo Suroeste Europeo. Dentro das liñas de traballo que se marcan, XERA avanzou a súa intención de organizar talleres de formación con arquitectos para promocionar a construción en madeira.

Xunto coa reunión do Comité de Dirección, tamén se celebraron as reunións dos 3 Grupos de Traballo do proxecto e o equipo do CIS-Madeira, englobado na Axencia Galega da Industria Forestal, participou nas distintas sesións.

Divulgación de solucións técnicas en madeira

No Grupo de Traballo 1, Diagnóstico, intercambio de coñecemento e estudo de oportunidades, Manuel Touza expuxo as conclusións do taller, organizado pola Axencia e BASKEGUR, o día 3 de novembro nas instalacións de Madeiras Besteiro en Lugo. O taller contou coa participación de 38 especialistas e finalizou cunha selección de iniciativas consideradas prioritarias en distintos ámbitos de traballo (Promoción e Políticas Públicas, Formación, Estratexia Empresarial Sectorial e I+D+i).

No Grupo de Traballo 2, Experimentación de novos procesos, produtos e tecnoloxías para a optimización do uso da madeira en construción, Azahara Soilán, expuxo as solucións nas que o CIS-Madeira ten previsto traballar para mellorar a durabilidade contra as termitas subterráneas e a reacción ao lume dos paneis de taboleiro contralaminado ( CLT).

Por último, a Axencia Galega da Industria Forestal lidera o Grupo de Traballo 3, Divulgación, capitalización do coñecemento e sensibilización para o cambio de paradigma cara a unha construción sostible utilizando a madeira, onde está previsto levar a cabo diversas iniciativas como talleres demostrativos dos produtos e solucións obtidos no Grupo de Traballo 2, a elaboración dun módulo formativo para arquitectos, o establecemento de alianzas internacionais ou o desenvolvemento dunha campaña de sensibilización sobre as vantaxes ambientais da madeira.

Hotel Mondego (Coímbra): exemplo de uso de paneis contralaminados en rehabilitación

Tras finalizar as reunións técnicas, os asistentes desprazáronse ata a cidade de Coimbra onde visitaron a Universidade e o Hotel Mondego, onde o enxeñeiro Luís Jorge, de TISEM Lda (empresa asociada ao proxecto), fixo unha presentación do proxecto de rehabilitación do edificio con paneis CLT. O edificio do Hotel Mondego formará parte da guía para a construción en madeira de media altura que o consorcio está a desenvolver no marco do Grupo de Traballo 1.

A organización das reunións foi tamén unha oportunidade para que os membros de SerQ puidesen mostrar as súas instalacións ao resto dos socios, incluíndo a realización de varios ensaios para determinar a resistencia de vigas de madeira laminada encolada fabricadas con frondosas locais.

EGURALT, que forma parte do Programa Interreg SUDOE, está cofinanciado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e conta cun orzamento total de 1.011.562 €. O proxecto persegue a identificación e aplicación de novos procesos e tecnoloxías que visan a utilización da madeira, como produto local e renovable, en edificios de media altura. O EGURALT está encadrado na Prioridade do Programa Interreg SUDOE que busca “Promover capacidades de innovación para un crecemento intelixente e sostible”, e especificamente no Obxectivo Temático que persegue “Reforzar a investigación, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información