Estruturas en madeira para glamping, confort en contacto coa natureza

A Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra (UVigo) desenvolveu un curso de instalación e montaxe orientado ó chamado ‘glamorous camping’. A actividade contou co apoio da Axencia Galega da Industria Forestal XERA

Publicidade

GLAMPING

O glamping é unha modalidade turística que mestura a acampada coas comodidades dos hotel boutique. Camas estándar,baños, climatizadores…servizos que posibilitan conectar coa natureza sen privarse das vantaxes, sustentabilidade e deseño dos fogares. Domos, iurtas ou casas árbore son exemplos de glamping. 

A Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) desenvolveu un curso sobre construción de estruturas de madeira para glamping, impartido na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra da Universidade de Vigo. O director da Xera, Alfredo Fernández Ríos, destacou na clausura do curso que “o emprego de madeira en estruturas glamping logra unha mellor integración en contornas naturais e rurais, á vez que dota ás construcións dun alto grao de confort térmico e acústico.”

Fernández Ríos subliñou o apoio que XERA ofrece no marco da liña de apoios Xera-Savia ás actividades de formación e divulgación da industria forestal-madeira para mellorar as habilidades profesionais e, así, incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor.

O responsable da Xera salientou a boa acollida do curso entre os profesionais, que ocupou as 30 prazas dispoñibles, e sinalou que a Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo foi receptora de axudas Xera-Savia para a organización de actividades formativas non regradas “que impulsan o coñecemento e a competitividade da industria forestal-madeira.”

O director da Xera, Alfredo Fernández Ríos, fixo entrega dos diplomas os participantes no curso

O director de XERA, Alfredo Fernández Ríos, fixo entrega dos diplomas os participantes no curso

Dende XERA sinalan que o curso -baixo o título “Construción de estruturas de madeira para glamping básico”- permitiu “formar profesionais para tratar de dar solucións ós retos da industria da madeira estrutural, afondar nas novas tendencias como material idóneo para este tipo de construcións, e favorecer a mellora das competencias do talento humano e a súa adaptación aos novos desafíos a nivel global.”

O curso estivo orientado a alumnos e titulados do ámbito forestal, así como a profesionais con interese no emprego da madeira como material de futuro. A actividade formativa desenvolveuse en 25 horas repartidas en catro módulos, máis da metade de formación práctica.

Por canto os contidos, aportouse formación sobre Sistema Glamping. Madeira e Unións Estruturais Tradicionais, Montaxe de estruturas de madeira en Glamping, Instalación de cubertas e illamentos enfocados ao Glamping e Procedementos e estándares construtivos aplicados ao Glamping.

“Non se trata simplemente de acampar con máis comodidades, senón dun produto turístico diferenciado”

O profesor Óscar González foi un dos promotores da acción formativa

O profesor Óscar González foi un dos promotores da acción formativa

 

Óscar González Prieto, profesor do departamento de Enxeñaría dos recursos naturais e medio ambiente da Universidade de Vigo foi un dos responsables do curso sobre glamping básico. Falamos con el para coñecer os contidos e obxectivos do mesmo.

– Antes de nada, explícanos que é o glamping e que é o glamping básico.

O termo glamping é un acrónimo de glamorous camping. Designa unha modalidade de aloxamento turístico en contornas naturais que combina a inmersión na natureza propia do campismo tradicional coa comodidade, o deseño e os servizos propios dun establecemento hoteleiro de nivel medio-alto.

É dicir, non se trata simplemente de acampar con máis comodidades, senón dun produto turístico diferenciado, cunha aposta clara por: -arquitectura lixeira (carpas de lona técnica, eco-lodges, cabanas de madeira, tiny houses, domes geodésicos, etc.); -materiais naturais e estética integrada no medio; -confort asociado ao turismo de experiencia (cama real, electricidade, baño privado, climatización, mobiliario de calidade); e -orientación ao benestar, á sustentabilidade e ao consumo de natureza de maneira “premium”.

No eido forestal e de industria da madeira, é un ámbito no que se empregan de forma crecente estruturas de madeira laminada ou híbrida, solucións de fachadas lixeiras, sistemas modulares ou desmontables, e deseños que minimizan o impacto no solo—algo relevante en terreos forestais ou rústicos.

O termo glamping básico non ten unha definición moi estendida, pero pretendemos diferenciar ao nivel inicial ou mínimo de servizos que permiten considerar un aloxamento como glamping e non simplemente campismo mellorado, e que inclúen;  un planeamento de estruturas lixeiras de madeira para pequenas cabanas prefabricadas e modulares, chan de madeira ou plataforma elevada e un illamento térmico moderado com madeira e outros compoñentes.

– Cales foron os contidos concretos do curso?

O curso estruturouse en catro módulos, repartidos en catro xornadas, que incluiron a seguinte temática:

Módulo 1: Sistema Glamping. Madeira e Unións Estruturais.

Módulo 2: Montaxe  de estruturas de madeira en Glamping (6 h: 2 teóricas / 4 prácticas).

Módulo 3: Instalación de cubertas e illamentos enfocados ao Glamping.

Módulo 4: Procedementos e estándares construtivos aplicados ao Glamping.

Todos eles con maior carga práctica que teórica. Á conclusión do curso, os dous grupos de participantes elaboraron sendos prototipos de cabanas triangulares e modulares.

– A quen ía dirixido o curso?

Realmente a todo o persoal interesado, pero especialmente aquel vinculado coa madeira, fabricación de elementos e carpintería. No curso tivemos perfís moi variados, desde estudantes universitarios, estudantes de  formación profesional, ate carpinteiros e algún promotor deste tipo de negocio. 

No curso combináronse os aspectos teóricos e prácticos

No curso combináronse os aspectos teóricos e prácticos

– En que sector poden traballar as persoas que reciban esta formación?

Principalmente no ámbito da construción con madeira estrutural de cabanas.

– Que tipo de madeira empregastes?

Ao darlle un enfoque básico, queremos empregar madeiras locais de piñeiro natural e termotratado

– Cal foi a procedencia da madeira?

De serradoiros da contorna do lugar de celebración do curso. Neste caso, como o curso o facemos en Pontevedra, do entorno desta cidade.  

– É necesario algún tratamento específico da madeira tendo en conta o clima de Galicia?

Na parte interior da estrutura, un deseño adecuado que impida o seu mollado. Na parte exterior, precisa dunha protección adecuada para o uso a intemperie.

– Pode ser un recurso de utilidade para empresas de turismo galegas?

Por suposto. A nosa paixase e xeografía préstase a ser una punto moi interesante para esta aplicación. De feito, cada vez máis, pódense ver instalacións deste tipo. Nos creemos que ten moito futuro, por este motivo apostamos por esta formación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información