Isabel Gómez vén de tomar o relevo de Joan Alibés á fronte da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Isabel, coñecida polo seu labor en Traloagro (Friol), unha gandería de vacún e polos en ecolóxico que ten o seu propio centro de transformación, cóntanos os seus obxectivos de traballo na asociación. Falamos tamén con ela de cuestións de actualidade, como a falta de fondos para a agricultura ecolóxica ou a nova PAC.
– Con que idea te pos á fronte da Sociedade Galega de Pastos?
– Cando mo propuxeron non dubidei, non é que lles debera obriga, pero si que a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes foi un apoio importante no desenvolvemento do noso proxecto (Traloagro). Hai creo que 7 anos que coñecín a Eloi Villada (o primeiro presidente da Sociedade Galega de Pastos) e desde entón foi un acompañamento, e en parte asesoramento tamén. Entón, pareceume importante continuar coa Sociedade, pero agora doutro xeito.
Tamén me parecía importante que fose unha persoa do sector gandeiro quen continuase á fronte da Sociedade, para que se transmita cercanía e que se vexa que estamos aí para facer cousas como a xornada do Courel, na que estamos coñecendo experiencias de distintos tipos de pastoreo, de diferentes lugares. A idea da Sociedade Galega de Pastos é poder ter unha rede na que apoiarnos e aprender uns de outros.
“A idea da Sociedade Galega de Pastos é a de ter unha rede na que apoiarnos e aprender uns dos outros”
– Gustaríache que ese traballo de acompañamento de novos proxectos, como o que se fixo contigo, sexa un dos eixos da Sociedade?
– Ese traballo de acompañamento é dos máis importantes, porque transmitir información e facer xornadas de divulgación é importante, pero que unha persoa se sinta acompañada e poida ver opcións doutras ganderías, é un apoio. Non se trata de asesoramento técnico, pero si dun apoio, emocional tamén, sobre todo cando comezas un proxecto novo.
– Outra cuestión que tedes abordado na Sociedade é a necesidade de estar máis pendentes de cuestións de actualidade, como pode ser agora a falta de fondos para as axudas de agricultura ecolóxica. Como vedes esa falta de apoios para as ganderías en ecolóxico, como pode ser a túa propia?
– Que non haxa esa previsión de fondos paréceme grave por parte da Administración e a súa obriga é intentar solventalo. Pero o peor que vexo de todo é a desconexión coa realidade. Se non hai apoios, evidentemente moita xente vaise volver atrás, xa que estamos ante un modo de produción máis custoso e que require un tempo de adaptación.
“Que non haxa fondos suficientes para a agricultura ecolóxica é grave, pero o peor é a desconexión coa realidade. Europa quere un 25% de terras en ecolóxico no 2030 e aquí iso non importa absolutamente nada”
Nos últimos anos, fíxose un esforzo desde o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega) e desde a propia Consellería para incentivar á xente a pasarse a ecolóxico. Non se entende que agora, despois de todo ese esforzo e da boa resposta que houbo entre os produtores, se retire a compensación económica.
Pero o que máis me sorprende é que non se lle dea valor á produción en ecolóxico. Europa marca que para o 2030 temos que ter un 25% da superficie agraria cultivada en ecolóxico. É como se non se quixese ver iso e non importase absolutamente nada o incumprimento que imos ter. Desde a Sociedade Galega de Pastos estamos dirixíndonos a todas as institucións para pedir que haxa unha rectificación.
– E como vedes o novo ciclo da PAC, que arranca no 2023. Apoiarase de xeito suficiente ás ganderías en extensivo?
– Hai unha certa redirección das políticas agrarias para apoiar a gandería extensiva. Un dos ecorreximes, por exemplo, apoiará á gandería extensiva, pero ao mesmo tempo, vemos que se segue penalizando o aproveitamento de montes clasificados como pasto arbustivo. Falta moito aínda por avanzar para recoñecer o traballo ambiental da gandería extensiva, sen penalizala nas axudas.
“Falta moito por avanzar na PAC para recoñecer o traballo ambiental da gandería extensiva”
– Precisamente coa xornada do Courel, queredes poñer en valor a importancia da gandería como protección fronte ós incendios forestais.
– É que na xornada estase vendo que a xente quere gando para protexer as aldeas dos lumes. Non só como complemento económico ou como actividade laboral, senón principalmente como protección para eles mesmos. Hai que darlle a importancia que ten ó pastoreo porque está demostrado que onde hai gando, ou non hai lumes ou son de menos intensidade.
O gando extensivo posiciónase como ferramenta clave contra os incendios na montaña galega