“A xente pídeche leña de carballo por tradición, pero ó probar bidueiro ou eucalipto non quere outra”

Leña Galicia é unha das únicas empresas especializada na venda de leña envasada en Galicia. Son tamén unha das firmas impulsoras dunha asociación de fabricantes de leña en Galicia. Coñecemos con eles a situación do sector

“A xente pídeche leña de carballo por tradición, pero ó probar bidueiro ou eucalipto non quere outra”

Manuel Meijomil é un dos dous socios ó fronte de Leña Galicia, empresa especializada na venda de leña envasada. Esta firma, situada en Lalín (Pontevedra) foi pioneira con este formato de venda en Galicia. Agora, despois de case 10 anos no sector, traballan por impulsar unha asociación coa que dar valor engadido ó produto. Reivindican o valor da leña e pretenden rachar coa idea de que é unha enerxía de segunda.

Con Manuel coñecemos máis sobre a situación da venda de leña en Galicia, que experimentou unha gran demanda nos últimos tempos, sobre todo tralo estoupido da Guerra de Ucraína, ó dispararse os prezos doutros combustibles.

-Cando comezastes con Leña Galicia?
-En Leña Galicia somos dous socios, xunto comigo está Miguel, que está no día a día da empresa. Empezamos hai 8 anos e daquela non tiñamos nin idea de leña. A diferenza do que acontece coa maioría das empresas do sector, que son madeireiros que teñen a leña como algo complementario, no noso caso chegamos os dous socios sen ter experiencia nisto, pero coas ideas moi claras do que queríamos facer.

“Os dous primeiros anos foron difíciles, porque para a xente non tiña lóxica vender leña en sacos pequenos, cando o habitual era que se mercase un remolque de leña”

-E que era o que queriades facer?
-Nós tiñamos claro que queríamos vender leña envasada, mentres que todo o mundo vende a leña a granel, por remolques. O envase que nós manexamos non o tiña ninguén. Tamén é verdade que os dous primeiros anos foron difíciles, porque para a xente non tiña lóxica vender leña en sacos pequenos, cando o habitual era que se mercase un remolque de leña. De ter que insistir nós en que probaran con este formato nas súas tendas pasamos a que agora veñan os comerciais a nós para vender o noso produto.

-Que formatos de venda tedes?
-Vendemos bigbags, sacos de 8 quilos de leña e tacos de pequeno tamaño para prender o lume, en sacos de 9 quilos. Os nosos clientes son tendas: supermercados, gasolineiras, tendas agrarias, tendas chinas… É certo que temos algún cliente que nos leva por tráiler de leña a granel, pero apenas representa un 1% da produción. Ademais vendemos tamén outros produtos como lasca envasada, briquetas, pélets, carbón… Estes foron produtos que nos foron demandando os nosos clientes e fómolos incorporando, pero representa tamén unha porcentaxe pequena.

-Como resultou a aventura no sector da leña?
-Saíunos ben. Por agora case non temos competencia no mercado galego. Hai xente que vende leña envasada, pero somos os únicos que vendemos a tendas. Ademais, a situación dos mercados derivada da guerra de Ucraína favoreceu que se disparase a demanda de leña.

-Que produción manexades?
-Este ano foi espectacular. Tivemos unha produción dunhas 9.000 toneladas aproximadamente. Dende o primeiro ano estivemos dobrando a produción case tódalas campañas. Comezamos no polígono de Lalín cunha nave pequena alugada, despois mercamos hai 3 anos unha nave de 2.000 metros en Catasós e agora estamos pensando xa en ampliar porque ó ir incorporando outros produtos precisas máis espazo para almacenaxe.

“A intención é centrarnos só na venda a tendas de xeito directo e a venda a particulares facela por internet, a través da páxina web”

-Tedes intención de seguir medrando en produción?
-Estamos buscando xente para facer leña e non conseguimos atopar. Estamos incorporando maquinaria, pero tamén precisamos contratar persoal. Agora mesmo estamos un pouco condicionados por esa falta de persoal. Temos 4 persoas e puntualmente entra algún reforzo, pero precisabamos producir máis leña, xa que estamos pendentes de dar o salto á venda en internet. A intención é centrarnos só na venda a tendas de xeito directo e a venda a particulares facela por internet, a través da páxina web que estamos ultimando. Precisamos poder atender a demanda que se xere por esta vía e temos que ter a produción necesaria.

“A leña de bidueiro é unha madeira que nos piden moito os panadeiros, polo poder calorífico que ten e porque arde moi ben”

-Con que madeiras traballades?
-Traballamos carballo, eucalipto e bidueiro. Por tradición, inicialmente todo o mundo che pide carballo, o eucalipto está moi deostado e o bidueiro é unha madeira que nos piden moito os panadeiros, polo poder calorífico que ten e porque arde moi ben. Os particulares non querían nin eucalipto nin bidueiro, pero despois de probala non volven ó carballo, xa que esta leña quéntalles en moi pouco tempo, mentres que o carballo teñen que esperar varias horas para ter esa temperatura.

-Que ciclo seguides na produción da leña?
-Non hai un ciclo exacto. A leña de carballo fabricámola todo o ano, hai xente que só quere esa leña. A partir de finais de agosto comezamos a traballar máis eucalipto e bidueiro, para ter leña seca cando despois nola piden. Nesa época aínda se vai secando este tipo de leña, mentres que o carballo nos meses de outono e inverno xa non seca coa humidade que hai no ambiente.

-Que prezos se pagan pola madeira para leña?
-Nós non imos ó monte, mercamos a madeira a madeiristas. Non ten un prezo fixo, xa que depende de diversos factores como a demanda, o tipo de madeira, o madeirista… pero está entre 50 e 70 euros por tonelada. É un intervalo moi amplo. Tampouco podemos mercala cando queremos, senón cando eles nos chaman ofrecendo unha partida que nos poida interesar. Se non a compras o día que cha ofrecen cando a queiras non a podes encargar e que cha traian. Pásanos coas 3 madeiras, pero sobre todo co carballo.

“O carballo está a subir moito de prezo non só pola demanda que ten esta leña, senón pola falta de remuda xeracional que están atopando os madeireiros. Non hai xente para cortar a madeira no monte”

-Hai dificultades para facerse con madeira de carballo?
-O carballo está a subir moito de prezo, e non só pola demanda que ten esta madeira, senón pola falta de remuda xeracional coa que se están atopando os madeireiros, que non atopan xente para cortar a madeira. A diferenza do que ocorre con outras madeiras, o carballo ten que cortarse coa motoserra, non se pode facer coas procesadoras, e non hai quen o faga. Coa suba da demanda debido á guerra de Ucraína e a falta de xente non hai leña de carballo para mercar, aínda que no monte hai de sobra.

-Como é o proceso para facer a leña? Traballades con calquera tipo de madeira que vos sirvan os madeireiros?
-Nós temos unha liña semiautomática. En xeral, mándannos dende 10 a 45 centímetros de diámetro. Os diámetros de maior tamaño que nos chegan véndense como tocóns. Hai moita demanda desta leña, xa que é apreciada e de seca arde moi ben. Ten outro prezo porque leva moito tempo facela. A leña de bigbag facémola de 35 centímetros de longo e a de saco é de 30 centímetros, polo que a madeira máis recta dedicámola ás pezas máis curtas, para optimizar o proceso.

-Non vos interesan outras madeiras coma o piñeiro?
-O piñeiro en concreto non o traballamos porque é moi resinoso e a cáscara é moi gorda e non se nos presta ben.

-Facedes a leña en verde e logo deixádela secar?
-Vendemos leña seca e leña verde, a distinto prezo. Na comarca do Deza a leña verde está nos 70 euros por metro cúbico e o seco está en 110 euros. A leña para que seque ten que estar rachada. Temos os bigbag ventilados, polo que envasamos a leña en verde e logo en 5 ou 6 meses de bo tempo temos a leña de carballo seca, que é a que máis tempo lle leva secar. Os nosos sacos son de malla, polo que aínda son máis ventilados que os bigbag e lévalle menos tempo secar. Neste formato temos a leña de carballo seca en 3 o 4 meses. No caso do bidueiro, no inverno con 2 meses e medio chégalle para arder ben. No eucalipto consegues que estea seco en 3 meses.

LeñaGalicia_

Instalaciones de la empresa en Lalín.

-De onde procede a leña coa que traballades?
-Toda a leña ven dun radio de non máis de 50 quilómetros de Lalín, sobre todo cara a zona de Vila de Cruces, Ourense e Lugo. A leña está no centro de Galicia.

-Coa guerra de Ucraína, disparouse a demanda de leña. Segue a tendencia?
-Este ano en xaneiro xa non había nin eucalipto nin bidueiro seco. Agora, sen finalizar aínda a campaña, hai xente que nos está pedindo que lle levemos xa a leña, moitos deles pídennola en verde, que é máis económica, e logo encárganse eles do secado no verán.

“As estufas de leña volveron gañarlle terreo ás de pélets, en parte porque os pélets estiveron a prezo de ouro e nin sequera era posible conseguilos”

-Recuperou espazo a leña fronte aos pélets coa guerra de Ucraína?
-Moitos comerciantes de pélets cos que temos contacto comentábannos que a venda de pélets chegou a caer incluso un 80% e que moitos fabricantes de estufas centráronse nas de leña e nas mixtas. As estufas de leña volveron gañarlle terreo ás de pélets, en parte porque os pélets estiveron a prezo de ouro e nin sequera era posible conseguilos. O prezo dos sacos de pélets pasou de estar en decembro do 2022 a 3,5 euros a este ano estar a 8,5 euros. Nós tiñamos encargados varios camións de pélets e nunca chegaron e como a nós, pasoulle ao resto. Foron todos para Italia, Francia e Inglaterra onde se pagaban máis. Por iso é polo que se disparou a demanda tamén da leña.

-En Leña Galicia vendedes só en Galicia ou estades tamén noutros puntos?
-Temos un distribuidor en Portugal e agora comezamos a traballar con outro distribuidor en Madrid e estamos xestionando outro punto de venda en Ponferrada.

“Temos que darlle valor á leña, porque o ten”

-Como é o sector da venda de leña en Galicia?
-Nós vimos de fóra do sector, pero é un sector que non está profesionalizado. Cando comezamos sorprendeume moito descubrir unha unidade de medida especial para o sector: ‘o remolque’. Descubrín que era a medida que empregan non só particulares, senón tamén as empresas á hora de mercar a leña. Nós proporcionábamos a información sobre o peso e o prezo por metro cúbico e a xente non quería oír falar máis que de remolque, coas variacións que así pode haber.

Ademais, o sector da leña está moi menosprezado polo público en xeral. Non se valora a leña como o que é, unha enerxía máis, senón que se ve só como un cacho de leña.

“Se nos agrupamos podemos conseguir mellorar o sector, poñer en valor a leña e atender pedidos que de xeito individual non podemos asumir”

-Estades traballando por crear unha asociación de produtores de leña, por que xurdiu a idea de constituíla?
-A intención é traballar en conxunto para darlle valor á produción de leña, para seguir no camiño cara a profesionalización do sector. Temos que darlle valor á leña, porque o ten. Un dos xeitos para facelo é creando unha marca de leña galega. Pode que a nivel particular, nós sexamos dos menos interesados porque o noso produto é moi diferenciado e ten un público específico, pero cremos que había que traballar polo sector entre todos. Se nos agrupamos podemos conseguir mellorar o sector, poñer en valor a leña e atender pedidos que de xeito individual non podemos asumir. A nós fixéronnos este ano unha encarga de 100 camións de leña dende Valencia en mes e medio. Nos daquela estabamos saturados e resultábanos inviable en tan pouco tempo, pero se hai unha asociación podemos abrir mercado e atender demanda de pedidos destas dimensións.

-Como afecta ós produtores de leña que non estea profesionalizado o sector?
-Hai moita competencia desleal, moita xente que se dedica a facer leña e que tira cos prezos. Hai moita xente que saca un extra da leña sen ter a actividade legal, dende xubilados a xente que vende a leña compaxinándoa co seu traballo habitual… Hai traballo para todos, pero estes deberían de darse de alta, xa que están menosprezando o produto e prexudicando ós produtores profesionais de leña.

-Como está de avanzada a tramitación da asociación?
-Estamos pendente doutras reunións e rematar de ultimar os papeis para tramitala. Estamos decidindo cuestións técnicas. Agora mesmo estamos 9 socios, todos eles madeireiros a excepción de nós. Hai socios de Lalín, Vila de Cruces, Silleda, Monterroso e Lugo. Tivemos contacto con máis empresas interesadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información