“A xenómica funciona. Se non logras o resultado esperado, falla o manexo ou a alimentación”

O xenetista uruguaio Francisco Peñagaricano, profesor asociado na Universidade de Wisconsin, defende a utilidade das probas xenómicas en tenreiras recén nacidas para tomar decisións de recría e descarte

Francisco Peñagaricano, durante su intervención en las Jornadas Técnicas de Vacuno Lechero organizadas por Seragro

Francisco Peñagaricano, durante a súa intervención nas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro

As probas xenómicas están gañando peso nos establos leiteiros como unha ferramenta de selección xenética. Na actualidade, 4 de cada 10 tenreiras que nacen nos Estados Unidos son xenotipadas e índices como o TPI ou o Mérito Neto guían as decisións de inseminación e recría nas granxas.

Francisco Peñagaricano, xenetista na Universidade de Wisconsin, defendeu nas Xornadas Técnicas de Vacún Leiteiro organizadas por Seragro a fiabilidade deste sistema de predición matemática fronte a métodos usados ata agora como o pedigrí e a súa utilidade para mellorar a eficiencia e a rendibilidade das explotacións.

Non usamos a xenómica por hobbie, facémolo por diñeiro, para mellorar a rendibilidade da nosa granxa

“A selección xenómica é o cambio máis substancial e importante en vacún leiteiro desde a introdución da inseminación artificial. Podemos estimar o mérito xenético dunha tenreira no momento de nacer ou incluso antes, no estado de embrión”, explica.

Esta capacidade de anticipar resultados sen necesidade de esperar ao momento do primeiro parto do animal permite tomar decisións máis acertadas, o que impacta de forma positiva nos resultados económicos. “Estímase en 80 dólares ao ano o valor do mérito xenético que logramos na actualidade grazas á xenómica”, indica.

Se non alcanzamos os niveis produtivos que nos indican as probas xenómicas dos animais é porque están fallando aspectos de manexo ou nutrición na granxa

O xenotipado pode servir tamén para detectar outros problemas existentes na granxa. “Se nunha explotación temos un nivel xenético determinado pero non chegamos aos niveis produtivos que nos indican as probas xenómicas dos animais aí está fallando o manexo ou a alimentación”, argumenta Francisco.

“No desempeño final dun animal non só inflúe a súa xenética, senón que hai outros factores determinantes, porque ti podes ter unha xovenca cun mérito xenético espectacular pero na primeira lactación ten metrite e, a consecuencia diso, esa vaca xa non desenvolverá toda a capacidade produtiva que os seus xenes permitirían”, conclúe.

Melloras máis aló da produción grazas á xenómica

Pero “fronte á alimentación ou a outro tipo de melloras que poidamos implementar na nosa granxa, a mellora xenética é duradeira e acumulativa. Iso fai que sexa unha estratexia moi rendible”, defende.

“A xenómica é unha ferramenta moi poderosa de selección xenética”, asegura Francisco. “A vaca holstein actual produce máis do dobre de leite que a vaca holstein de hai 60 anos e a metade dese aumento de produción débese a un só factor: a selección xenética”, lembra.

A xenómica é unha ferramenta moi poderosa de selección xenética, sobre todo en aspectos funcionais como a saúde, a fertilidade ou a lonxevidade, que ata agora eran difíciles de seleccionar

Por iso é partidario de utilizar as posibilidades que ofrecen as probas xenómicas neste campo. “A xenómica non nos cambia a variación xenética na poboación, pero permítenos acurtar moito o intervalo de mellora xenética na nosa poboación”, explica.

“A xenómica impacta de forma positiva en todos os aspectos (produción, fertilidade, saúde, lonxevidade) pero faino máis naquelas características funcionais que ata agora eran difíciles de seleccionar, como son a saúde, a fertilidade e a lonxevidade. Grazas á xenómica estamos avanzando o dobre en produción do que faciamos antes, pero nestes outros aspectos estamos avanzando o triplo, é dicir, estamos avanzando tres veces máis rápido”, detalla.

Novos retos: eficiencia alimenticia e emisións de metano

O foco da selección xenética levada a cabo en vacún de leite foi cambiando nos últimos 30 anos. De empezar seleccionando só por caracteres produtivos (aumento de produción e composición do leite), pasouse despois a seleccionar tamén por trazos funcionais (saúde e fertilidade) e agora a empezar a introducir novos parámetros como os relativos a eficiencia e medio ambiente.

“A xenómica permítenos avanzar de forma moito máis rápida en características como saúde, fertilidade ou lonxevidade, pero tamén en aspectos como eficiencia alimentaria, emisión de gases ou resistencia”, asegura Francisco.

O tipo está perdendo peso nos índices xenómicos porque se usaba en selección xenética para lograr animais máis lonxevos, pero hoxe podemos seleccionar directamente por saúde

“As emisións de metano é algo que preocupa á sociedade e terán un impacto na produción leiteira futura, ao igual que a necesidade de buscar animais máis resilientes, capaces de soportar mellor os cambios e influencias externas”, considera.

En paralelo a estes cambios de mentalidade na sociedade, os criterios de selección xenética foron evolucionando. “O tipo está perdendo peso nos índices xenómicos. Ata agora usábase o tipo como un síntoma de lonxevidade, pero para que unha vaca sexa lonxeva ten que ser fértil e ter boa saúde e agora temos a posibilidade de seleccionar directamente por esas dúas características sen necesidade de seleccionar por algo indirecto como é o tipo”, razoa o xenetista da Universidade de Wisconsin.

Potenciar aspectos positivos e descartar animais problemáticos

A xenómica está xa plenamente instaurada no sector leiteiro dos EEUU como unha rutina diaria máis dos programas de selección e a estratexia de toma de decisión reprodutiva das explotacións, en combinación co uso cada vez maior de seme sexado para recría e seme de carne nos descartes.

Un estudo publicado o ano pasado analizando máis de 5 millóns de vacas leiteiras entre os anos 2019 e 2021 conclúe que nas granxas americanas úsase cada vez máis seme sexado en xovencas, sobre todo na primeira inseminación, onde alcanza xa o 70%, e cada vez máis seme de carne en vacas multíparas (30% na primeira inseminación en vacas de terceira lactación e 50% a partir da terceira inseminación).

A xenómica está xa plenamente instaurada na actualidade no día a día do sector leiteiro dos EEUU

“A xenómica funciona e permítenos predicir que animais van ser máis fértiles ou produtivos e tamén descartar aquelas tenreiras que van producir menos, que serán subfértiles ou que son susceptibles de padecer enfermidades. É dicir, a xenómica, como gandeiro, permíteme saber cales son os animais que me van dar máis diñeiro e elixilos fronte aos que me van dar máis dores de cabeza”, asegura.

Frenar a consanguinidade e evitar os haplotipos

Un dos problemas recorrentes que desencadeou a selección xenética na raza holstein é o alto índice de consanguinidade que presenta actualmente o rabaño gandeiro de produción de leite en países como os EEUU, onde se alcanzan taxas próximas ao 10%.

En EEUU alcánzanse taxas de consanguinidade na raza holstein próximas ao 10%

“Fronte ao que podiamos esperar, o aumento da consanguinidade disparouse a partir da implantación da xenómica, aínda que cos datos da xenómica pódese chegar a controlar mellor a consanguinidade”, asegura Francisco.

“É fundamental manter unha suficiente diversidade xenética e tamén evitar os haplotipos que prexudican a fertilidade e a reprodución, algo que permite a xenómica, ao detectalos tanto nos machos como nas femias”, detalla.

A xenómica permítenos evitar nos touros os haplotipos que prexudican a fertilidade e a reprodución

O xenoma do vacún de leite ten a súa información organizada en 30 pares de cromosomas iguais dous a dous. Cada membro do par procede dun proxenitor e, da mesma forma, só un cromosoma de cada parella se transmite a cada descendente, é dicir, tan só a información contida en 30 cromosomas, un por par.

Os haplotipos son secuencias xenéticas localizadas nun dos dous cromosomas que forman o par. Na maioría dos casos serán herdados en bloque e, con iso, o seu efecto. Existen distintos haplotipos que prexudican a fertilidade, que teñen sobre todo un impacto na morte embrionaria e fetal, polo que se deben evitar os acoplamentos entre vacas e touros que sexan portadores destes haplotipos.

Vacas transxénicas

A edición xénica é unha nova ferramenta xa dispoñible para introducir variacións xenéticas nunha poboación determinada. Países como EEUU ou China están a traballar neste novo campo da xenética en vacún leiteiro, aínda que Francisco ve algunhas barreiras importantes.

A principal, ao seu xuízo, estaría na valoración social do uso destas técnicas en animais destinados a produción. “A edición xenética permítenos dar un gran salto, pero ten varios problemas. Un é a aceptación social de manipular un xene e introducilo nunha especie animal”, recoñece.

A edición xenética de animais enfróntase á barreira da aceptación por parte da sociedade

Con todo, desde un punto de vista produtivo, a edición xenética axudaría a cuestións prácticas, como a posibilidade de ter animais sen cornos, “que sería positivo desde o punto de vista do benestar animal, ao evitar a necesidade de levar a cabo o descornado de tenreiras”, exemplifica.

Tamén é posible conseguir animais con menos pelo, que regulan mellor a súa temperatura corporal, resistindo mellor o estrés por calor e capaces de adaptarse ao quentamento xeneralizado ao que o cambio climático está a someter ás principais zonas produtoras de leite do mundo.

“A miña recomendación é renovar o tanque de seme varias veces ao ano e non usar nunca só 1 ou 2 touros”

El genetista uruguayo dirigiéndose al público asistente a las Jornadas Técnicas de Seragro

O xenetista uruguaio dirixíndose ao público asistente ás Xornadas Técnicas de Seragro

Francisco Peñagaricano utilizou distintos exemplos de ganderías galegas para demostrar a fiabilidade das probas xenómicas á hora de predecir o comportamento futuro en produción e fertilidade das terneiras lactantes.

“Fíxeronse predicións con 60 días de idade e comprobamos os resultados 2 anos despois. Os animais identificados xenomicamente como os máis fértiles resultaron ser os que necesitaron menos doses para quedar xestantes e os que tiveron o intervalo parto-primeira inseminación máis curto”, explicou.

O índice americano serve para avaliar o mérito xenético no sistema produtivo galego

O mérito xenético para produción das terneiras, establecido mediante xenotipado, tamén se correlaciona coa realidade de cada novilla no primeiro parto, asegura, podendo identificar de maneira precoz o comportamento productivo individual, algo útil á hora de facer posibles descartes ou vender excedentes de recría.

Consellos para maximizar a ganancia xenética

Francisco afirma que “as granxas que xenotipan a todas as súas terneiras e despois usan técnicas reproductivas avanzadas para multiplicar ás mellores mediante transferencia embrionaria logran despegar en moi pouco tempo en fertilidade e produción con respecto á media de ganderías do seu entorno”.

A miña recomendación é utilizar sempre touros xenómicos para capturar o mellor do sistema

Para poder aproveitar ao máximo o poder de mellora que achega a xenómica, este experto dá unha serie de consellos prácticos ás explotacións:

  • Usar só touros xenómicos, sen mezclar con probados
  • Cambiar o tanque de semente continuamente, varias veces ao ano
  • Non usar só 1, 2 ou 3 touros xenómicos, senón un grupo máis amplo

Se se usan poucos touros corrense máis riscos; utilizando máis dilúese o efecto dun posible semental que saia peor do que se esperaba del

“A miña recomendación é utilizar sempre touros xenómicos para capturar o mellor do sistema e renovar os touros de maneira frecuente. Hai tres avaliacións ao ano, polo que podemos cambiar o tanque de semente tres veces ao ano. Con iso reducimos a consanguinidade. Ao mesmo tempo, ao haber maior variedade dilúese o posible efecto dun touro que saia peor do que se previra del. Por iso eu recomendo non usar só 1, 2 ou 3 touros xenómicos, senón un grupo máis amplo acorde ás características que busquemos, para que o promedio de mellora sexa constante e reducir o risco dun mal touro”, resume.

Que índice utilizar: ICO, TPI ou Mérito Neto?

No turno das preguntas do público asistente ás xornadas, celebradas no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, xurdiu a dúbida de se usar en Galicia o índice español ou americano.

O especialista da Universidade de Wisconsin chegou a asegurar que “a predición en base americana funciona moi ben aquí”. “As correlacións son moi altas porque a base xenética é parecida, o sistema produtivo tamén e a industria paga de maneira similar”, afirma.

O índice de selección económica é a mellor ferramenta de selección pero Mérito Neto e ICO son índices moi parecidos

Francisco considera que o índice de selección económica ou Mérito Neto (MN$), que pretende estimar as ganancias das futuras xeracións, é a mellor ferramenta de selección, pero asegura que “mérito neto e ICO son índices moi parecidos”. En canto ao TPI, que é un índice desenvolvido pola asociación holstein americana, “ten un peso máis alto o tipo”, detalla.

A longo prazo, defende, todos os países deberían ter o seu propio índice de selección e a súa propia poboación de referencia. O índice de selección, que é independente da poboación de referencia, é un exercicio teórico que se realiza para un sistema de produción concreto e para unha industria láctea determinada.

Os índices de selección personalizados ou individualizados que se fan ás veces para unha granxa concreta moitas veces están baseados en ponderacións arbitrarias

“Hai que utilizar o índice de selección que mellor se acomode ao sistema produtivo da miña granxa e a como me pague a leite a industria. Se a empresa que me compra a leite non paga graxa e proteína, para que seleccionar por aí”, afirma.

En EEUU, por exemplo, hai diferenzas entre os distintos Estados. “En Wisconsin a industria queixería por sólidos, polo que os gandeiros alí seleccionan por graxa e proteína, fronte aos gandeiros de Florida, onde a industria local paga por volume”, compara.

Variacións nos índices

A hora de definir un índice, o énfase que poñen os distintos países nos diferentes aspectos que o compoñen varía notablemente e dá idea de cales son as prioridades en cada sistema produtivo. En EEUU ou España a produción representa máis do 50% no índice de selección utilizado, mentres que en outros países, como os do norte de Europa, o seu peso é moito menor.

“En Irlanda a fertilidade representa o 30% do seu índice e en Francia tamén ten un peso moi elevado, porque en sistemas de pastoreo a fertilidade do gando é máis importante que en sistemas confinados para poder aproveitar mellor o pasto”, explica.

Na reavaliación do índice americano vaise introducir un novo parámetro: as coxeiras

Os distintos índices, ademais, non permanecen inmóbiles, senón que se van adaptando aos cambios no sector, tanto no sistema produtivo e a normativa aplicada, como na valorización industrial.

Conafe realizou cambios nas avaliacións do ICO en xuño de 2023, mentres que en EEUU está prevista unha reavaliación do índice americano (TPI) para introducir un novo parámetro: as coxeiras. E mentres o ICO ten en conta as emisións de metano, o TPI valora a eficiencia alimentaria dos animais.

Cal é o valor económico das emisións de metano? Hai que evalualo e cuantificalo. Algo parecido pasa coa proteína A2A2

“A medida que engadimos características novas ao índice algunha característica das xa existentes necesariamente vai perder peso, porque a suma total sempre ten que ser a mesma, é dicir, a suma de todas as características tidas en conta ten que dar 100%”, detalla Francisco. “En EEUU, ao engadir as coxeiras reducirase o peso que hoxe ten a lonxevidade, porque están relacionadas e de forma directa xa a estaremos medindo coas coxeiras”, argumenta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información