A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe a sede de Xenética Fontao, empresa participada pola Xunta de Galicia. Durante o seu percorrido, no que estivo acompañada polo secretario xeral técnico, Jorge Atán, polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, a titular de Medio Rural puido coñecer de primeira man o labor realizado por este centro, que se configura como un referente no seu sector a nivel nacional na produción de seme sexado bovino, producindo en exclusiva en toda España entre 40.000 e 50.000 doses anuais.
A conselleira salientou que “a produción de seme convencional, así como seme sexado de bovino, se constitúe como un factor competitivo para o sector primario de Galicia, especialmente para as vacas frisonas”. “Deste xeito, proporciónalle autonomía ás explotacións -xa que non dependen de material reprodutivo estranxeiro- e outórgalle material xenético a un prezo razoable. Así mesmo, o centro tamén colabora nun proxecto que favorece o establecemento dun número de poboación de gando vacún de Rubia Galega, tendo en conta que tamén se producen doses de seme desta raza”, destacan dende Medio Rural.
Gómez lembrou que Xenética Fontao é “sinónimo de calidade, innovación e transferencia cara o sector” e afirmou que “na nosa comunidade somos punteiros no sector lácteo, na xenómica e na xenética animal”. A conselleira referiuse a Xenética Fontao como “unha entidade que contribúe a que Galicia siga sendo referente no sector gandeiro a nivel nacional e internacional, tanto pola súa produción como tamén a nivel de tecnoloxía e competitividade”.
Xenética Fontao traballa co obxectivo de producir todo o seme sexado de España nun horizonte de tres anos
Durante a súa visita puxo de relevo os avances realizados en materia de investigación, que permitirán que neste 2024 Xenética Fontao se converta tamén na primeira e única entidade de España en producir seme sexado de ovino e cabrún, afianzando aínda máis a súa posición de referencia.
Xenética Fontao traballa co fin último de producir todo o seme sexado de España nun horizonte temporal de tres anos. Neste sentido, o centro lucense podería chegar a producir na comunidade todo o material xenético demandado polo sector primario galego; producindo tamén doses seminais de todos os touros con capacidade produtiva, aumentando aínda máis a súa aposta pola variablidade xenética.
Presenza de touros galegos na clasificación nacional
Gómez destacou que “o traballo levado a cabo por esta empresa permitiu que a xenética galega puidera revalidar o liderado dos últimos anos a nivel nacional”. Neste 2024 Xenética Fontao situou oito touros no TOP 10 nacional, segundo indican as probas oficiais de valorización de sementais de raza frisoa publicadas pola Confederación de Asociaciones de Frisona de España. Os touros de Xenética Fontao está tamén presentes no TOP 25, TOP 50 e no TOP 100 GICO.
Neste sentido, a conselleira definiu estes recoñecementos como “mostra do bo facer e a profesionalidade do sector, producindo animais de alto valor xenético e poñendo a dispor dos gandeiros seme de touros de elite para mellorar xeneticamente os seus animais e incrementar así a súa produtividade”.
Debido á importancia deste centro, a Consellería do Medio Rural ten un convenio con Xenética Fontao dotado con 150.000 euros anuais, nado co fin de apoiar a investigación para impulsar o sector gandeiro.