Galicia está á vangarda en materia de xenética animal, algo que contribúe decisivamente a consolidar a súa posición de liderado nacional e mesmo de referente a nivel europeo na produción de leite, en cantidade e calidade. Así o destacou o conselleiro de Medio Rural, José González na súa visita esta semana á empresa pública Xenética Fontao. A visita foi co gallo da celebración do próximo inicio da produción en exclusiva de seme sexado para toda España.
Ademais, o conselleiro vinculou esta visita coa reunión que mantivo este mércores, dentro da rolda de contactos con organizacións profesionais agrarias e con outras entidades sectoriais, para impulsar o Observatorio lácteo e para avanzar na valorización do produto. Neste sentido, agradeceu a sensibilidade da distribución “á hora de comprender que o incremento dos custos que afrontan os gandeiros ten que repercutir na suba do prezo final do produto”, algo que tamén está marcado como obxectivo na estratexia do sector impulsada pola Xunta de acordo cos axentes deste eido produtivo.
Esta empresa pública producirá un mínimo anual de 30.000 doses dun seme sexado, que eleva ata o 90% as posibilidades de que o sexo do animal froito da xestación sexa feminino
En relación coa visita a Xenética Fontao, José González puxo en valor que esta empresa pública producirá un mínimo anual de 30.000 doses dun seme sexado que eleva ata o 90% as posibilidades de que o sexo do animal froito da xestación sexa feminino, algo esencial para facilitar a recría e a reposición de gando dentro da propia granxa.
Este avance para a gandaría galega vai traer consigo diferentes vantaxes, como a autonomía á hora de realizar este tipo de selección xenética, a contención dos custos e, polo tanto, unha maior rendibilidade para o sector, a dispoñibilidade desta tecnoloxía a nivel local e un maior progreso xenético.
Mellora xenética do gando frisón
A maiores, o titular de Medio Rural valorou a colaboración entre a Xunta e Xenética Fontao para seguir impulsando, entre outras cousas, o Programa de mellora xenética do gando frisón en Galicia, esencial na liña de garantir unha gandaría moderna, eficiente e competitiva. Para esta finalidade, a Consellería achega un total de 600.000 euros no período 2019-2022.
Outra liña de cooperación é o recente acordo entre Xenética Fontao e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) para impulsar a Rubia Galega. Deste xeito, destínanse 250.000 euros para recuperar as características de aptitude maternal desta raza, co triplo obxectivo de mellorar a calidade da canle e da carne dos becerros amamantados, reducir o gasto na alimentación dos becerros e mellorar a produción e as características do leite producido cara o seu emprego en produtos como o queixo.