A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Xenética Fontao amplía a súa actividade ás razas españolas de ovino de leite e vacún de carne

Xenética  Fontao amplía a súa actividade ás razas españolas de ovino de leite e vacún de carne

Vista das instalacións de Xenética Fontao

As Asociacións de Criadores, coordinadas por FEAGAS, elixiron a o laboratorio para a realización das análises xenómicas nas súas poboacións de referencia

Tras as reunións celebradas ao longo do mes de xullo de 2018 na sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), as Asociacións de Criadores de Raza Pura españolas elixiron ao laboratorio de xenética molecular de Xenética Fontao, S.A. para a realización das análises xenómicas nas súas poboacións de referencia.

A Subdirección Xeral de Medios de Produción Gandeiros do MAPA, no marco do Programa Nacional de Conservación, Mellora e Fomento das Razas Gandeiras, vai apoiar de forma decidida a implementación da selección xenómica no ovino leiteiro e o vacún autóctono de carne. Así, trátase de seguir avanzando na mellora xenética das nosas poboacións, utilizando as máis modernas e completas ferramentas á nosa disposición, como é a selección xenómica.

As Asociacións de Criadores de Gando Selecto destas especies e aptitudes produtivas, coordinadas pola Federación Española de Asociacións de Gando Selecto ( FEAGAS), foron as encargadas de validar e decidir entre as distintas ofertas existentes para a realización de análises xenómicas, sendo finalmente o laboratorio escollido para a realización destas probas Xenética Fontao.

A incorporación da biotecnoloxía do ADN nos programas de mellora xenética foi clave para o seu desenvolvemento, con aplicacións tan importantes como as análises de filiación (garantía da fiabilidade dos libros xenealóxicos), controis de trazabilidade, diagnóstico de enfermidades e anomalías xenéticas ou a identificación de variantes xenéticas relacionadas con caracteres produtivos e morfolóxicos. Esta tecnoloxía nestes últimos anos adquiriu se cabe máis relevancia coa implementación da selección xenómica nos devanditos programas.

A selección xenómica permite a estimación do valor xenético dun individuo para partir do xenotipado dun gran número de marcadores de ADN de tipo SNP (Single Nucleotide Polymorphism). Neste Programa realizarase mediante a análise de microarrays de ADN de ovino e vacún na plataforma Gene TitanTM Affymetrix de Thermo Fisher Scientific. Comezarase, como é necesario neste tipo de programas, polo estudo dos animais que constitúen as chamadas “poboacións de referencia”, que permita posteriormente predicir o valor xenético nos individuos relacionados con cada unha delas. As poboacións de referencia son representativas da variabilidade xenética que existe nas poboacións que se pretenden seleccionar.

Un laboratorio de referencia en España

O Laboratorio de Xenética Fontao demostrou ao longo dos últimos anos acreditada solvencia e capacidade técnica para a execución deste tipo de análises xenómicas. Conta coa acreditación do ICAR ( International Committee for Animal Recording), para a determinación de parentesco en animais da especie bovina mediante o xenotipado de marcadores SNP.

Desde o ano 2011, está considerado por CONAFE como laboratorio nacional de referencia para a realización das análises xenotipado de SNPs nos animais do programa de selección xenómica da raza bovina Frisoa en España. Ademais da colaboración establecida para a execución deste programa nacional de selección xenómica en ovino de leite e vacún de carne, FEAGAS e Xenética Fontao, S.A. manteñen en vigor un convenio previo, asinado no ano 2016, para a realización de análise de ADN en animais das razas ovinas e caprinas asociadas e representadas por FEAGAS a nivel nacional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *