Xeados e iogures para cans e gatos, unha opción de mercado emerxente para o leite galego

Falamos con Pablo Gómez, CEO e fundador de Dairy Pet, sobre a crecente demanda de produtos derivados do leite para consumo de cans e gatos. Unha demanda que medra exponencialmente e que permitiu a esta empresa poñer no mercado 3 millóns de iogures o pasado ano. Uns produtos que, ademais, hidratan a dieta das mascotas, que adoita ser moi seca.

Mastines que protegen el rebaño del lobo.

Dairy Pet é a empresa que desenvolve a marca comercial Yow Up! Un catálogo de 13 produtos lácteos orientados a consumo de cans e gatos. “Eu traballaba no sector leiteiro aínda que estudei ciencias do traballo. No ano 2020 xa percibimos que aumentaba o número de mascotas e a preocupación pola súa alimentación. A pandemia levou a que se desatara unha febre por ter animais na casa. Eso tamén nos axudou a dar o paso.”, explica Gómez.

A día de hoxe producen iogures, bebidas e xeados. O pasado ano procesaron 400.000 litros de leite que lles permitiron comercializar, por exemplo, case 3 millóns de iogures. O seu mercado principal é o español aínda que en só catro anos conseguiron posicionar os seus produtos en máis de 30 países. E é que dende 2010 as compras de todos os produtos e servizos que teñen que ver coas mascotas aumentan cada ano.

“O leite recibímolo de Central Lechera Asturiana, que é ademais socia neste proxecto. É sempre leite desnatado, polas características dos procesos dixestivos dos cans e gatos adultos. Sabiamos que os iogures e xeados tiñan que ser sen graxa e por eso nunca pensamos en traballar cun ou varios gandeiros provedores, o que faría máis custoso o proceso de desnatado. O modelo cooperativo co que naceu Central Lechera Asturiana e a posibilidade de establecer unha colaboración foi o que nos decidiu a optar por esa via.”

O pasado ano procesamos 400.000 litros de leite para elaborar produtos sen graxa, lactosa nin azucre. (Pablo Gómez, CEO de Dairy Pet)

A elección do leite desnatado estaba clara dende o principio. “Todo o que facemos é sen azucre, sen lactosa e sen graxa. A lactosa e o azucre son pouco dixestibles para cans e gatos porque teñen un tránsito intestinal reducido e non os descompoñen ben. A graxa non lles fai dano pero esas aportacións xa a reciben nos pensos e alimentos sólidos polo que non é necesario que a inclúamos. Aparte de que buscamos produtos o máis saúdables posible.”, di Gómez. Tamén o contido de proteína, hidratos de carbono e calorías é mínimo.

Malia o crecemento da empresa en pouco tempo, sinalan que aínda están nunha fase inicial, de xeito que non teñen en mente ir a elaboracións como o leite A2A2 ou o ecolóxico. “Case todas as tendencias do mercado humano neste ámbito son susceptibles de trasladarse ao consumo das mascotas, como demostran os iogures e xeados. Nós agora non temos proxectado facelo pero, se o mercado segue medrando así, pode haber incluso outras empresas que busquen especializarse e vaian a elaboracións con leite A2A2, ecolóxico ou rexenerativo.”, sinala o CEO.

Como tampouco desbotan que a curto prazo se poidan aproveitar os soros resultantes da elaboración de produtos lácteos como recurso alimentario, unha vez transformados. Algo que xa se está facendo nos derivados humanos e que tería cabida nestas novas categorías.

Outro dos aspectos que caracteriza os produtos de Dairy Pet é que non precisan de refrixeración. A diferencia da inmensa maioría de lácteos que consumimos os humanos. Estes complementos alimenticios, snacks ou premios -como eles os cualifican- poden ir pasteurizados ou nun proceso UHT e teñen unha longa duración sen servir en frío. Tan só os xeados se meten no conxelador 30 minutos antes de seren consumidos.

A gran distribución é consciente do enorme peso que está adquirindo a alimentación para mascotas especializada e non vai deixar pasar ese tren.

Esa ausencia de refrixeración permite que se reduzan os custos tanto de transporte como de almacenaxe. E nos puntos de venda non require dun gasto enerxético a maiores. Actualmente as tendas de mascotas seguen sendo o principal destino da marca Yow Up! aínda que a presenza nas principais cadeas de supermercados non deixou de medrar. “A gran distribución é moi consciente do peso que está adquirindo a alimentación de calidade para mascotas e non vai deixar pasar o tren.”

Aínda que en EEUU, Italia, Alemaña ou Reino Unido hai pequenos proxectos de utilización de lácteos para mascotas (pudding, xeado en po, leite fresco…), o de Dairy Pet é o único que fai un desenvolvemento integral de diferentes elaboracións e unha busca de mercados o máis grandes posible. Como eles din, non se trata só de crear un ou varios produtos, estamos ante a aparición dunha nova categoría de alimentos que tamén pode supoñer unha oportunidade de negocio para os gandeiros.

Algúns produtos que comercializa Dairy Pet

Algúns produtos que comercializa Dairy Pet

Pero o maior atractivo está na hidratación e humidificación da dieta canina e gatuna e o aporte de compoñentes saudables. Gómez explica que “máis do 90% dos cans e gatos levan unha dieta moi seca. Porque os pensos e latas son así. Nós ofrecemos un alimento moi húmido que favorece a hidratación interna do animal e que conta cunhas características de frescura. Porque a hidratación é fundamental, sobre todo para os gatos.”

A mellora das condicións hixiénicas, sanitarias e alimenticias das mascotas levou a que a súa esperanza de vida sexa máis alta. Así, tamén xorde a necesidade de facilitarlles novos compoñentes e nutrientes a medida que se fan maiores. Por exemplo, os produtos desta empresa con sede en Pontevedra fan un notable aporte de calcio. E cuns formatos de alta dixestibilidade e palatabilidade, conceptos que soemos escoitar asociados á gandería de vacún.

Un mito recorrente por parte dalgúns colectivos que se opoñen á gandería é o de afirmar que o ser humano é o único animal que consume leite na idade adulta. “Eso non é certo. Se cans, gatos e outros animais non consumen leite é por unha simple cuestión de acceso: non teñen onde conseguilo. Que nós poidamos muxilo e transformalo fai moito máis completa a nosa dieta, algo co que podemos axudar os animais.”

Gómez asegura que “hoxe en moitas casas o can e o gato son considerados parte da familia. Por eso é lóxico que se lles ofreza a mellor alimentación ou, polo menos, a máis completa e variada. O leite é un superalimento pola súa variada composición e agora estamos en disposición de compartilo con outras especies. Dende o punto de vista comercial, nós detectamos unha necesidade, un crecemento do interese e a demanda desa necesidade e atacamos o mercado cun produto innovador e moi sinxelo de entender.”

Pero, máis aló desa sinxeleza que percibe o comprador, hai un intenso e constante traballo de I+D+i. “Engadimos compoñentes prebióticos con certificado veterinario que axudan a saúde intestinal. Ou condroprotectores e coláxenos que fortalecen as articulacións. Ou traballamos con ácidos omega 3 e omega 6 que benefician o pelo e a pel. No caso do leite para gatos, incluímos taurina, que é necesaria para o seu sistema cardiovascular. Todo de xeito natural e utilizando co leite polo ou salmón, entre outros alimentos.”

As similitudes entre o mercado da alimentación das mascotas e o dos cativos son moitas. Námbolos dous casos, quen merca o produto non é quen o consume. Trátase dun terceiro que busca algo que sexa atractivo, a un prezo axeitado e con beneficios para a saúde e a dieta de quen come e bebe o adquirido. Por exemplo, a cremosidade é moi importante para que o animal os coma.”

A investigación e a combinación do leite con outros produtos é continua. Queren dar coas fórmulas que combinen apetencia e saúde, sempre con ese concepto de nova categoría na alimentación animal. Incluso xa teñen realizado paneis de cata con cans. En principio os produtos son aptos para todas as razas, tamaños e idades das mascotas. Só que algúns compoñentes serán máis ou menos efectivos segundo as características do animal. Por exemplo, canto máis grande, maior é a necesidade de reforzar as articulacións.

Nós só traballamos con 400 toneladas dun total de máis de tres millóns. Non somos unha ameaza para o consumo humano senón unha nova oportunidade para os gandeiros.

Gómez asegura que o incremento da demanda non supón un problema para atendela. “Por moito que medre, aínda é un mercado incipiente e non todo o mundo o coñece ou pode acceder a el. Nós poderiamos vender aínda máis e agardamos facelo no futuro. Por outra banda, hai leite suficiente e nutrientes cos que complementalo.” Non desbotan tampouco elaborar máis adiante derivados lácteos para consumo de mascotas roedoras como coellos, hamsters ou chinchillas.

En canto ao dilema que pode supoñer destinar a consumo de cans e gatos un alimento no que as persoas deberan ter prioridade, o CEO de Dairy Pet non considera que se poida crear un debate ao respecto. “Nós procesamos 400 toneladas dun total de máis de tres millóns que se producen só en Galicia. E temos que ter en conta que só 2 de cada 8 litros de leite que sae das granxas galegas se consumen aquí. Non vexo que poidamos ser unha ameaza. Máis ben o que facemos é ampliar a transformación do leite en produtos con valor engadido que tamén pode beneficiar os gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información