Xantar, salón internacional de Turismo Gastronómico, ultima a súa XVIII edición

Expourense acollerá o evento entre o 1 e o 5 de febreiro. Panamá será o país invitado este ano na feira, na que como é habitual, haberá tamén unha destacada presenza da oferta galega e do norte de Portugal

Xantar, salón internacional de Turismo Gastronómico, ultima a súa XVIII edición

O director de Xantar, Alejandro Rubín (dereita), na presentación de Xantar en Panamá.

O salón internacional de Turismo Gastronómico Xantar, que se celebra entre o 1 e o 5 de febreiro en Expourense, ultima a súa décimo oitava edición, na que terá un especial protagonismo Panamá. O país centroamericano participará en Xantar co status de país convidado, igual que fixera o ano pasado México. Panamá contará na feira cun restaurante propio e cun stand no que promocionará a súa gastronomía e produtos, así como as súas posibilidades como destino turístico.

O certame Xantar, organizado de xeito anual por Expourense, constitúe unha referencia para a dinamización do sector agroalimentario galego e do norte de Portugal, pero tamén atrae a outros territorios que tentan posicionarse como destino de turismo gastronómico.

Este ano, terá especial significancia a presenza panameña, que busca darse a coñecer entre o público europeo e, en especial, entre o español, xa que España é o quinto país emisor de turistas ó país. A participación de Panamá estará liderada pola Autoridad Nacional de Turismo do estado centroamericano e incluirá showcookings e conferencias no marco do Encontro Internacional sobre Gastronomía Saudable e Sostible. Panamá disporá tamén dun stand propio e dun restaurante xestionado polo Club Gastronómico de Panamá.

O prato nacional por excelencia do país latino é o sancocho de galiña de patio ou polo, unha especie de cocido realizado con ñame e culantro.

Relación Panamá e Galicia
Expourense aproveita para lembrar a tradicional relación entre Galicia e Panamá, pois nos anos 60 e 70 do século XX houbo unha destacada emigración ó país procedente de concellos como Boborás (Ourense).

Preto do 40% dos veciños de dúas parroquias de Boborás, Albarellos e Feás, marcharon daquela a Panamá para participar nas obras do Canal e asentaríanse despois no país en negocios de hostelería e mobiliario. Na actualidade, os descendentes de galegos representan a primeira comunidade española en Panamá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información