O recinto feiral de Expourense acolle desde este mércores 1 de febreiro e ata o domingo 5 a décimo oitava edición de Xantar. O salón internacional de Turismo Gastronómico contará con 232 expositores directos e ten programadas máis de 200 actividades durante os 5 días de feira, entre demostracións de cociña (showcooking), catas, talleres e conferencias.
O certame conta este ano coa presenza destacada de Panamá, que é o país convidado desta edición, pero tamén inclúe unha participación significativa dos Estados que foran países convidados as dúas últimas feiras, caso de Costa Rica e do Estado mexicano de Morelos. Entre os 232 expositores directos, haberá presenza de 11 países, a maioría latinoamericanos.
Os destinos turísticos de proximidade, coma o Norte de Portugal e as provincias de León e Zamora, tamén protagonizan unha participación salientable en Xantar.
Túnel do queixo e do viño
En canto á presenza galega, a parte das numerosas actividades de showcooking, catas e charlas que desenvolverán as distintas denominacións de orixe e IXPs, Xantar ofrécelle ós asistentes profesionais acceso ós tuneis do queixo e do viño, nos que poderán catar produtos das distintas denominacións de orixe galegas.
O certame contará ademais con 15 restaurantes que ofrecen 21 menús a prezos que oscilan entre os 14 e os 30 euros. Entre os restaurantes, haberá participación galega, portuguesa, de Castela, Asturias e de dous países latinoamericanos (Panamá e Costa Rica).
Pódese consultar na web de Xantar o programa completo de actividades do salón.