Xa son 44 as agrupacións forestais de xestión conxunta, o dobre que hai un ano

monte_cedeira__pineiro_capelada_masas_diferentes_idades_standarO Diario Oficial de Galicia publica este martes a resolución das axudas para o fomento e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta, unha iniciativa da Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

Segundo destacan dende o departamento que dirixe María José Gómez, o obxectivo é conseguir que se duplique o número de asociacións rexistradas en menos dun ano. Así, as achegas van permitir a creación de 20 novas entidades deste tipo por un importe superior aos 775.000 euros, incrementando ata 44 as asociacións inscritas no Rexistro Administrativo de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta.

Tendo en conta a incorporación das novas agrupacións, este rexistro vai contar con 1.795 socios para xestionar conxuntamente 14.942 parcelas, cunha superficie total de 4.811,19 hectáreas, co fin de obter unha mellora na eficiencia e sustentabilidade da xestión forestal.

Neste sentido, estableceranse 10 novas agrupacións na provincia de Ourense, seis na provincia de Lugo e catro na provincia de Pontevedra.

Estas achegas convocáronse a comezos deste 2024 con tres eixes de actuación, centrados na creación de novas agrupacións forestais e apoio ás xa existentes; na organización de accións divulgativas para impulsar o coñecemento e posta en valor destas asociacións; e no apoio ás asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais.

Entre outras cousas, poderanse impartir 68 sesións divulgativas en distintos concellos das catro provincias galegas e a realización de 101 actuacións sobre os terreos forestais da Comunidade.

Dende a Consellería do Medio Rural destacan que “as asociacións forestais de xestión conxunta son moi útiles para o monte galego, xa que permiten mellorar a eficiencia económica, aumentar o acceso a recursos e promover prácticas forestais máis sustentables e responsables. Estas asociacións facilitan a implementación de medidas de conservación e sustentabilidade, como a prevención de incendios, a restauración de hábitats naturais ou a mellora da biodiversidade”.

Ademais, salientan que “ao formar parte dunha agrupación os propietarios, poden contar con asesoramento técnico especializado que mellora as prácticas de xestión e aproveitamento forestal, favorecendo unha mellor planificación a longo prazo. Outra das vantaxes é na comercialización de madeira ou outros produtos forestais de maneira conxunta, dado que a agrupación pode negociar mellores prezos e condicións no mercado debido ao maior volume de produto dispoñible”.

Esta iniciativa está aliñada coa primeira revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040, Cara á neutralidade carbónica, que se estrutura en distintos eixes estratéxicos de intervención para o deseño e execución da política forestal galega.

Concretamente, esta convocatoria de axudas contribúe a acadar os obxectivos estratéxicos do Programa de fomento de agrupacións forestais de xestión conxunta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información