Xa se pode solicitar o adianto das axudas da PAC 2020

Xa se pode solicitar o adianto das axudas da PAC 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde que permite anticipar a uns 27.000 agricultores e gandeiros galegos ata 210 millóns de euros da PAC a interese cero, tras o acordo entre a Xunta e varias entidades financeiras. Con esta publicación e cos convenios subscritos entre o Goberno galego e as entidades bancarias, os produtores poden obter o adianto das subvencións sen intereses.

Polo tanto, os interesados poden solicitar estes empréstitos sen interese ata o 30 de xullo nas oficinas de Abanca, Caixa Rural Galega, Sabadell, Santander e CaixaBank, e ingresar de forma inmediata unhas achegas que adoitan cobrarse no outono. Así mesmo, coa publicación hoxe desta orde no DOG, os solicitantes das achegas da PAC por adiantado poden pedir tamén dende o luns 15 de xuño as axudas da Consellería do Medio Rural para o pagamento da comisión inicial de apertura, o que conlevará que perciban a adianto da PAC a interese cero.

A duración máxima dos préstamos será de 12 meses. A comisión inicial de apertura do 1% do préstamo será subsidiada integramente pola Consellería do Medio Rural mediante subvencións a través da orde publicada hoxe. A medida beneficiará tanto aos produtores que pidan os préstamos agora, como aos que xa o fixesen con anterioridade, de xeito que a Xunta lles aboará tamén ese 1% do importe. As entidades financeiras participarán nesta liña de empréstitos cun importe máximo de ata o 90% do importe correspondente da PAC.

Unha vez solicitado o préstamo antes do 31 de xullo, o prazo máximo para a formalización da operación será de 15 días e o empréstito será amortizado no momento do cobro da subvención, o que suporá a súa cancelación inmediata.

En caso de perda do dereito ao cobro, ou reintegro total ou parcial da axuda da PAC, o beneficiario deberá cancelar o préstamo aboando á entidade financeira a totalidade do seu importe. Neste caso, a comisión de apertura do préstamo non será financiada pola Consellería do Medio Rural, senón polo propio beneficiario.

Enlace á orde de achegas

O próximo luns remata o prazo para presentar a solicitude única de axudas á PAC para 2020

A Delegación do Goberno en Galicia lembra que o próximo luns, 15 de xuño, remata o prazo para que agricultores e gandeiros presenten a solicitude única de axudas da Política Agraria Común (PAC) e, no seu caso, a solicitude de acceso á reserva nacional de dereitos de pago básico da campaña 2020. Desde o 1 de febreiro, data na que se iniciou o prazo, preto de 700.000 produtores poden presentar a súa solicitude de axudas, ao redor de 25.000 en Galicia. En concreto, na campaña de 2019 beneficiáronse destes pagos 26.449 agricultores e gandeiros galegos que percibiron 178 millóns de euros.

Debido á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, o prazo para a presentación destas solicitudes, que finalizaba o 30 de abril, foi prorrogado ata o 15 de xuño para facilitar a agricultores e gandeiros a súa presentación e evitar posibles problemas na percepción das axudas.

Tamén se prorrogou ata o 30 de xuño a data límite para a presentación das modificacións á solicitude única, a presentación de renuncias ao réxime de pequenos agricultores, as comunicacións de cesións de dereitos de pago básico e a presentación das solicitudes de modificación do SIGPAC que deban ser tidas en conta na actual campaña, sen prexuízo de que as comunidades autónomas poidan decidir modificar o prazo deste último trámite.

Ademais das datas anteriores, na seguinte ligazón pódense consultar outras datas e prazos aplicables á xestión das axudas da PAC na campaña 2020.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información