A organización da XLI edición da MOEXMU ven de presentar os carteis promocionais desta feira, concurso e exposición de gando, que se celebrará os vindeiros 4, 5 e 6 de abril nesta localidade luguesa.
Os cartaces volven ser obra da veciña de Muimenta, Paula Francos Anllo. Segundo explica a organización “coma nos últimos, os dous carteis manteñen a mesma liña, coherencia e discurso gráficos para que sexa doado asocialos entre si. Nesta edición comparten unha disposición que evoca movemento e dinamismo a través dunha figura central que camiña -facendo alusión ao estreado camiño do recinto- con certo donaire e orgullo por esta feira. As flores mecánicas que compoñen ambas escenas transmiten alegría e fan referencia ao campo simbolizando a unión entre a natureza e a tecnoloxía no mundo rural moderno”.
En canto ao cartaz anunciador da MOEXMU “a figura protagonista está deseñada con detalles clave do mundo agrogandeiro e artesán: a cabeza é unha peza de cerámica, os pendentes son mazarocas de millo, a bolsa de tela na que gardar as compras que se fagan na feira leva un estampado de vaca, o xoguete para crianzas que leva na man é un tractor, nos pés viste unhas zocas tradicionais da zona…
E polo que respecta ao cartaz anunciador da poxa, concurso e exposición de gando “a figura protagonista é unha vaca humanizada que viste ou porta elementos do mundo da estética ou da beleza dándolle valor á razas locais que participan neste concurso: corte de pelo bob, bolsa con coroa na que figura un ubre, madreñas tradicionais a modo de zapato de tacón, banda de gañadora..”.